al-andalus e os reinos cristiÁns medievais...eu xoán, bispo, cheguei [no 804] ao lugar que se...
TRANSCRIPT
AL-ANDALUS E OS REINOS CRISTIÁNS MEDIEVAIS
Selección documental a partir da realizada por Xosé Alfeirán, Ana Brea e Ana Romero
ÍNDICE
1. As campañas de conquista de Tariq
2. Os pactos de capitulación cos hispano-godos
3. Conquista de Barcelona polos francos
4. Os inicios da repoboación cristiá: a presura das terras
5. O emir de Córdoba proclámase califa
6. As manufacturas téxtiles en al-Andalus no século X
7. Obras na mesquita de Córdoba
8. Doazóns de terras e xurisdicións
9. A concesión de cartas forais
10. Almanzor en Santiago
11. A estratexia dun rei cristiá e o pago das parias
12. Desembarco dos almorábides e derrota dos cristiáns
13. As orixes do condado de Portugal
14. Concesión de terras para cultivar: o manso
15. A construción de galeras por Xelmírez
16. Concesión dun couto
17. Peregrinos en Compostela no século XII
18. Coroación imperial de Afonso VII de Castela e León en 1135
19. Unión do reino de Aragón e do condado de Barcelona en 1137
20. As cidades castelás no século XII
21. A conquista Sevilla en 1248
22. Dureza das condicións dos señoríos eclesiásticos
23. Concesións á gandería ovina na coroa de Castela
24. Os científicos musulmáns
25. Os privilexios nobiliarios na Coroa de Aragón no século XIII
26. A concesión dunha feira
27. A propagación da Peste Negra
28. Creación da lonxa de Barcelona
29. A batalla de Alxubarrota de 1385
30. O pogrom antixudeu de 1391
31. Peticións ás Cortes de Castela sobre o comercio da la
32. Os chamados malos usos en Cataluña
33. Os nobres contra o rei de Castela: a Farsa de Ávila de 1465
34. Romance da perda de Alhama
1. As campañas de conquista de Tariq
No 711, tropas bérberes dirixidas por Tariq procedentes do norte de África, desembarcaron
na zona de Xibraltar (roca de Tariq) e derrotaron os visigodos na batalla de Guadalete.
Despois iniciaron unhas rápidas campañas que lles permitiron dominar a Península.
Marchou de seguida Tariq cara Alxeciras e despois á cidade de Ecixa. Os seus habitantes,
acompañados dos fuxitivos do gran exército, saíronlle ao seu encontro e trabouse un tenaz combate,
no que os musulmáns tiveron moitos mortos e feridos. Deus concedeulles a súa axuda e os politeístas
[os cristiáns] foron derrotados, sen que os musulmáns volvesen a atopar tan forte resistencia (...).
Dividiu Tariq o seu exército. Desde Écixa enviou a Moguits al-Romi (...) a Córdoba (...). Mandou
outro destacamento a Rayya, outro a Granada (...) e el dirixiuse cara a Toledo co groso das tropas
(...). O destacamento que foi cara a Rayya [territorio en torno a Málaga] e conquistouna (...);
marchou despois a unirse co que fora a Elvira, cercando e tomando a súa capital [Granada] (...).
Foron despois a (...) Orihuela que se chamaba Tudmir, polo nome do seu señor [Teodomiro]. Saíu
este ao encontro dos musulmáns cun exército numeroso que combateu debilmente, sendo derrotado
(...). Os poucos que puideron escapar fuxiron a Orihuela, onde non tiñan xente de armas nin medio
de defensa. No entanto, o seu xefe Tudmir, home experto e de moito inxenio, ao ver que non era
posible a resistencia coas poucas tropas que tiña, ordenou que as mulleres deixasen soltos os seus
cabelos, deulles canas e colocounas sobre a muralla de tal forma que parecesen un exército, ata que
el axustase as paces. Saíu de seguida a parlamentar, pedindo a paz que lle foi outorgada (...).
Despois (...) marcharon as tropas cara a Toledo para reunirse con Tariq.
Colección de tradicións. Século XI [árabe]
2. Os pactos de capitulación cos hispano-godos
Na conquista da Península, os musulmáns combinaron os ataques e a ocupación dos lugares
clave coa sinatura de acordos coa nobreza hispano-goda. A cambio do seu sometemento e o
pago de tributos, os musulmáns garantían o mantemento das súas propiedades, das súas leis e
dos seus gobernantes.
Cumpridos sete anos de loitas [no 718] e mediando negociadores entre ambas hostes, [os
hispanogodos] depuxeron as armas. En virtude de pacto firme e de palabra inmutable, acordouse
desmantelar as fortalezas dos hispanos e godos e habitar nos castros e aldeas, tendo estes dereito
para elixir condes e señores da súa raza que lles gobernasen e fosen os encargados de cobrar os
pechos ou tributos reais debidos, en virtude do convenio, aos sarracenos, por todos os habitantes do
respectivo condado. Os veciños das cidades que os invasores conquistaran pola forza, quedaban en
servidume como prisioneiros de guerra, excepto os que, segundo as instrucións do califa de oriente,
debían ser pasados a coitelo.
Cronicón Albeldense. Século IX [latín]
3. Conquista de Barcelona polos francos
Desde finais do século VIII, os francos pasaron os Pirineos e desenvolveron diferentes
campañas contra os musulmáns. No 800, un gran exército franco encabezado polo rei Luís,
fillo do emperador Carlomagno, cercou Barcelona. Os musulmáns, que defendían a cidade,
rendéronse pola fame no 801.
Despois disto, pareceu ao rei e aos seus conselleiros que debía marcharse á toma de Barcelona. E
dividido o exército en tres, retivo unha para si que permaneceu no Rosellón; outra debía facer o
cerco á cidade, dirixida por Rostán, conde de Xirona; a terceira mandou que acampase lonxe da
cidade, para evitar que os inimigos atacasen de súpeto. Entre tanto, os cercados no interior da
cidade enviaron emisarios a Córdoba para pedir axuda, e o rei dos sarracenos enviou
inmediatamente un exército de axuda. (...) A fame obrigou aos cercados a arrincar das portas da
cidade os vellos coiros e convertelos en miserable alimento. (...) O rei achegouse ao exército que
cercaba a cidade que, finalmente derrotada, entregouse ao vencedor. (...) Despois deixou alí ao
conde Bera coas tropas godas como custodia.
BERNARDO o Astrónomo. Vida do emperador Luís o Piadoso. Século IX [latín]
4. Os inicios da repoboación cristiá: a presura das terras
Nos séculos VIII e XI, os cristiáns do norte da Península foron ocupando terras conquistadas
aos musulmáns ou abandonadas por eles. Unhas veces facíano por iniciativa particular e
outras baixo o pulo dos reis e dos nobres. Para facilitar a repoboación, os reis doaban esas
terras a quen as ocupase e cultivase, pasando a ser propietarios a cambio do pago dos tributos;
este procedemento coñécese co nome de aprisio ou presura.
Eu Xoán, bispo, cheguei [no 804] ao lugar que se chama Valpuesta e alí atopei unha igrexa
abandonada coa advocación de santa María Virxe, e alí puxen termo baixo o reinado do noso señor
Afonso [II], príncipe de Oviedo. Construín e afirmei esa mesma igrexa e nese mesmo lugar tamén
fixen presuras cos gasalianes [servidores e compañeiros] que viven comigo. Dinlles os límites [das
fincas] (...) cos muíños no regato, cos seus montes e fontes, coas súas charcas, coa súa renda e o seu
produto (...). Habitando desde aquí fomos a Pontacre e alí fixemos presuras desde o cumio da Peña
(...) ata o río Oron cos seus muíños. Atopei alí igrexas antigas dedicadas aos santos Cosme e
Damián, a san Estevo e san Cibrán e san Xoán e san Pedro e Paulo (...) e confirmeinas baixo a miña
xurisdición. E construín alí un cenobio [o mosteiro de Santa María de Valpuesta] cos meus
gasalianes.
XOÁN, bispo de Valpuesta. Carta. 812 [latín]
5. O emir de Córdoba proclámase califa
Entre o século IX e X, diferentes movementos político-relixiosos provocaron a decadencia do
califato de Bagdad e a división relixiosa. No 910, no Cairo xurdiu o califato fatimí. No 929,
en Córdoba, o emir Abd al-Rahman III, apoiándose nos seus éxitos militares que lle deron o
control de al-Andalus, tamén se proclamou príncipe dos crentes ou califa. Nacía así o califato
de Córdoba.
Neste ano [929] ordenou Abd al-Rahman al-Nasir que se lle chamase nas cartas a el dirixidas e se
lle invocase nas oracións co título de Príncipe dos Crentes (...). Neste senso, enviou cartas súas
dirixidas aos gobernadores das diferentes provincias (...). Nas cartas dicía: “No nome de Deus
clemente e misericordioso. Bendiga Deus ao noso honrado profeta Mahoma. Por canto Deus (...)
mostrou a súa preferencia por nós (...), estendeu a nosa fama polo mundo, enxalzou a nosa
autoridade polas terras (...), dispuxo que os extraviados volvesen a nós e que os nosos súbditos se
alegrasen por verse á sombra do noso goberno (...). En consecuencia, decidimos que se nos chame
co título de Príncipe dos Crentes, e que nas cartas, tanto as que expidamos como as que recibamos,
se nos dea este título (...). Ordena, polo tanto, que o predicador da túa xurisdición empregue dito
título e úsao ti de agora en adiante”.
Crónica de Abd al-Rahmán III al-Nasir. Século X [árabe]
6. As manufacturas téxtiles en al-Andalus no século X
O califato de Córdoba alcanzou un elevado desenvolvemento económico baseado na
renovación das actividades agrarias e na potenciación das artesanais e comerciais; entre elas
tiveron gran fama as producións téxtiles.
Fabrícanse tecidos de la; entre outros, o máis fermoso veludo armenio que se poida imaxinar, que se
vende moi caro, sen contar os tapices de gran calidade. Nos tecidos tinxidos hai marabillas
conseguidas con herbas especiais de al-Andalus. Tínguense feltros do Magreb, excelentes e
custosos, e seda, coas diferentes cores que se prefiren para a seda fina e a crúa. Tamén se exportan
brocados. Ningún especialista dalgún outro país iguala os de al-Andalus na confección de feltros
(...). Isto é o máis fermoso que existe en materia de tinturas. Fabrícase seda fina, para o soberano,
dunha calidade superior á de Iraq; fabrícase tamén unha variedade que está encerada, de modo que
se fai impermeable para o portador.
O prezo destes produtos aproxímase aos das rexións afamadas pola calidade do seu mercado, ricas
en recursos e acomodadas, onde a vida é fácil. O produtos de calidade media son accesibles a todo
o mundo, sen ter que pagalos demasiado caros.
En varias partes do país fabrícase liño ordinario para os vestidos, que se exporta a diferentes
lugares e incluso chegan a enviarse grandes cantidades a Exipto.
Os mantos confeccionados en Pechina [Almería] son enviados a Exipto, Meca, Iemen e outros
lugares. Fabrícanse para o público e para a Corte vestidos de liño que non son, en absoluto,
inferiores ao “dabiqui”, de grande espesor, pero tamén de gran lixeireza.
IBN HAWKAL. Configuración do mundo. Século X [árabe]
7. Obras na mesquita de Córdoba
Como capital do califato e froito do seu desenvolvemento político e comercial, Córdoba foi
unha cidade moi populosa. Co obxectivo de dar cabida ao elevado numero de fieis, no século
X a súa mesquita foi agrandada e embelecida, amosando a grandeza de al-Andalus.
Desde que ocupa o trono, al-Hakam II ocupouse de agrandar a mesquita principal de Córdoba e esa
foi a primeira orde que deu (...). Para trazar o plan e fixar os detalles dos traballos, trasladouse ao
lugar mesmo da futura construción acompañado dos xeques e arquitectos, que decidiron agrandar a
mesquita desde a extremidade sur da mesma, ata a extremidade do patio, engadíndolle así 11 naves.
(...) En xuño de 965 rematouse a cúpula que dominaba o mihrab, traballo que formaba parte das
obras de ensanche da mesquita. Comezaron as incrustacións de mosaico no edificio; al-Hakam
escribira ao rei dos rumís [romanos de Bizancio] ordenando que lle enviase un obreiro capaz, a
imitación do que fixera al-Walid ben Abd al-Malik con ocasión da construción da mesquita de
Damasco. Os enviados do califa trouxeron consigo ao mosaísta e 320 quintais de cubos de mosaico,
que o rei dos rumís enviaba de regalo (...). O 28 de decembro do 969 fixo colocar a antiga cátedra
xunto ao mihrab e levantou de novo a maqsura. (...) A cátedra que mandou facer al-Hakam estaba
incrustada de madeira de sándalo vermello, de ébano, de marfil e de áloe; custou 35.705 dinares e
tardaron cinco anos en rematala.
AL-MAQQARI. Historia de al-Andalus. Século XVII [árabe]
8. Doazóns de terras e xurisdicións
Nos reinos e condados cristiáns, os seus reis e condes concederon ás igrexas, mosteiros e
nobres amplas doazóns de terras e dereitos xurisdicionais, consolidando deste xeito o poder
feudal de nobres e eclesiásticos.
Eu, Fernán González, pola graza de Deus conde de toda Castela, xunto coa miña muller a condesa
Sancha, para remisión dos nosos pecados e remedio das nosas almas (...), en honor de san Millán
(...) e de ti, pai espiritual abade Fortunio, e de todos os clérigos suxeitos a ti, que de día e de noite
alí serven a Cristo, ofrecemos, damos e confirmamos na vila de Salinas a cuarta parte, íntegra e
libre, con saídas e entradas, con comunidade de pasto, cos habitantes da vila, libre e inxenua de
todo servizo real ou de potestade e de entrada de saión. E non teñan homicida [sanción por
homicidio ou asasinato] e fonsado [obriga de formar parte do exército real] segundo costume, e
ninguén sexa sometido por ningún crime á potestade daquela vila (...). E as eiras de sal de San
Millán sexan libres da autoridade do conde. Así mesmo, concedémosvos a facultade de que todo o
que ademais disto podades obter por doazón ou por compras o posuïades libre e firmemente por
todos os séculos, amén.
Carta de doazón a San Millán da Cogolla. 945 [latín]
9. A concesión de cartas forais
Para favorecer a repoboación das zonas fronteirizas, reis e condes cristiáns concederon
amplos privilexios, dereitos e liberdades ás xentes que se asentasen en determinadas vilas e
cidades. Estas concesións coñecidas como cartas forais ou de poboamento, foron moi
frecuentes a partir do século X; nelas tamén se regulamentaban as diversas taxas feudais que
debían pagar, así como as sancións polos delitos cometidos.
Eu, García (...), conde e emperador de Castela, en unión coa miña dona a condesa Abba (...)
facemos escritura de liberdade ou inxenuidade a vós, os meus fidelísimos homes de Castroxeriz.
Damos bos foros aos cabaleiros infanzóns: que poboen libres as súas herdades cos que veñan (...).
Se alguén matase a un cabaleiro de Castroxeriz, que pague cincocentos sólidos e fagan doce
homicidas* e non teñan sobre si nuncio* nin mañería*. (...). E damos foro aos peóns: que prevaleza
o seu testemuño sobre os cabaleiros viláns de fóra de Castroxeriz e que non teñan sobre si ningunha
serna* nin corvea*, senón que pola terra deberán pagar un só día para barbeitar, outro para
sementar e outro para podar e un carro de cereal. E que os homes de Castroxeriz non deban
portádego*, nin montádego*, nin pontádego* e non teñan sobre si nin mañería, nin fonsadeira*, nin
ningunha outra corvea. E se os homes de Castroxeriz matasen a un xudeu, paguen por el tanto como
por un cristián.
Carta foral de Castroxeriz. 8-3-974 [cast.]
*Homicida: sanción aplicada por asasinato. Nuncio: prestación económica que os vasalos entregaba
ao seu señor para poder transmitir aos seus fillos as terras que recibiran en beneficio. Mañería:
prestación económica que o vasalo estéril ou mañero entregaba ao seu señor para poder transmitir en
herdanza un predio cultivado. Serna: obriga de realizar certos traballos agrícolas na reserva señorial
en determinadas épocas do ano. Corvea: obriga dos vasalos de realizar para o señor determinados
traballos tales como reparar camiños e pontes (fazendera), construír, manter e repara o castelo
(castellaria), facer labores de vixilancia (anubda), levar mensaxes (mandadería), aloxar e dar de
comer ao señor cando pase pola súa casa (hospedaxe e xantar). Portádego, montádego, pontádego:
impostos cobrados polo señor polas mercadorías que atravesan as portas das murallas das cidades, os
montes do señor ou as pontes que estaban no territorio do seu dominio. Fonsado/fonsadeira: tributo
que se pagaba ao rei por redimirse de ter que formar parte do seu exército.
10. Almanzor en Santiago
A finais do século X, o califato de Córdoba alcanzou o seu máximo poder militar con
Almanzor, que realizou numerosas campañas vitoriosas contra os cristiáns. No 997 atacou e
saqueou Santiago, respectando soamente a tumba do apóstolo.
Al-Mansur chegara nesta época ao máis alto grao de poder. Socorrido por Alá nas súas guerras cos
príncipes cristiáns, marchou [no 997] contra Santiago, cidade de Galicia que é o máis importante
santuario cristián (...). Chegado a Viseu (...) uníronselle gran numero de condes [cristiáns] que
recoñecían a súa autoridade (...). Atravesado o Miño, os musulmáns (...) tomaron por asalto a
fortaleza de San Balai [Sampaio?] e saqueárona. Despois (...) chegaron á montaña do Morrazo, que
o océano rodea por todas partes; internáronse nela, botando da mesma a quen a ocupaba e
apoderáronse do botín. Atravesaron de seguida o río de Lurqí [Lérez?] por dous vaos que lles foron
sinalados; despois cruzaron o río Ulla (...). Chegaron así ao río de Iliia [Iria Flavia] onde se alzaba
un dos templos consagrados a Santiago (...). Despois de arrasalo por completo, foron a acampar
ante a orgullosa cidade de Santiago [o 10 de agosto]. Todos os seus habitantes abandonárona e os
musulmáns apoderáronse de todas as riquezas que nela atoparon, e derrubaron as construcións, as
murallas e a igrexa (...). Pero os gardas colocados por al-Mansur para facer respectar o sepulcro
do santo, impediron que a tumba recibira dano algún. Pero todos os fermosos palacios, solidamente
construídos, que se alzaban na cidade foron reducidos a po (...). As tropas conquistaron despois as
comarcas veciñas e chegaron ata a península de San Mankas [San Cosme de Maianca?, en Oleiros,
preto da Coruña] que avanza no océano, punto extremo ao que ningún musulmán chegara ata entón
(...). De regreso da súa campaña, dirixiuse cara ao territorio de Bermudo [II, rei de León], fillo de
Ordoño, a fin de saquealo e devastalo (...). O exército enteiro entrou en Córdoba san e salvo e
cargado de botín, despois dunha campaña que fora unha bendición para os musulmáns. Alá sexa
loado!
BEN IDARI AL-MARRAKUSI. Historia dos reis de al-Andalus. Século XIV [árabe]
11. A estratexia dun rei cristiá e o pago das parias
No século XI, a fragmentación do califato de Córdoba deu orixe á formación de numerosos e
pequenos reinos musulmáns, as taifas. Enfrontados entre eles, solicitaron axuda aos reis
cristiáns. Estes aproveitaron as circunstancias para impoñer a súa protección a cambio de
cuantiosas cantidades de diñeiro, as parias; se estas non se pagaban saquearían o territorio
musulmán. Esta estratexia permitiu aos cristiáns incrementar o seu poder e avanzar cara ao
sur.
Todas estas promesas [feitas por al-Mutamid, rei da taifa de Sevilla] provocaron a cobiza do
cristián [Afonso VI de Castela e León] quen pensou: "Aquí temos un bo negocio do que é imposible
que eu non saque algún proveito” (...). Entón marchou coa intención de explotar completamente
tanto ao seu aliado [o rei taifa de Sevilla] coma ao seu rival [o rei taifa de Granada] (...) e de
enfrontalos un contra outro para conseguir a ruína dos dous. Ademais, pensaba no seu interior nas
posibilidades que tiña de conquistar a cidade de Granada argumentando o seguinte: "Para eles son
estranxeiro e todos me odian. É imposible que a cidade se renda sen loita! (...) Nin sequera podería
matar a todos os habitantes e repoboar a cidade con xente do meu propio país! Non; o que teño que
facer é enfrontar aos príncipes musulmáns e aproveitarme continuamente deles para gastalos e
debilitalos. Unha vez que estean extenuados non poderán facer outra cousa que renderse (...). Isto é
o que ocorre en Toledo, que vou gañar sen ningún problema grazas ao empobrecemento e
dispersión da poboación e á fuxida do seu rei” (...). Ante estas ameazas subscribimos [os reis de
Sevilla e Granada], en presenza de Afonso, un acordo que prohibía toa agresión dun príncipe
musulmán contra outro e estipulaba a cuantía anual do tributo que tiñamos que entregarlle que,
polo que a min respecta, fixou en 10.000 mitcales. En relación con isto Afonso faloume suavemente
dicindo: "(...) Estate tranquilo! Non che obrigarei a nada salvo a satisfacer o tributo que me
enviarás puntualmente cada ano”. (...) Tiven que aceptar, convencido de que o pago me protexería
das súas ameazas e isto era mellor que a morte das miñas xentes e o saqueo do territorio, pois sabía
que non posuía forzas para enfrontarme a el con posibilidades de éxito.
ABD ALLAH, rei da taifa de Granada. Memorias. Século XI [árabe]
12. Desembarco dos almorábides e derrota dos cristiáns
A conquista de Toledo polos cristiáns atemorizou ao resto dos reis taifas de al-Andalus. Estes
pediron axuda aos almorábides que gobernaban no norte de África. No 1086, os almorábides
desembarcaron na Península, derrotaron aos cristiáns e anexionáronse os reinos musulmáns
de al-Andalus.
Cando viu al-Mutamid ben Abbad [emir da taifa de Sevilla] que Afonso [VI de Castela e León]
apoderárase de Toledo e da súa rexión, que apertaba o cerco de Zaragoza e oíu que Iusuf ben
Tashufín [emir dos almorábides] tomara Ceuta, pasou ao outro lado do estreito para traer a al-
Andalus a Iusuf (...). Iusuf respondeulle: "Volve ao teu país, e prepárate, que eu irei tras de ti" (...).
Iusuf emprendeu o traslado das súas tropas a al-Andalus en número incalculable (...). Desembarcou
[no 1086] en Alxeciras e (...) o atopou alí al-Mutamid con todos os emires de al-Andalus. [Despois]
marchou co seu exército (...) dirixíndose ao campamento de Afonso ata caer sobre el (...). Ao ver que
a noite se lle botaba enriba, que a maior parte dos seus soldados pereceran, e ao ver tamén a
constancia dos almorábides (...) na guerra santa, Afonso coñeceu que xa non podía loitar máis
tempo contra eles e fuxiu derrotado, só con cincocentos xinetes. Os musulmáns pasaron aquela noite
a cabalo, matando, collendo prisioneiros, facendo botín e dando grazas a Deus pola vitoria que lles
concedía; entón fixeron a oración da mañá en medio do campo de batalla.
IBN ABI ZAR. Crónicas. Século XIII [árabe]
13. As orixes do condado de Portugal
A finais do século XI, as terras entre o Douro e o Miño formaban o condado de Portugal. O
rei Afonso VI concedeu estas terras ao conde Henrique de Borgoña, casado coa súa filla
Tareixa. Dito condado foi gobernado desde 1128 polo seu fillo, Afonso Henríquez. Este,
aproveitando as súas vitorias fronte aos musulmáns, proclamouse rei de Portugal en 1139,
sendo recoñecido como tal en 1143 por Afonso VII a cambio da súa vasalaxe.
Para que se coñeza mellor ao virtuoso rei don Afonso Henríquez cómpre acudir ás crónicas que
falan do rei don Afonso VI de Castela, chamado o Emperador, que tomou Toledo aos mouros, digno
de todo o recoñecemento, principalmente por loitar contra os inimigos da santa fe católica que tiñan
ocupada toda España. (...) E viñeron a axudalo xentes de fóra (...) e entre estes viñeron tres señores
principais: o conde don Ramón de San Xil de Provenza, o conde don Raimundo de Tolosa e don
Henrique, sobriño deste conde de Tolosa. (...) E era este don Henrique discreto e valente cabaleiro,
ademais doutras moitas virtudes. O seu escudo de armas era un campo branco, sen outro sinal, e
andando en guerra contra os mouros co rei don Afonso, fixo moitas e famosas cabalgadas, polo que
era moi estimado e querido por todos. E desexando o rei honrar e agradecer os servizos que lle
facían axudándoo na loita contra os mouros, determinou casar as súas tres fillas con eles: a unha
que chamaban dona Urraca casou co conde don Raimundo de Tolosa, de quen naceu despois Afonso
de Castela, chamado o Emperador, de quen descenderon todos os reis de Castela. A outra chamada
dona Elvira casou co conde don Raimundo de San Xil de Provenza. E a outra chamada dona
Tareixa deu por muller [no 1095] a don Henrique, sobriño do conde de Tolosa, dándolle con ela por
dote Coimbra, con toda a terra ata o castelo de Lobeira, que está a unha legua alén de Pontevedra
en Galicia, e con toda a terra de Viseu e Lamego (...). E con todo isto fixo o condado de Portugal,
con tal condición de que se fose chamado, o conde don Henrique se presentase na súa Corte.
Crónicas dos Sete Primeiros Reis de Portugal. Século XV [portugués]
14. Concesión de terras para cultivar: o manso
Donos de extensos territorios, os mosteiros e os nobres concederon parcelas para o cultivo
aos seus campesiños que, ademais de traballar as terras, quedaban sometidos á súa
autoridade, pagando diversas taxas e servizos, establecéndose tamén lazos de dependencia
persoal de carácter feudal.
No nome de Deus. Eu, Pedro, abade pola graza de Deus, con toda a congregación do mosteiro de
San Martiño de Canigó [Xirona], a ti, Raimundo Gauzfredo, por esta escritura de doazón facemos
este convenio sobre o manso que temos en Vila Mariana e no lugar chamado Mirles, que foi de
Seniofredo Adolfo.
Dámosche o citado manso coas terras e viñas que a el pertencen, para que o traballes ben (...), e por
cada ano deas a cuarta parte das viñas e a tasca [o onceavo dos froitos] das terras. E damos o
citado manso para que deas ao mosteiro de San Martiño, da túa terra propia, sete somatas
[medidas] das túas viñas sen ningún engano. E se tes un fillo varón de matrimonio lexítimo, que o
teña do mesmo modo que ti, de tal xeito que das citadas viñas que ti donas, dea el o cuarto despois
da túa morte. E ti farás cada ano o recoñecemento, isto é, que darás albergue ao señor abade cun
monxe e dous cabaleiros, e lles darás un cuartario [medida de capacidade] de cebada e un corr
[medida] entre cebada e avea.
E eu, Raimundo, por este convenio, dou ao mosteiro de San Martín un mulo que vale tres onzas.
Ademais, á miña morte, dono o meu corpo a San Martiño coa miña parte de bens mobles.
Concesión dun manso. Finais do século XI [latín]
15. A construción de galeras por Xelmírez
Na segunda década do século XII, ante os ataques dos piratas musulmáns que devastaban as
costa de Galicia, o bispo Xelmírez, como gran señor feudal do territorio, conseguiu construír
unha flota que non só serviu para a defensa da costa senón tamén para realizar expedicións de
saqueo a al-Andalus.
Por estes tempos, os sarracenos hispalenses, saltenses, castelenses, silvenses e demais que habitan
nas costas desde Sevilla ata Coimbra, tiñan o costume de construír grandes naves, e embarcados na
flota con xente armada, devastaban e despoboaban as costas marítimas desde Coimbra ata os
Pirineos (...), e principalmente asolaban o litoral próximo ao territorio de Santiago (...). A tantas e
tan graves persecucións dos infieis, xa procurara poñer remedio o bispo [Xelmírez] xunto cos
magnates de Galicia. Pero os galegos non tiñan costume de construír naves, agás as de carga, nin
de cruzar os altos mares con naves de vela, co que xulgaba o bispo non poder poñer fin a tantos
males. (...)
Pero confiado o bispo na infinita providencia de Deus, e compadecido da catividade dos cristiáns,
enviou mensaxeiros a Pisa e Xénova, onde había construtores de navíos e mariños moi expertos (...)
aos que convenceron para que viñesen a Galicia para construír naves. Sen perder tempo viñeron
desde Xénova a Compostela os artífices; presentáronse ao bispo e contrataron con el, por
determinado prezo, a construción de dúas naves. O gozo e o entusiasmo dos moradores das costas, e
aínda de todos os galegos, só pode entenderse se temos en conta a utilidade da obra. (...) De que
outro modo podería impedirse aos sarracenos que viñan con multitude de naves, a depredación e
catividade de Galicia máis que correspondéndolles coa guerra naval?
Construídas, pois, con enormes expensas as dúas naves, que o vulgo chama galeras (...) douscentos
homes expertos en asuntos de mariña e guerra, invaden con curso veleiro as costas dos ismaelitas e
a súas terras, pagándolles con creces os danos recibidos (...). En fin, saciada a espada e cargadas
as naves de ouro, prata e despoxos, cantando loas a Deus e a Santiago, volven gozosos á súa terra.
Historia Compostelá. Século XII [latín]
16. Concesión dun couto
As relacións de poder na sociedade cristiá medieval peninsular baseábanse nas relacións de
vasalaxe entre o rei e os seus nobres. A cambio de servizos e fidelidade, os reis doaban aos
seus nobres coutos, con todas as súas herdades e pertenzas.
Eu Urraca, xuntamente co meu fillo don Afonso, fago carta de doazón a vós, conde don Pedro
Froilaz e á vosa muller a condesa dona Maior Rodríguez, de Bárzena cos seus coutos, a saber: por
aquel río de Dozón e polo río de Deza e polo río de Arciego e por termos de Cusanca; tamén vos
dou canto posúe Bárzena fóra daquel couto, é dicir, en Deza, Camba, Cusanca, Montes e Salnés,
todo canto lle pertence, tanto homes como herdades e igrexas (...). Dou e concedo aos mencionados
condes (...) as referidas vilas e igrexas e castelo en toda a súa integridade, porque meu pai don
Afonso criounos e alimentounos, e polos fieis servicios que deles recibín, e porque criaron e
alimentaron ao meu fillo o rei don Afonso. Quero que teñades todo isto en propiedade vós e os vosos
fillos e toda a vosa descendencia.
URRACA, raíña de Castela. Carta de doazón. 1112 [latín]
17. Peregrinos en Compostela no século XII
No 813, descubriuse en Compostela un sepulcro que foi considerado como o que contiña os
supostos restos do apóstolo Santiago. O seu culto espallouse rapidamente entre os cristiáns e
o lugar foi obxecto de peregrinacións que foron crecendo co paso do tempo. Nos séculos XII,
XIII e XIV, milleiros de peregrinos chegaron á cidade de Santiago de Compostela.
É tradición que nesta venerable basílica descansa, con todos os seus honores, o corpo venerado de
Santiago, debaixo do altar maior que se levantou no seu honor, gardado nunha arca de mármore,
nun magnífico sepulcro de bóveda, admirablemente executado e de dignas proporcións. Este corpo é
dos inamovibles, segundo o testemuño de san Teodomiro, bispo da cidade, que foi quen o descubriu
e non foi capaz de movelo. Ruborícense, pois, os transpirenaicos, que afirman ter unha parte ou
reliquias súas, porque o corpo do Apóstolo está íntegro alí (...). Sobre o sepulcro hai un pequeno
altar que, din, foi levantado polos seus discípulos e que por amor ao Apóstolo e aos seus discípulos
ninguén se atreveu a desmontar despois. Sobre este se levanta un altar grande e marabilloso (...).
A este lugar veñen os pobos bárbaros e os que habitan en todos os climas do orbe (...). Causa
alegría e admiración contemplar os coros de peregrinos ao pé do altar venerable de Santiago en
perpetua vixilancia; os teutóns a un lado, os francos a outro, os italianos a outro; están en grupos,
teñen cirios ardendo nas súas mans; por iso toda a igrexa está iluminada como co sol dun día claro.
(...) Uns tocan cítaras, outros liras, outros tímpanos, outros frautas, caramelas, trompetas, arpas,
violíns, rodas británicas ou galas; outros cantan con cítaras e outros pasan a noite en vela
acompañados con diversos instrumentos. Outros choran os seus pecados, outros len os salmos,
outros dan esmola aos cegos. Alí poden oírse diversidade de linguas, diversas voces en idiomas
bárbaros; conversas e charlas en teutón, inglés, grego (...), non existen palabras nin linguaxes nas
que non resoen as súas voces. (...) Uns veñen, outros retíranse e ofrecen diversidade de dons. (...)
Se alguén se achega triste, retírase alegre. Alí [en Compostela] celébrase continua solemnidade, a
festividade prepárase coidadosamente, á esclarecida celebridade [o apóstolo Santiago] se lle rende
culto de día e de noite, cantando en común eloxios e gozos, alegría e contento. Todos os días e noites
como en ininterrompida solemnidade, en continuo alborozo, se celebran os cultos para gloria do
Señor e do Apóstolo. As portas desta basílica non se pechan nunca, nin de día nin de noite, nin hai
nela a escuridade da noite, pois a luz das velas e cirios fai que brille como ao mediodía. Alí
diríxense os pobres, os ricos, os criminais, os cabaleiros, os infantes, os gobernantes, os cegos, os
mancos, os podentes, os nobres, os heroes, os próceres, os bispos, os abades, uns descalzos, outros
sen recursos, outros cargados con ferro por penitencia. Algúns coma os gregos levan cruces nas
súas mans; outros distribúen os seus bens entre os pobres, outros traen as cadeas e as esposas de
ferro sobre os seus ombros, porque se liberaron delas pola intercesión do Apóstolo e das prisións
dos tiranos, facendo penitencia, chorando os seus delitos.
Códice Calixtino. Século XII [latín]
18. Coroación imperial de Afonso VII de Castela e León en 1135
Rei de Galicia en 1111 e de Castela e León en 1126, Afonso VII desenvolveu unha activa
política conquistadora que lle permitiu acrecentar os seus territorios e someter a vasalaxe a
diversos reis musulmáns e cristiáns. No 1135, na cima do seu poder, foi coroado como
emperador de Hispania na catedral de León.
O rei fixou o 4 de xuño do ano 1135, día do Espírito Santo, como data para celebrar na real cidade
de León asemblea cos arcebispos, bispos e abades, condes e príncipes, duques e xuíces de todo o seu
reino. E no día sinalado chegou o rei acompañado da súa muller Berenguela e da súa irmá a infanta
dona Sancha, e de García, rei de Pamplona (...). No primeiro día de concilio todas as xerarquías
reuníronse co rei na igrexa de Santa María e alí trataron aqueles asuntos que a propia inspiración
do noso señor Xesucristo lles suxeriu e aqueles outros que son convenientes para a salvación das
almas dos fieis. No segundo día (...) os arcebispos, bispos, abades, nobres, innobres e toda a plebe,
xunto co rei García e coas irmás do rei e seguindo a vontade divina, nomearon ao rei Afonso
emperador, polo que o rei García, e o rei Zafadola dos sarracenos [Sayf al-Dawla Ahmad ibn Hud],
e o conde Raimundo de Barcelona, e o conde Afonso de Toledo, e moitos condes e duques de
Gascuña e Francia debían prestarlle obediencia absoluta. Vestido o rei cunha fermosa capa
bordada con gran primor, colocaron sobre a súa cabeza unha coroa de ouro puro chea de pedras
preciosas e despois de poñer o cetro nas súas mans, sostido polo rei García polo brazo dereito e o
bispo de León polo esquerdo, levárono ante o altar de Santa María en medio dunha comitiva
formada por bispos e abades cantando ata o final o “Te Deum laudamus” e dicindo: Viva Afonso
emperador! E tras impartir a bendición sobre el mesmo, celebraron misa solemne (...). No terceiro
día, o emperador e todos reuníronse de novo no palacio real e trataron aqueles asuntos relativos á
liberación de todo o reino de Hispania.
Crónica do emperador Afonso. Século XII [latín]
19. Unión do reino de Aragón e do condado de Barcelona en 1137
En 1134 morreu Afonso I o Batallador, rei de Aragón e Navarra, deixando como herdeiros
dos seus reinos ás Ordes Militares. Pero ningún do seus reinos aceptou o seu testamento.
Navarra escolleu como rei a García Ramírez e Aragón a Ramiro, irmán do rei e monxe, que
abandonou o mosteiro para reinar, casar, e ter un herdeiro. No 1137 acordou o matrimonio da
súa filla, daquela cun ano, co conde de Barcelona Ramón Berenguer IV, outorgando pouco
despois a potestade real ao seu xenro. Deste matrimonio xurdiu a Coroa de Aragón
No nome de Deus. Eu, Ramiro, pola graza de Deus rei de Aragón, douche a ti Ramón [Berenguer
IV], conde de Barcelona e marqués, a miña filla [Petronila] por muller xunto con todo o reino de
Aragón, integramente, tal como o tiveron meu pai, o rei Sancho, e os meus irmáns Pedro e Afonso
(...), respectando os dereitos e costumes (...) do reino. E encoméndoche a todos os homes do dito
reino con homenaxe e xuramento para que che sexan fieis (...), sen ningún fraude nin deslealdade
(...), salvada a lealdade que me deben a min e a miña filla. (...) Todo isto eu, o rei Ramiro, doucho
de tal modo a ti, Ramón, conde de Barcelona e marqués, de tal modo que se a miña filla falecese
prematuramente e ti aínda vives, teñas a doazón do mencionado reino de modo libre e inmutable sen
ningún impedimento despois da miña morte.
Contrato de esponsais de Ramón Berenguer IV e Petronila. 11-8-1137 [latín]
20. As cidades castelás no século XII
O avance cara ao sur permitiu aos cristiáns ir repoboando as terras reconquistadas. Na conca
do Douro, apoiados polos reis, xurdiron numerosos núcleos urbanos que alcanzaron un gran
desenvolvemento a partir dos séculos XI e XII.
Zamora é unha cidade famosa e unha das capitais do país cristián. Está situada na beira norte do
Douro e rodeada de fortes murallas de pedra; o seu territorio é fértil e cuberto de viñedos; os seus
habitantes son ricos e dedícanse ao comercio. De Zamora a León hai 4 xornadas ou 100 millas.
León é unha das cidades principais de Castela; é florecente e poboada de xentes moi bravas. Alí
practícase un comercio moi proveitoso; os seus habitantes son aforradores e prudentes. (...) Burgos
é unha gran cidade, atravesada por un río e dividida en barrios rodeados de muros. Un deses
barrios está habitado particularmente polos xudeus. A cidade é forte e ben acondicionada para a
defensa. Hai bazares, comercio e moita poboación e riquezas. Está situada sobre a gran ruta dos
viaxeiros; os seus arredores están cubertos de viñedos, de aldeas e doutras dependencias. (...)
Segovia non é unha cidade, senón un conxunto de numerosas aldeas próximas, separadas unhas
doutras e entremesturadas de vivendas que acollen a unha poboación considerable. Os seus
habitantes son cabaleiros ao servizo do rei de Toledo. Posúen rabaños e son famosos pola súa
bravura e paciencia para facer fronte aos perigos e ás fatigas da guerra.
AL-IDRISI. Xeografía. Século XII [árabe]
21. A conquista Sevilla en 1248
Tras a batalla das Navas de Tolosa en 1212, o poder musulmán quedou moi debilitado e
rapidamente os reis cristiáns conquistaron grandes territorios no levante e no sur. Fernando
III de Castela e León conquistou todo o val do Guadalquivir, incorporando Córdoba (1236),
Xaén (1246) e Sevilla (1248).
Gran pesar tiña o rei don Fernando [III de Castela e León] porque non podía nin con inxenio, nin
con combates, nin por outros medios, tomar o castelo de Triana nin cortar aos mouros ese paso. E
sobre isto conversou o rei con Remont Bonifaz e con outros homes de naves que coñecían o mar,
para que pensasen como se podía tomar terra no areal para cortarlles o paso. Mandou o rei que
enviasen galeras e baixeles, todos os que precisasen, e que fosen probar. Pero o día que o
intentaron, o poder dos mouros (...) non lles deixou podelo facer (...). No ano 1248, Orias e outros
mouros dos mellores de Sevilla pasaron a Triana (...). As naves deste aventurado rei castelán
saíronlle ao paso co gran poder que traían de galeras, carracas e zauras e doutros moitos navíos
ben preparados. E veu Remont Bonifaz con toda a maior partida da mellor compañía desa flota (...)
e os mouros viron así que non se podían defender nin por terra nin por auga, nin tiñan garda nin
protección en ningunha parte. (...) E vendo os mouros que non podían facer outra cousa (...), con
gran pesar, tiveron que facer a vontade do rei: que deixasen libre a vila e que llela entregasen (...), e
que os mouros sacasen os seus enseres e armas e todas as súas cousas, e que deste modo
abandonasen Sevilla. E logo de asinar o tratado, os mouros entregaron o alcázar de Sevilla ao rei
don Fernando, que mandou poñer o seu sinal enriba da torre, dando grazas a Deus todos os
cristiáns.
AFONSO X. Primeira Crónica Xeral. Século XIII [cast.]
22. Dureza das condicións dos señoríos eclesiásticos
Nos séculos XI, XII e XIII foron moi frecuentes as concesións forais outorgadas polos reis e
polos nobres aos habitantes dos seus señoríos. Estas concesións eran moito máis vantaxosas
nos señoríos de reguengo que nos señoríos nobiliarios e eclesiásticos; neles, os seus
habitantes, a pesar das concesións, seguían sometidos a unhas duras condicións de vida.
No nome de Cristo, amén. Eu, don Guterre, abade de Moreruela, e o noso mosteiro establecemos
cos homes e os nosos vasalos que viven na vila de Angueira, que está na terra de Miranda (....) este
pacto e foro (...):
A viúva que queira casar antes dun ano, pague un marabedí, e case cando queira (...).
Quen rapte á filla dun veciño pagará ao mosteiro un marabedí e deberá arranxar a afronta cos
parentes da vítima.
Quen desexe plantar viñas na herdade, fágao entregando a terceira parte aos frades.
Todos están obrigados a pagar os décimos, tanto da terra como do gando.
Para san Miguel de setembro todos os nosos vasallos deberán dar ao abade tres soldos anualmente.
Deberán construír os camiños que sexan necesarios.
Ninguén poderá construír muíños excepto o mosteiro.
Ninguén poderá pescar nas lagoas veciñas nin no regato, nin recoller leña ou labrar superficie
algunha (...).
Establecemos igualmente a obriga do concello de dar un xantar ao abade e os seus acompañantes,
consistente en pan, viño, carne e pescado.
Os que queiran seren enterrados no mosteiro deberán deixar aos frades a terceira parte de todos os
seus bens.
Carta foral da vila de Angueira. 1257 [cast.]
23. Concesións á gandería ovina na coroa de Castela
Na Coroa de Castela, a gandería ovina, produtora de la meiriña para a exportación, foi unha
das actividades económicas de maior desenvolvemento. Os gandeiros contaron co apoio real,
que lles concedeu numerosos privilexios fronte aos agricultores; ademais, desde 1273,
contaron cunha asociación, a Mesta, formada pola unión dos principais rabaños, encargada de
defender os seus dereitos.
Don Afonso, pola graza de Deus rei de Castela (...) a todos os concellos, alcaldes, xurados, alguacís,
etc. dos meus reinos que esta carta vexan, saúde e graza. Sabede que eu teño por ben e mando que
todo o gando do mosteiro de San Pedro de Arlanza ande libre e seguro en todo o meu reino. E non
facendo dano en viñas, cereais, nin prados, defendo firmemente que ninguén ouse gravar con (...)
ningún imposto (...); e que poidan cortar leña e pólas para cocer pan e facer pontes para pasar o
seu gando, e para facer queixos e outras cousas que necesitasen, e que poidan sacar cortizas para
aderezar o seu calzado. E os homes que presenten esta carta non teñen que pagar portádego das
cousas que traian na súa cabana, nin do gando que leven a vender aos mercados. (...) E o gando dos
pastores deste mosteiro ande salvo e seguro, así como eles mesmos.
AFONSO X. Privilexio ao mosteiro de San Pedro de Arlanza. 1274 [cast.]
24. Os científicos musulmáns
O desenvolvemento científico e técnico de al-Andalus foi moi superior ao dos reinos
cristiáns; así mesmo, gran parte do saber da antigüidade e de oriente foi transmitido a
occidente polos científicos musulmáns.
Muhammad ibn Ahmad al-Riqutí al-Mursí chamado Abú Bakr, home destacado polos seus
coñecementos nas ciencias antigas: Lóxica, Xeometría, Aritmética, Música e Medicina, filósofo e
médico hábil. Un milagre de Deus polos seus coñecementos lingüísticos, ensinaba ás distintas
nacións nas súas propias linguas as disciplinas que dominaba e que desexaban coñecer. Era moi
pagado de si mesmo, orgulloso e soberbio. O tirano dos cristiáns [Afonso X] recoñeceu os seus
méritos cando conquistou Murcia [en 1266]; construíulle unha escola na que ensinase a musulmáns,
cristiáns e xudeus e sempre o tivo en gran estima. Entre as anécdotas curiosas que se contan da súa
relación con el está a seguinte: o monarca díxolle un día, logo de ter elevado o seu rango e
publicado a súa fama, "se te fixeses cristián e alcanzases así a perfección, obterías de min tal cousa
e tal outra e serías así e asá". Al-Riqutí deu, entón, unha resposta para satisfacer ao rei, pero cando
saíu da súa presenza, dixo aos seus compañeiros: "Se eu adoro a un só Deus e son incapaz de
comportarme con el do modo debido, cal sería a miña situación se tivese que adorar a tres deuses
tal como el pretende de min".
O monarca nazarí [Muhammad II] fixo que fose a Granada e foi o seu discípulo. Instalouno no
lugar más apropiado da súa residencia e os estudantes acudían a el (...). Ensinou medicina e outras
disciplinas nas que non tiña competencia posible. Era home de gran poder de convicción, moi hábil
na polémica. O sultán reuníao con aqueles que acudían á súa corte e que destacaban como
profesionais dunha técnica ou dunha ciencia e el superábaos a todos na solidez dos seus
coñecementos e na reputación.
IBN AL-JATIB. O círculo. 1369 [árabe]
25. Os privilexios nobiliarios na Coroa de Aragón no século XIII
Pedro III o Grande de Aragón conseguiu ser coroado rei de Sicilia en loita contra o francés
Carlos de Anjou, que contaba co apoio do Papa. Para poder facer fronte aos ataques de
Francia e Roma, concedeu importantes privilexios aos nobres aragoneses, que foron
ampliados polo seu fillo Afonso III o Liberal en 1287, recollidos no chamado Privilexio da
Unión nobiliaria. Posteriormente en 1348, tras derrotar aos cabaleiros, ditos privilexios foron
abolidos por Pedro IV.
Saiban todos que nós, don Afonso, pola graza de Deus rei de Aragón, de Mallorca, de Valencia,
conde de Barcelona (...) damos e outorgamos a vós, nobres (...):
Que de aquí en adiante nós e os nosos sucesores (...) chamemos e fagamos xuntar na cidade de
Zaragoza cada ano, na festa de Todos os Santos do mes de novembro, Corte xeral de aragoneses. E
nós e os nosos sucesores recibamos por conselleiros a aqueles que a dita Corte acorde (...). Nós e os
nosos sucesores gobernaremos e administraremos os reinos de Aragón, de Valencia e de Ribagorza
co seu consello (...).
Que nós nin os nosos sucesores, no dito reino de Aragón, (...) matemos, nin encarceremos, nin
deteñamos (...) a ningún de vós, os ricoshomes, mesnadeiros, cabaleiros, infanzóns, procuradores
(...) se non é por sentencia do Xustiza de Aragón na cidade de Zaragoza (...).
O mesmo damos e outorgamos aos homes das outras cidades, vilas e lugares dos ditos reinos de
Aragón e Ribagorza e aos seus sucesores, que non sexan mortos nin detidos sobre fianza de dereito,
se non é por sentencia dada polas Xustizas daqueles lugares por quen deben ser xulgados segundo
foro. (...)
Porque (...), se nós ou os nosos sucesores no reino de Aragón incumprimos as cousas anteditas en
todo ou en parte, (...) consentimos que (...) non nos teñades por reis e señores.
AFONSO III de Aragón. Privilexios da Unión. 1287 [cast.]
26. A concesión dunha feira
O desenvolvemento das actividades agrarias e comerciais favoreceu o crecemento urbano nas
cidades cristiás peninsulares. Para potenciar os intercambios, os reis concederon o privilexio
de celebrar unha feira franca durante unha época determinada do ano. As feiras de Burgos
convertéronse no centro máis importante do comercio da la na Coroa de Castela.
Saiban cantos esta carta vexan como nós, don Afonso, pola graza de Deus rei de Castela (...), por
facer ben e mercé ao Concello da moi nobre cidade de Burgos, cabeza de Castela e da nosa cámara,
polos moitos e bos servizos que fixeron, aos reis de onde nós vimos e a nós desde que reinamos, e
pola vontade que temos de engrandecer a cidade (...), temos por ben que haxa feira de aquí en
adiante unha vez ao ano (...). Que comece o día de San Xoán que cae no mes de xuño e que dure ata
os quince primeiros días seguintes. Que veñan todos os que queiran vir á dita feira salvos e seguros
e que poidan nela mercar e vender e trocar da maneira como se acomoden. Que no tempo da dita
feira, todos os que a ela veñan estean libres de pagar portádego (...), que a ninguén se lle faga dano
(...), que non haxa pelexas mentres dure a feira, e que calquera que bote man ao coitelo, sen ferir,
pague cen marabedís de boa moeda, e se ferise, que pague cen marabedís da dita moeda e estea
trinta días na cadea. (...)E que destas penas sexa dúas partes para nós e a terceira parte para o
querelante.
AFONSO XI de Castela. Privilexio de concesión da feira a Burgos. 1339 [cast.]
27. A propagación da Peste Negra
En 1348 a Peste Negra, procedente de oriente, empezou a estenderse por Europa desde os
portos mediterráneos. A epidemia causou unha gran mortalidade, afectando a todos os
sectores sociais, e numerosos lugares quedaron despoboados.
O primeiro día do presente mes de maio, os habitantes da cidade de Tarragona e da maior parte da
súa diocese sufriron o furor da febre e a enfermidade súbita e diariamente. E non deixa de
propagarse cruelmente. As úlceras ou glándulas en tres días conducen á morte, de tal forma que
quen as padeza (...) tense como certo que morrerá breve e rapidamente e cando un da familia morre,
todos ou a maioría morren en breve (...). O clero parroquial non dá abasto para dar sepultura aos
falecidos nin para conferir aos demais enfermos os sacramentos. Desde que dita peste se introduciu
nesta cidade e diocese, esténdese de lugar en lugar e de día en día, polo que se non vén rapidamente
o divino remedio e a concesión da indulxencia plenaria por parte da vosa santidade que ofreza
consolo, os que quedan vivos morrerán en breve (...) e dita terra dirixirase ao oprobio da desolación
e a inhabitabilidade.
Frei SANCHO, bispo de Tarragona. Carta ao Papa. 11-6-1348 [latín]
Nós [o bispo de Lugo], por mor da peste e da mortaldade que sobreveu e por causa da morte na
nosa diocese de case dúas partes dos cregos e dos parroquianos, recoñecemos que a súa [o abade
do mosteiro de san Salvador de Chantada] petición é certa e estamos de acordo coa súa súplica,
polo que (...) aceptamos que a igrexa de san Xoán de Cabreiros se una á igrexa de santa María de
Camporramiro, de modo que o capelán imparta os sacramentos das ditas igrexas.
XOÁN PEDRO [abade]. Petición ao bispo de Lugo. 13-9-1350.
28. Creación da lonxa de Barcelona
Na Coroa de Aragón, a cidade de Barcelona alcanzou un gran pulo comercial en paralelo coa
expansión catalano-aragonesa polo Mediterráneo. Para favorecer os intercambios construíuse
unha lonxa en 1380.
Nós, Pedro, pola graza de Deus rei de Aragón (...). Atendendo a que na cidade de Barcelona, grande
e insigne cidade situada a carón do mar na que hai moitos navegantes e mercadores e fanse moitos
traballos de mercadorías, non ten lonxa conveniente (...). Atendendo tamén que dita cidade, por non
ter territorio do que poida vivir, debe abastecerse de alimentos e especialmente cereais por mar (...).
Por iso e pola súplica de vosoutros, fieis e amados vasalos nosos, conselleiros e prohomes da cidade
de Barcelona, (...) outorgamos pola presente que na ribeira do mar da dita cidade ou naquel lugar
da cidade onde creades máis conveniente, podades edificar e facer lonxa a favor dos cónsules do
mar e dos navegantes e mercadores, tanto da cidade como estraños que concorran á cidade (...).
Tamén naquel lugar ou lugares da dita ribeira onde mellor vos pareza, podedes construír pórticos e
lugares cubertos e pechados que sexan aptos e convenientes para ter e vender o gran (...). E que a
dita lonxa e pórticos estean baixo o voso rexemento e ordenamento.
PEDRO IV de Aragón. Real privilexio para edificar a lonxa de Barcelona. 14-3-1380 [catalán]
29. A batalla de Alxubarrota de 1385
Paralelamente á loita contra os musulmáns, foron moi frecuentes as guerras entre os reinos
cristiáns causadas por disputas dinásticas ou por diferenzas territoriais. En 1383 morreu
Fernando de Portugal sen herdeiro directo. As Cortes portuguesas nomearon rei a Xoán I,
mestre da orde de Avis, pero Xoán I de Castela e León reclamou o trono por estar casado
cunha filla do anterior rei. A disputa resolveuse na batalla de Alxubarrota na que Portugal
consolidou a súa independencia grazas á súa vitoria.
Entón con gran son de trompetas, con grandes voces e alaridos, berrando todos: a eles!, a eles!,
comezou a desaparecer o campo baixo o seu gran número. E avanzando [os casteláns] con
orgulloso paso e desprezo, atacaron aos portugueses (...). Cando os viron avanzar comezaron a
avivar os corazóns para recibilos e con esforzo, soando as trompetas, movéronse paso a paso en boa
orde (...). A súa consigna, dada en voz ben alta, era Portugal e san Xurxo!, e a dos inimigos Castela!
e Santiago! (...). Ao xuntarse asestaron as súas lanzas uns contra outros, ferindo e empuxando canto
podían e os peóns e ballesteiros lanzando moitas pedras e frechas dunha parte a outra (...). O
combate foi cada vez maior e máis disputado por ambas partes (...). O rei de Castela, observando a
batalla e vindo que a fortuna estaba en todo a favor dos portugueses, que a súa bandeira fora
abatida e que moitos dos seus retrocedían e collían os cabalos para fuxir a présa (...) emprendeu o
camiño de volta.
Fernán LOPES. Crónica do rei don Xoán de boa memoria. Século XV [portugués]
30. O pogrom antixudeu de 1391
Ao longo da Idade Media existiu nos reinos peninsulares unha relativa tolerancia relixiosa,
pero as dificultades e as crises dos séculos XIV e XV provocaron fortes sentimentos
populares antixudeus que deron orixe a matanzas e persecucións.
Nestes días [1391] chegaron onde estaba reunido o Consello dos señores e cabaleiros e
procuradores, os xudeus da Corte do Rei (...) e dixéronlles que recibiran cartas da alxamía da
cidade de Sevilla [nas que se dicían que] un arcediago de Écixa na igrexa de Sevilla, que chamaban
don Fernando Martínez, predicaba pola praza contra os xudeus, e que todo o pobo estaba movido
para ir contra eles. E como don Xoán Afonso, conde de Niebla, e don Álvaro Pérez de Guzmán,
alguacil maior de Sevilla, fixeron azoutar a un home que facía mal aos xudeus, todo o pobo de
Sevilla mobilizouse e tomou preso ao alguacil, e quixeron matar ao conde e a don Álvaro Pérez. E
desde entón todas as cidades estaban alteradas para atacar aos xudeus, e que lles pedían por mercé
que puxesen nisto algún remedio. E os do Consello (...) enviaron a Sevilla a un cabaleiro (...) e outro
a Córdoba, e a outras partes enviaron mensaxeiros e cartas do rei, o máis rápido que puideron. E
desde que chegaron estes mensaxeiros con cartas do rei, (...) calmouse un pouco, pero pouco, pois
as xentes estaban moi levantadas e non tiñan ningún medo, e a cobiza de roubar aos xudeus
aumentaba cada día (...) e perdéronse por este levantamento neste tempo as alxamías dos xudeus de
Sevilla, Córdoba, Burgos, Toledo, Logroño e outras moitas do reino; e en Aragón as de Barcelona e
Valencia e outras moitas. E os que escaparon quedaron moi pobres, dando grandes dádivas aos
señores por protexelos na gran tribulación.
Pedro LÓPEZ DE AYALA. Crónica do rei Henrique III de Castela. Século XIV [cast.]
31. Peticións ás Cortes de Castela sobre o comercio da la
No século XV, o comercio castelán baseábase fundamentalmente na exportación de la e na
importación de produtos manufacturados, principalmente panos flamengos. Buscando
potenciar a produción propia e reservarse o mercado interno, os procuradores das cidades
casteláns tentaron conseguir do rei a prohibición da exportación da la; porén, as rendas que
percibían o rei e os señores deste comercio fixeron imposible tal petición.
Así mesmo, moi alto e poderoso príncipe, como todas as mercadorías que se mercan e venden nos
vosos reinos, dun tempo a esta parte, subiron moito os prezos do que antes valían, en especial os
panos de la que veñen de fóra (...) de modo que ocasionan moitos danos, por iso, tanto para desviar
estes como porque (...) nos vosos reinos fanse panos de razoable calidade e cada día se farán máis e
mellores, parécenos que a vosa alteza debería ordenar e mandar que non entrase ningún pano de la
nos vosos reinos, nin por terra nin por mar, agás os panos que se fan nos vosos reinos; e que a vosa
alteza mandase que non saian dos vosos reinos ningunha la nin por mar nin por terra a ningunha
parte, baixo graves penas. (...) Así, aínda que no presente houbese menoscabo dalgunhas das vosas
rendas, andando o tempo medrarían moito máis os proveitos porque virían moitas xentes ao voso
reino, e poboaríase e ennobreceríase moito; e como mercarían só os vosos panos, aumentarían
moito as vosas alcabalas, e virían moitos oficiais doutras partes aos vosos reinos, e en pouco tempo
habería tan bos panos que se levarían de aquí a outras partes. Teña a ben vosa alteza mandar e
prover en todo isto.
A isto [Xoán II] vos respondo que mandarei velo e prover como mellor conveña ao meu servizo.
Actas das Cortes dos reinos de Castela e León. 1438 [cast.]
32. Os chamados malos usos en Cataluña
Sobre os campesiños cataláns recaían numerosas cargas feudais que os sometían ao poder dos
seus señores: entre elas están os chamados malos usos e a prohibición de abandonar a terra
que cultivaban se non pagaban previamente a súa redención (remensa). No contexto xeral da
crise do século XV, os campesiños cataláns rebeláronse a partir de 1460 contra os malos usos
dos seus señores feudais, logrando a súa abolición en 1486.
Se algún campesiño dos meus predios morre sen testar [intestia] e sen descendencia [exorchia],
pasarán ao señor a terceira parte dos seus bens mobles e do gando. (...)
Se algún mozo quere redimirse do seu señor, ao señor non se lle pode obrigar a que o acepte. (...) Se
ambos non se poñen de acordo sobre a redención, o señor obteña por redención a terceira parte dos
bens mobles do mozo. (...)
Se o campesiño fose cugut [marido de muller adúltera], o señor, por razón de cugucia debe ter a
terceira parte de todos os bens mobles do campesiño (...).
É costume case xeral desta terra que se o mozo morre sen testar e sen fillos, que dos seus bens se
fagan tres partes: unha para o señor, outra divídese en tres partes (unha para os clérigos para
cantar misas pola súa alma, outra para os pais e a terceira para esmola), e a terceira é para o seu
parente máis próximo.
Tomás MIERES. Normas consuetudinarias da diócese de Xirona. 1439 [latín]
* Os malos usos, ademais da intesta, exorchia, remensa e cugucia, eran: arsina, taxa económica que
se debía pagar ao señor en caso de incendiarse algunha propiedade por considerar esta que o
campesiño fora neglixente no seu coidado; firma de spoli, cantidade que o señor recibía por autorizar
ao campesiño a hipotecar terras que tiña en concepto de dota da muller ou da doazón que os esposo
facía á muller por razón da súa virxindade; nodriza, práctica que obrigaba á campesiña a amamantar
ao fillo do señor; dereito de pernada, obriga de entregar unha perna dos animais sacrificados polo
campesiño, aínda que tamén se relaciona cos abusos de obrigar a noiva pasar a primeira note de
vodas co señor e a cerimonia de pasara a perna do señor por riba da noiva como sinal de submisión,
pero exercidos en raras ocasións.
33. Os nobres contra o rei de Castela: a Farsa de Ávila de 1465
No reinado de Henrique IV de Castela a nobreza mantivo unha actitude levantisca que
chegou ata o extremo de depoñer en efixie ao monarca en Ávila e proclamar rei no seu lugar
ao seu medio irmán Afonso. Porén a meirande parte do reino permaneceu fiel ao rei Henrique
e non aceptou a farsa de Ávila.
Mentres o rei chegaba a Salamanca coa raíña e a súa irmá a infanta, o arcebispo de Toledo
apoderouse [en 1465] da cidade de Ávila (...) e despois chegaron os cabaleiros que estaban en
Palencia co príncipe don Afonso. Xuntáronse don Alonso Carrillo, arcebispo de Toledo; don Íñigo
Manrique, bispo de Coria; don Xoán Pacheco, marqués de Villena; don Álvaro de Zúñiga, conde de
Plasencia; don Gómez de Cáceres, mestre de Alcántara; don Rodrigo Pimentel, conde de
Benavente; don Pedro de Puertocarrero, conde de Medellín; don Rodrigo Manrique, conde de
Paredes; Diego López de Estúñiga, irmán do conde de Plasencia, con outros cabaleiros de menos
estado, os cales mandaron facer un cadafalso fóra da cidade nunha gran chaira, e enriba do
cadafalso puxeron unha estatua sentada nunha cadeira, que dicían que representaba a persoa do rei
[Henrique], e que estaba cuberta de loito. Na cabeza tiña unha coroa, e un estoque diante de si, e
tiña un bastón na man. E así colocada no campo, saíron todos estes cabaleiros xa citados
acompañando ao príncipe don Afonso ata o cadafalso. O marqués de Villena e o mestre de
Alcántara e o conde de Medellín e con eles o comendador don Gonzalo de Saavedra e Alvar Gómez
tomaron ao príncipe e apartáronse con el do cadafalso un gran treito. E os outros señores que alí
quedaron, subidos no cadafalso, puxéronse arredor da estatua, e en alta voz mandaron ler unha
carta (...) na que acusaban ao rei de catro cousas: que pola primeira merecía perder a dignidade
real, e don Alonso Carrillo, arcebispo de Toledo, quitoulle a coroa da cabeza. Pola segunda que
merecía perder a administración da xustiza, e don Álvaro de Zúñiga, conde de Plasencia, quitoulle o
estoque que tiña diante. Pola terceira, que merecía perder a gobernación do reino, e don Rodrigo
Pimentel, conde de Benavente, quitoulle o bastón que tiña na man. Pola cuarta, que merecía perder
o trono e asentamento de rei, e don Diego López de Zúñiga derrubou a estatua da cadeira en que
estaba, dicindo palabras furiosas e deshonestas. (...) Despois, levaron ao príncipe don Afonso ata o
cadafalso, onde eles e outros prelados e cabaleiros, alzándoo sobre os seus ombros e brazos, con
voces moi altas dixeron: "Castela polo rei don Afonso!".
Diego HENRÍQUEZ DEL CASTILLO. Crónica do rei don Henrique IV. Século XV [cast.]
34. Romance da perda de Alhama
O 28 de febreiro de 1482, os cristiáns conquistaron a fortaleza musulmá de Alhama,
pertencente ao reino nazarí de Granada. Foi un dos primeiros episodios da guerra de Granada
que remataría coa súa conquista polos Reis Católicos. A perda de Alhama foi recollida nun
romance que pon en boca do rei de Granada o que significou a súa perda para os musulmáns.
Paseábase el rey moro
por la ciudad de Granada,
desde la puerta de Elvira
hasta la de Vivarambla.
“¡Ay de mi Alhama!”
Cartas le fueron venidas
que Alhama era tomada;
las cartas echó en el fuego,
ya al mensajero matara.
“¡Ay de mi Alhama!”
Descabalga de una mula,
y en un caballo cabalga;
por el Zacatín arriba
subido se había al Alhambra.
“¡Ay de mi Alhama!”
Cuando en el Alhambra estuvo,
al mismo punto mandaba
que se toquen sus trompetas,
sus añafiles de plata.
“¡Ay de mi Alhama!”
(...) Allí habló un moro viejo,
de esta manera hablara:
- ¿Para qué nos llamas, rey,
para qué es esta llamada?
“¡Ay de mi Alhama!”
Habéis de saber, amigos,
una nueva desdichada:
que cristianos de braveza
ya nos han ganado Alhama.
“¡Ay de mi Alhama!”