a ledicia de ler - "a literatura de carballo calero"
DESCRIPTION
Artigo publicado por Carlos Casares en "La Voz de Galicia" o 22 de xuño de 1975, na sección "A Ledicia de Ler"TRANSCRIPT
A LEDICIA DE LER é unha sección que Carlos Casares publicou en La Voz de Galicia de 1975 a 1980, onde trataba temas literarios e lingüísticos, ademais de dar conta das novidades editoriais da época. O texto está adaptado á normativa galega actual. Queremos agradecerlle a La Voz de Galicia a cortesía manifestada en todo momento e as facilidades para achegar este material ao público.
A LEDICIA DE LER
“A Literatura de Carballo Calero”
CARLOS CASARES
La Voz de Galicia. 22 de xuño de 1975
DOCUMENTOS DA FUNDACIÓN CARLOS CASARES
1
A LEDICIA DE LER. “A literatura de Carballo Calero”
La Voz de Galicia. 22 de xuño de 1975
A literatura de Carballo CaleroA literatura de Carballo CaleroA literatura de Carballo CaleroA literatura de Carballo Calero
CARLOS CASARES – LA VOZ DE GALICIA. 22 DE XUÑO DE 1975
Cando en 1963 se publicou a Historia da literatura galega contemporánea de Ricardo
Carballo Calero, todo o mundo estivo de acordo en que se trataba dunha obra de valor
indubidable e que con ela a literatura galega quedaba definitivamente ben estudada,
ordenada e clasificada. Se é certo que antes de Carballo Calero outros autores se tiñan
dedicado a estudar a nosa historia literaria contemporánea con mérito indiscutible,
tamén é certo que nunca ata entón se fixera co rigor científico por el utilizado. Nese
aspecto a súa obra era fundamental, é decir, que viña botar os cimentos sobre os que se
había erguer o edificio crítico-literario referente á literatura galega contemporánea.
Aquela primeira edición, en cuxo título se acotaba o ámbito temporal que abranguía o
seu estudo (1808-1936), constaba dunhas cincocentas páxinas, nas que se incluían oito
capítulos, que trataban sucesivamente da literatura galega desde a invasión francesa ata a
morte de Fernando VII; o Romanticismo e os precursores de Rosalía; unha introdución
ao chamado Renacemento; Rosalía de Castro; Eduardo Pondal; Curros Enríquez; os
diáconos ou compañeiros dos anteriores; e os epígonos. Os derradeiros escritores alí
estudados eran os da xeración anterior a Noriega Varela. Quedaban, pois, para o
segundo volume, unha parte importante (e apaixoante) da nosa literatura. De aí o
interese con que se agardaba nos medios cultos a súa aparición, que se fixo esperar,
posto que pasaron máis de once anos ata a publicación da parte que faltaba. Ao final, por
criterios editoriais, esta imprentouse facendo un só volume coa parte xa coñecida polo
que a Historia da literatura galega contemporáneai que acaba de saír, vén ser unha segunda
edición aumentada con perto de catrocentas páxinas, e corrixida, segundo declara o
autor no prólogo, xa que o texto da primeira foi revisado.
2
A LEDICIA DE LER. “A literatura de Carballo Calero”
La Voz de Galicia. 22 de xuño de 1975
As páxinas que ven agora a luz por primeira vez conteñen cinco capítulos: do IX
ao XIII da obra. Neles trátase da literatura pos-renacentista (Noriega Varela e os poetas
conservadores da liña tradicional); a época das Irmandades; o grupo “Nós”; os
novecentistas (a xeración de Manuel Antonio e Amado Carballo); e os tempos do
Seminario de Estudos Galegos: Bouza Brey, Filgueira Valverde, Aquilino Iglesias
Alvariño; Álvaro Cunqueiro, Ánxel Sevillano, Xosé Lois Parente. Inclúese ademais o
cadro sinóptico que xa figuraba na primeira edición, pero ampliado ata 1936, e a
bibliografía dos traballos máis importantes dedicados a estudar diferentes aspectos da
vida ou da obra dos escritores máis destacados. Como novidades, que convertirán esta
obra nun instrumento de traballo facilmente manexable, temos agora setenta e dúas
páxinas de índices diversos: onomástico, de obras, de revistas e xornais, de láminas, e
xeral.
A Historia da literatura do Dr. Carballo Calero é sen dúbida ningunha unha obra
monumental. Sen ela dificilmente se podería abordar o estudo da nosa literatura cun
mínimo de rigor. Con ela en cambio, ese rigor non ha requirir un esforzo diante do cal
moitos investigadores se sentirían desalentados. Ese esforzo fíxoo Carballo Calero para
todos: a lectura de textos sen máis interese que o puramente histórico ou circunstancial,
o carrexo de materiais, a súa ordenación e clasificación, a pescuda de documentos raros,
a consulta de revistas e periódicos, o manexo de edicións de asequibilidade moi difícil, a
verificación de datos, o rescate de nomes esquecidos ou ignorados… E ademais, a
análise das obras e o seu esclarecemento e valoración. Porque na súa Historia da literatura
galega contemporánea, Ricardo Carballo Calero non se pecha no marco estrito da
erudición, senón que se adentra polos espesos matos da crítica literaria, en cuxos eidos
tiña conseguido xa froitos importantes, como os brillantes estudos que na primeira
edición consagrara aos nosos clásicos do XIX. A eles hai que engadir agora os estudos
exemplares da obra de Noriega Varela, de Cabanillas, de Otero Pedrayo ou de
Cunqueiro, nalgúns dos cales se xuntan o rigor do erudito coa paixón do lector sensible
3
A LEDICIA DE LER. “A literatura de Carballo Calero”
La Voz de Galicia. 22 de xuño de 1975
e entusiasmado. Noutros, o positivismo tradicional que informa todo o libro non impide
a adopción dunha metodoloxía de tipo estrutural para mellor iluminar determinadas
facetas dalgunha obra, como no caso de Os vellos de Castelao.
O esforzo de Carballo Calero foi inmenso, e os seus froitos recolleranos os
estudiosos galegos de hoxe e de mañá. Para levalo a porto, o catedrático da
Universidade compostelá non só puxo a proba o temple do seu saber, senón que houbo
de renunciar temporalmente á súa obra persoal de creación literaria. Para eso compría
tamén ser xeneroso. El foino en abundancia. Que Deus llo pague.
* * *
1 Ricardo Carballo Calero, Historia da literatura galega contemporánea, Galaxia, Vigo, 1975; 894 páxinas.