Download - Crónica chegou o paquete da india
CHEGOU O PAQUETE DA INDIA!!!
Chegou o ansiado paquete que estábamos esperando!!! Vén da India, en concreto da Pinadari
School, situada nunha aldea de Anantapur, nas lonxanas terras da India… Sabiamos que estaba a piques
de chegar, e … nin que estivéramos totalmente sincronizados!!! Fai escasamente unha semana que
enviamos o noso paquete á India, repleto de traballos realizados polo alumnado de Educación Infantil e
de 1º da ESO do CPI Virxe da Cela durante o presente curso académico 2013-2014 dentro do programa
“School to School”, da Fundación Vicente Ferrer.
Pois para celebrar tan importante momento, a apertura deste enigmático paquete, reunímonos
todos os “axentes implicados” o pasado mércores 28 de maio de 2014 na aula da profe Oliva, isto é,
Educación Infantil de 3 anos: os nenos e nenas das dúas aulas de infantil coas súas respectivas profes
(Vane e Oliva), os mozos e mozas de 1º da ESO coas profes Verónica (Atención Educativa) e Yolanda
(Relixión), xa que nestas materias desenvolveron o proxecto. Foi unha xornada inesquecible… a verdade
é que hai que repetir estas xuntanzas máis a cotío, na que ademais do acto “académico” saboreamos
unhas deliciosas “pombiñas de millo” que nos fixo nun “plis-plás” a profe Oliva, que é “todo-terreo”:
tanto se lle da cultivar tomates e pementos cos pequerrechos que poñer un mandil e deleitarnos coas
súas delicias gastronómicas!!!
Andrea e Tania, as nosas “mascotas” de Monferosolidario, foron as encargadas de dinamizar
esta actividade: sabemos que teñen moitas táboas nas artes da docencia, xa que pasan moitos dos seus
recreos visitando aos pequenos e pequenas de infantil para xogar con eles e tamén de paso transmitir
os seus saberes. Abriron o sobre e explicáronnos o contido do “dossier”: unha carta escrita en lingua
telegu (o dialecto que se fala en Anantapur), a verdade é que aínda que non se entendía nada, era
curioso describir un novo alfabeto con eses caracteres tan fermosos e artísticos. O dossier tamén
recollía os debuxos dos nenos e nenas da India, así como unha pila de fotografías que a profe Vane
amosou aos seus alumnos/as indicando semellanzas e diferenzas coa nosa cultura.
Se a chegada deste sobre supón unha celebración no noso cole, esperamos que os nenos e
nenas da Pinadari School podan disfrutar dunha xornada tan divertida e interesante cando reciban o
noso paquete!!!