aw- villa abbatini - canedo

32
A Abades (parroq. de Baltar).-- Hoxe non hai ningún lugar habitado con ese nome, só a parroquia. Abades, plural de abade, ven do lat. abbate e este do hebreo aba, "pai". Un abade, en sentido estrito, é o rexente dunha abadía, pero en Galicia popularizouse como sinónimo de crego e como sinal de respecto dise "señor abade" para referirse ó párroco. Abavides (lug. e parroq. de Trasmiras).-- A zona do río Limia, nos séculos X-XI, tivo moita presenza de poboación mozárabe, ben por estar nas vías de entrada destes colectivos cara terras do Norte, ben polas relacións tidas co mosteiro de Celanova. Houbo algún asentamento permanente do que quedarían vestixios na toponimia. Como este caso de Abavides, que se supón que é un antroponímico derivado do nome persoal Ibn Ábidis, que noutros lugares de España deu o resultado de Benavides. Igrexa de Abavides, topónimo de probable ascendencia mozárabe. Ábedes (lug. e parroq. de Verín).-- Toma o nome do río homónimo afluente do Támega. Estúdao E. Bascuas que o considera un hidrónimo con dúas posibles orixes, ambas indoeuropeas: a raíz *ab-, auga", ou a *aw-, "fluír". Abedín (Toubes, A Peroxa).-- Nome de posesor. É de supoñer que para a primeira designación deste sitio usaríase a expresión latina " villa Abbatini" que na linguaxe actual sería "a finca de Abbatino". Co tempo a 1ª palabra (probablemente "vila" -casa de campo-, pero que

Upload: others

Post on 23-Jul-2022

3 views

Category:

Documents


0 download

TRANSCRIPT

Page 1: aw- villa Abbatini - Canedo

AAbades (parroq. de Baltar).-- Hoxe non hai ningún lugar habitado con ese nome, só a

parroquia. Abades, plural de abade, ven do lat. abbate e este do hebreo aba, "pai". Un abade, en sentido estrito, é o rexente dunha abadía, pero en Galicia popularizouse como sinónimo de crego e como sinal de respecto dise "señor abade" para referirse ó párroco.

Abavides (lug. e parroq. de Trasmiras).-- A zona do río Limia, nos séculos X-XI, tivo moita presenza de poboación mozárabe, ben por estar nas vías de entrada destes colectivos cara terras do Norte, ben polas relacións tidas co mosteiro de Celanova. Houbo algún asentamento permanente do que quedarían vestixios na toponimia. Como este caso de Abavides, que se supón que é un antroponímico derivado do nome persoal Ibn Ábidis, que noutros lugares de España deu o resultado de Benavides.

Igrexa de Abavides, topónimo de probable ascendencia mozárabe.

Ábedes (lug. e parroq. de Verín).-- Toma o nome do río homónimo afluente do Támega. Estúdao E. Bascuas que o considera un hidrónimo con dúas posibles orixes, ambas indoeuropeas: a raíz *ab-, auga", ou a *aw-, "fluír".

Abedín (Toubes, A Peroxa).-- Nome de posesor. É de supoñer que para a primeira designación deste sitio usaríase a expresión latina "villa Abbatini" que na linguaxe actual sería "a finca de Abbatino". Co tempo a 1ª palabra (probablemente "vila" -casa de campo-, pero que

Page 2: aw- villa Abbatini - Canedo

tamén podía ser outra de significado similar) deixou de usarse. E logo Abbatini, xenitivo do nominativo Abbatinus, foi evolucionando (cando os falantes perderon a noción do que estaban a dicir) ata dar o actual Abedín. (Este mecanismo repetiuse centos de veces. Valia esta explicación para todos as vindeiros casos similares.)

Abelaído (lug. da parr. e Conc. de San Xoán de Río).-- Colectivo de abeleira. É unha derivación especial do lat. abellana, "noz de Abella (cidade da Campania)", co sufixo –etu.

A Abelaira (O Castro de Beiro, Ourense ║ A Abeleira (Xirazga, Beariz ║ Monte Redondo, Padrenda).-- Palabras do galego común que poñen nome ó arbusto Corylus avellana que dá as abelás. "Aveleira" en portugués e "avellano" en castelán.

Abeleda (parroq. da Teixeira ║ Sanguñedo, Verea) ║ A Abeleda (lug. e parroq. de Xunqueira de Ambía ║ O Castro de Beiro, Ourense) ║ Abeledo (Santiago da Rabeda, Taboadela) ║ Abeledos (Covas, Montederramo) ║ Os Abeledos (lug. e parroq. de Montederramo) ║ Abelenda (lug. e parroq. de Avión ║ Valongo, Cortegada ║ Abelenda das Penas, Carballeda de Avia) ║ Abelenda das Penas (parroq. de Carballeda de Avia)║ Predicado das parroquias de San Paio de Abeleda (Castro Caldelas), Sta. Tegra de Abeleda (Castro Caldelas), Paradela de Abeleda (Porqueira) e San Lourenzo de Abeleda (Porqueira).-- Son todos colectivos da "abeleira" (a árbore Corylus avellana que da abelás) con distintos resultados derivativos.

A Abelida (A Guía, Gomesende).-- Pode ser un abundancial de abeleira ou un antropónimo baseado nun nome persoal prerromano como Abellitus, -a.

O Abellal (Orga, Celanova) ║ Abellás (O Pao, Gomesende) ║ Abelleira (Albarellos, Boborás ║ Ramil, Xunqueira de Espadanedo) ║ A Abelleira (Rabal, Celanova ║ Barxés. Muíños) ║ A Abelleira de Abaixo e A Abelleira de Arriba (Pontedeva, Pontedeva).-- Son todos conxuntos de abellas pero a palabra tanto se pode referir a un enxame como a unha colmea ou, incluso, por extensión, a unha alvariza ou abellariza (grupo de colmeas). (A) Abelleira poderíase referir tamén á unha planta aromática (Melissa officinalis) parecida na forma á ortiga, coñecida nalgúns lugares como "(herba) abelleira" polo moito que lles gusta ás abellas.

Abellós (Espiñoso, Cartelle).-- Plural de "abellón", palabra que se usa para dúas especies: o abesouro, un insecto da orde dos himenópteros máis grande ca a abella, ou o "zángano", macho da abella. Ocorre, como moitas outras veces, que estamos ante un topónimo que equivale a unha palabra común que é coñecida, pero que non se pode adiviñar cal foi o motivo para que se usase como topónimo. Resulta máis verosímil a opinión de Joaquín Caridad que remonta o topónimo ao deus celta Abellio, correspondente co Apolo da mitoloxía greco-romana. Este teónimo sería usado como antropónimo e este, á súa vez, daría o topónimo, igual que deu o zamorano Abelón ou o francés Abelion.

Abertesga (S. Xes da Peroxa, A Peroxa).-- Aber- é unha raíz paleoeuropea (á súa vez formada desde ab- 'auga') co significado de 'estuario'. [Algunhas veces aparece escrito -erroneamente- como Bertesga ou A Bertesga.]

Abruciños (lug. e parroq. de Amoeiro).-- Antes Ablocinos. Ab- é unha raíz preindoeuropea co valor de ‘auga’. Para E. Bascuas é un hidrotopónimo que probablemente se refira ás moitas augas do lugar.

Page 3: aw- villa Abbatini - Canedo

A Acea (Meire, Allariz ║ Ambía, Baños de Molgas).-- Transparente. Acea: Muíño de río. Do árabe as-saniya. Curiosamente os dous lugares referenciados están á beira do mesmo río, o Arnoia, e a distancia entre eles é de poucos quilómetros.

Aceredo (Manín, Lobios).-- Fitotopónimo. Derivado da planta chamada en lat. acer, non fácil de identificar, pero que podería ser a árbore de nome "pradeiro" (Acer pseudoplatanus) (V. Padreiro)

Aceveda (San Martiño, O Bolo) ║ Acevedo (Baíste, Avión ║ Rabal, Chandrexa de Queixa ║ Santo Estevo de Ribas de Sil, Nogueira de Ramuín ║ lug. e parroq. de Xunqueira de Ambía) ║ O Acevedo (Marrubio, Montederramo)║ Acevido (Seoane de Argas, San Xoán de Río) ║ Acevoso (A Encomenda, A Pobra de Trives) ║ O Aciveiro (Cerdeira, San Xoán de Río) ║ Acivido (Desteriz, Padrenda) ║ Cibreiro (Astureses, Boborás).-- Son formas distintas de nomear un bosque de acevos ou acivros, a planta Iles aquifolium, azevinho en portugués e acebo en castelán. ║ O último dos citados é problemático pois podería corresponderse cos "cebros". (V. Cebral / Cebreiros / Cibreiro.)

Ademourán (Milmanda, Celanova).-- Composto de orixe árabe, probablemente instaurado por mozárabes, asíduos da zona pola súa gran relación co mosteiro de Celanova. De al-day'a y Marwan, "a aldea de Marwán".

O Adrio (Chandrexa, Parada de Sil).-- Forma popular (normativo "adro") para designar o espazo, xeralmente cercado, que as igrexas teñen diante ou no ser derredor. Lat. atrium, -ii, "atrio, vestíbulo".

Afonsín (Rouzós, Amoeiro).-- Antrotopónimo. De *(villa) Fonsini (de Fonsinus). Ver o dito en Abedín.

Agra (Santa María de Melias, Pereiro de Aguiar) ║ A Agra (lug. e parroq. de Leiro ║ Desteriz, Padrenda ║ Padrenda, Padrenda ║ Mandrás, San Cristovo de Cea).-- No século X este termo, como apelativo, tiña unha definición máis concreta que agora: Era un terreo de labradío de grande extensión e pertencente a varios propietarios. A agra é máis grande co agro. En moitos sitios a agra é un conxunto de agros.

A Agrela (Sta. Cruz de Arrabaldo, Ourense ║ lug. da parroq. e Conc. de Padrenda ║ Covas, San Cristovo de Cea) ║ O Agrelo (lug. da parroq. e Conc. de Muíños).-- É un diminutivo de ‘agra’, ou sexa, "agra pequena". Tamén é unha herba coñecida por ese nome no Ribeiro. (En calquera caso é incorrecto escribir A Grela.)

O Agro (Sabucedo, Porqueira) ║ O Agro de Quinta (Amarante, Maside) ║ Agro Maior (León, Vilamarín).-- O apelativo é derivado de ager, -agri, "campo". Vén sendo un terreo de cultivo. ║ O determinante do último establece unha dimensión en comparanza con outros

… diciendo que don Bernaldino Sarmiento, conde de Rivadavia contra justicia y razon los tiene entrados los cotos, felegresias de Lebosende e de san Lorenzo de la Pena, e el coto de Figueiredo con las montañas, e el coto de Bobeda, e la freguesia Payo e la de santa Maria de Villarnaz de Veyro, san Juan de Abruciños, e las granjas e bouzas de Lamas, …Documento de San Clodio do Ribeiro de 1486.

Page 4: aw- villa Abbatini - Canedo

"agros".

Agrosantiño (Vales, San Cristovo de Cea).-- Nome composto cunha primeira parte que é un derivado de ager, -agri, "‘campo", coma os que estamos a ver, e cunha segunda, que sendo escura, puidera gardar relación cun predio dependente dunha igrexa ou cun cemiterio.

Agua Levada (Leirado, Quintela de Leirado) ║ Augalevada (As Marabillas, Cartelle).-- Do sintagma latino aqua levata, "auga levada", refírese a unhas augas conducidas por un canle ata outro lugar. Para un muíño, regas ou outros mesteres. Topónimos idénticos son os de A Levada ou Regolevado.

Aguiar (sobrenome do lug. e Conc. do Pereiro de Aguiar).-- É un corónimo que conserva o nome da histórica "terra de Aguiar". Aguiar é un lugar de aguias. Lat. aquila con sufixo de colectividade -are.

Aguil (Poboeiros, Castro Caldelas).-- Podería ser un antrotopónimo baseado no nome latino Aquilinus. (Villa Aquilini > Aquilii > Aquil > Aguil)

As Airas (San Pedro de Moreiras, Toén).-- Lat. area, "eira de malla-lo trigo ou o centeo". ‘Aira’ e ‘eira’ son variantes do mesmo termo.

Airavedra (Poboeiros, Castro Caldelas) ║ Airavella (Sabucedo, Porqueira) ║ A Aira Vella (lug. da parroq. e Conc. de Allariz).-- Os tres aluden a eiras vellas. O primeiro aínda máis que vella, vetusta.

A Airexa (As Cabanas, San Xoán de Río).-- Ver "A Eirexa".

Airoá de Beacán (Beacán, Peroxa).-- Procede de *areolana, unha palabra formada por area ("eira de malla-lo trigo ou o centeo") + o sufixo -ola (diminutivo) + o sufixo -ana (lugar ou pertenza). O determinante refírese á parroquia.

Alais (parroq. de Castro Caldelas).-- É un hidrónimo estudado por Bascuas que o vincula a un posible *Allales, que sería un colectivo romance, pero, en todo caso, formado sobre un tema Al da raíz preindoeuropea *El-, "fluír".

Albán (lug. e parroq. de San Paio de Albán e parroq. de Santa Mariña de Albán, ambas parroquias en Coles).-- Nome de posesor latino, Albanus. Xenitivo ocasionador: Albani. (Ver o dito en Abedín.)

O Albaredo (Sta. Cruz de Arrabaldo, Ourense).-- A primeira vista parece un derivado do lat. albaris, "que tira a branco" + o sufixo -etum (colectivo). Podería referirse a un terreo que aparenta esa cor debido a algún vexetal: un tomiño, xestas, flores... Hai que ter presente tamén que a voz *alb / *alp é unha raíz pertencente ó indoeuropeo que significa "altura,

monte". Así mesmo podería ser "sitio de alvarizas, colmeas". [No Tumbo de Oseira lese un aforamento do ano 1473 no que se cita un O Alvaredo, aínda que non podamos asegurar que se refira ó mesmo lugar : "Item aforam a Gomes de Calvelos et vozes a vino que poso en o Alvaredo, de sesto et dizimo et dous maravedis de foros.]

Albarellos (lug. e parroq. de Monterrei ║ parroq. de Boborás ).-- Parece un diminutivo plural (-iculos) de "albar" e aínda que podería estar relacionado con este adxectivo (albar, lat. albus) que serve para cualificar determinadas especies vexetais ou terras

Page 5: aw- villa Abbatini - Canedo

brancuxentas a opinión de E. Rivas é de que se trata dun oronímico devido do preindoeuropeo alb-, "altura". Pola súa parte, N. Ares apunta que parece ser un diminutivo de alvarium, "colmea", e que este topónimo podería ser o equivalente do castelán Colmenarejos.

Albarellos (capital do Concello de Monterrei) tén un nome tan sonoro coma misterioso

Albeiros (Trasalva, Amoeiro).-- Podería vir ben do latín albarius, "embranquecido", (que deu en galego "albeiro", adxectivo referido a cor branca ou o nome feminino da pedra do muíño que só moe trigo) ou ben de alvearium, "alvariza, colmear".

A Alberguería (lug. e parroq. de Laza ║ Cerreda, Nogueira de Ramuín ║ parroq. de Vilar de Barrio ║ E ata 1958, un lug. e parroq. da Veiga, hoxe baixo as augas do encoro de Prada ).-- Este nome con artigo fai pensar que nestes lugares houbo unha albergaría medieval, que eran unhas institucións dedicadas a dar pousada ou asilo, xeralmente ós peregrinos. (A palabra deriva do gótico haribaírgo, "aloxamento".)

Albín (Macendo, Castrelo de Miño).-- De *(villa) Albini, que significa "(vila de) Albinus". (Ver o dito en Abedín.)

Albite (Prado de Limia, Muíños).-- Puidera ser o resultado da expresión *(villa) Alviti, ou "(vila de) Alvitus". (Posiblemente se pasase a escribir con b por analoxía coa palabra albo.) Outra teoría é que procede do árabe al-bayt, "casa, asentamento".

O Alboio (Mesego, O Carballiño).-- Alboio, como é sabido, é un sinónimo de alpendre, cuberto ou pendello. Pero en portugués (e quizais en galego antigo) é unha "casa grande abandonada".

Albos (lug. e parroq. de Verea).-- Está no medio da confluencia de dous regatos polo que alb- como raíz hidronímica podería ter sentido. Alb- é unha raíz indoeuropea que unhas veces actúa como orónimo e outras como hidrónimo. (É posible que primitivos nomes de ríos desen os seus nomes a montes e que hoxe -despois de varios milenios- non podamos precisar estes préstamos.) De proceder de tempos romanos habería que descartar o adxectivo albus, "branco", pero podería ter algo que ver con alveus, "cavidade", (acusativo

Page 6: aw- villa Abbatini - Canedo

plural = alveos).

Alcázar de Milmanda (parroq. de Celanova).-- A palabra Alcázar vén do árabe al-qasr (a cal á súa vez é un préstamo do lat. castrum). Hoxe non hai un núcleo concreto chamado Alcázar, (só é o nome da parroquia), pero nun lugar desa parroquia chamado Vila, existiu unha fortaleza que no século X dependía do mosteiro de Celanova e logo de distintas familias nobiliarias. Quedan uns poucos restos e a igrexa parroquial, construída no s. XVIII no solar onde estivo o alcázar, conserva unha torre que fai de campanario. ║ O predicado Milmanda, aplicado de antigo á Vila, ten connotacións co lat. milvus, "miñato". (Ver Milmanda)

Igrexa parroquial de Alcázar de Milmanda (Santa María), sita no lugar de Vila, que conservarestos dunha torre facendo de campanario

O Alcouce (Piñeiro, A Pobra de Trives ║ Moura, Nogueira de Ramuín ║ Redemuíños, Quintela de Leirado).-- En galego un 'alcouce' é un rincón abrigado que forman as casas. Por outro lado tamén recorda ós árabes al-qasr , "o alcázar" e al-qaws, "o arco".

A Aldea (Trado, Pontedeva ║ Penosiños, Ramirás ║ San Vicente de Leira, Vilamartín de Valdeorras ║ Mormentelos, Vilariño de Conso).-- Topónimo transparente. Aldea é palabra de orixe árabe (al-day'a). É un nome común xenérico, pero en ocasións tornouse topónimo (nome propio), caso que se da unhas 170 veces en todo Galicia, as máis delas en formas compostas.

Aldea de Arriba (Calvos, Bande) ║ Aldea de Souto (Refoxos, Cortegada ║ lug. e parroq. do Conc. de Padrenda) ║ Aldea de Deva (lug. da parroq. e Conc. de Pontedeva) ║ Aldea do Muíño (lug. da parroq. e Conc. de Rairiz de Veiga) ║ Aldea Ferreiro (Berredo, A Bola).-- Transparentes. Como igualmente os son os seus predicados. O citado en primeiro lugar, "de Arriba", éo por ser o núcleo máis alto da parroquia de Calvos (Bande).

A Aldeíña (Amarante, Maside).-- Diminutivo de aldea, aldea pequena. (No ano 2015 tiña 11

Page 7: aw- villa Abbatini - Canedo

habitantes.) No Madoz figura como Aldeiñas.

Alemparte (Gueral, A Peroxa ║ Loureiro, O Irixo ║ Las, San Amaro ║ As Maus, Vilar de Barrio).-- Do sintagma latino ‘ad illinc’ que significa ‘ó outro lado’. Precisa que está situado a outro lado de algo que podería ser un río ou outro poboamento.

Alén (Xirazga, Beariz ║ Sta. Cruz de Arrabaldo, Ourense ║ O Lago, Maside ║ Os Abeledos, Montederramo ║ Loureiro, O Irixo ║ San Lourenzo de Siabal, Paderne de Allariz ║ Crespos, Padrenda ║ Monte Redondo, Padrenda ║ Coiras, Piñor ║ Torcela, Piñor) ║ Alende (Vilarrubín, A Peroxa ║ Pedrafita, A Teixeira ║ Mazaira, Castro Caldelas ).-- Igual ca Alemparte, ‘ó outro lado’. (Preposición latina ad e adverbio illic)

Alenza (Poboeiros, Castro Caldelas║ A Medorra, Montederramo)║ A Alenza (lug. da parroq. e Conc. de San Xoán de Río).-- Hai un río con ese nome e posiblemente iso influíu en considerar este nome como un hidrónimo. Hoxe pénsase máis ben que é un antrotopónimo formado a partir de (villa) Allentia, adxectivización de (villa) de Allentius, nome persoal probablemente céltico.

Alixo (lug. e parroq. de O Barco de Valdeorras).-- Probablemente se trate dun hidrónimo, antes *Allivio, de orixe paleoeuropea. A 100 m. do lugar pasa o hoxe chamado Regueirón, afluente do Sil, por corga de moito declive. "Regueirón" é, de por si, tamén un nome de forma hidronímica.║ Aparte diso puidera tratarse dun antrotopónimo relacionado co nome latino Alexius (que deu Aleixo en galego e portugués, Alejo e Alexis en castelán, Alexis en francés, etc.)

Allariz (vila, parroq. e Conc. da Com. de Allariz-Maceda).-- Nome dun posesor ou dun repoboador. Deriva de Vila Aliarici ou de Castro Aliarici, e dicir, en calquera caso, "de Aliaricus" (Aliarico), nome suevo. O xentilicio é allarizao, -á. (Debe rexeitarse a forma "alaricano", á cal Xosé-Henrique Costas cualifica de "pseudocultismo estrafalario". Sería correcta se o étimo fose Alarici, pero nese caso o topónimo sería Ariz, non Allariz. De querer usar unha forma culta ese autor propón aliaricense ou aliaricano.)

ALLARIZ-MACEDA (Comarca).-- Nome asignado (Decreto 65/1997 da Xunta de Galicia) a unha comarca situada no centro da provincia que aglutina dous conxuntos tradicionais: a bisbarra de Allariz (val do Arnoia) e a de Maceda (depresión de Maceda). Está composta polos concellos de Allariz, Baños de Molgas, Maceda, Paderne de Allariz, Xunqueira de Ambía e Xunqueira de Espadañedo. Ten unha superficie de 382,15 km2, unha poboación de 14.466 habitantes (2015) e unha partición administrativa en 61 parroquias. O nome é un convencionalismo moderno e recolle os topónimos históricos de Allariz e Maceda.

Almariz (Santo André de Penosiños, Ramirás).-- Nome de posesor. *(villa) Elmorici, de Hilmoricus.

Almoite (lug. e parroq. de Baños de Molgas).-- Trátao Bascuas, constatando grafías antigas (Almauti 921, Almouti 1213, ad Almouti 1214), pero admitindo que é "un topónimo de aspecto estraño". Tanto podería ser un hidrónimo, relacionado cos moitos Alm- que hai (por exemplo, Almazán -Soria-, e outros), coma un antrotopónimo formado sobre

"Actum fuit apud Alliariz, VIIIo kalendas aprilis, sub era Ma CCa LXXa Ia." Nun documento de Santo Estevo de Rivas de Sil de 1233

Page 8: aw- villa Abbatini - Canedo

*Almautius, nome hispano-celta.

Almorfe (A Carballeira, Nogueira de Ramuín).-- De villa Elmufi, [vila de] Hilmulfus, nome xermánico.

A Almuzara (Xuvencos, Boborás).-- Outro dos poucos topónimos de orixe árabe da provincia, posiblemente introducido por mozárabes, ou quen sabe si por muladís (V. Moldes). Do árabe al-musará, "lugar de recreo ou paseo, xardín". Tamén podería vir de al-masára, "muíño de aceite", palabra árabe que en castelán deu "almazara".

Alongos (lug. e parroq. de Toén).-- E. Bascuas recolle dúas citas, una de 952 (“villa de Allonicus”) e outra de 1032 (“vila in ripa Minei qua inquiunt Haloncos subtus villa de Toen”) deducindo que, probablemente, ‘allonicus’ sexa o xentilicio dalgún pobo da antigüidade ribeirán do Miño.

Alto do Couso (lug. da parroq. de Santa Olaia de Esgos, Esgos) ║ O Alto (Vila de Rei, Trasmiras) ║ O Alto de Covelo (Covelo, Viana do Bolo) ║ O Alto do Pontón (lug. da parroq. e Conc. de Barbadás) ║ O Alto do Rodicio (As Chás, Maceda).-- A primeira parte destes topónimos é totalmente transparente ata o punto de que se percibe máis como apelativo xeográfico que como topónimo.

Alvarín (Soutomel, A Bola).-- Casa ou finca "de Alvarinus", en latín "Alvarini".

Alvite (lug. da parroq. e Conc. de Baños de Molgas ║ lug. da parroq. e Conc. de Beariz).-- De *(villa) Alviti, que significa "(vila de) Alvitus". (Ver Albite e Cachalvite)

Amarante (parroq. no Conc. de Maside).-- Para E. Bascuas é un derivado do hidrónimo prerromano *amara e o seu significado é o de canal ou val. Para outros sería un nome de posesor, Amaranti ou Amarantii", é dicir "de Amarantus" ou "de Amarantius".

Ambía (parroq. de Baños de Molgas -Santa María de Ponte Ambía- e predicado de Xunqueira de Ambía).- Hidrónimo. Deriva do celta ambas, "augas", procedente dunha raíz indoeuropea cos significados de "húmido, auga, vapor". Aparte dos citados hai outros varios lugares, de nomes compostos, nos que unha das partes é este celta "amba" que se conservou como apelativo, polo menos, ata o século XII. En Quiroga (Lugo) había no 983 un lugar chamado "Ambas Mestas" que é actualmente "Augasmestas" xa que se substituíu o celta "ambas" polo romance "augas". Porque "ambas" quedou desfasado e, quizais, se podía confundir co adxectivo indefinido homónimo "ambos, as"

Ameá (Codosedo, Sarreaus).-- A pesar do parecido cos que seguen parece que este topónimo pertence a outra familia. Segundo G. Navaza pode vir da expresión latina illa mediana, "a do medio".

Ameán (Crespos, Padrenda)║ Amedo (Vilarrubín, Peroxa ║ Barxa, Celanova ║ Asadur, Maceda).-- Poderían pertencer ó grupo do parágrafo seguinte ou ser uns antrotopónimos prerromanos derivados, respectivamente, dos nomes Amianus e Ammedius.

O Amendo (A Touza, Taboadela) ║ Amiadelo (Ordes, Rairiz de Veiga) ║ Amiadoso (San Martiño de Pazó, Allariz) ║ Amido (lug. da parroq. e Conc. da Peroxa) ║ Amieiro Longo

… Pero Pelaz prellado de santa Maria de Uillameáá… Foro de 1296. San Pedro de Ramirás.

Page 9: aw- villa Abbatini - Canedo

(Zapeaus, Rairiz de Veiga) ║ Os Amieiros (Loureiro, O Irixo) ║ Amiudal (lug. e parroq. de Avión).-- Topónimos relacionados coa árbore chamada ameneiro ou amieiro (Alnus glutinosa). A orixe das voces ameneiro / amieiro é discutida. Hai quen a remonta a un étimo prerromano *aminarius. E quen a relaciona co latín amnis, "río", sendo os ríos o habitat máis común da especie. Para Sarmiento deriva dun lat. *amedanus, co mesmo significado de amieiro. A árbore é coñecida como amieiro en portugués e aliso en castelán.

Amoeiro (lug., parroq. e Conc. da Com. de Ourense).-- Aínda que algúns tratadistas opinan que puidera derivar do lat. amoenu, "ameno", "lugar agradable" ou do nome prerromano Amurius ou Amuro, a maioría inclínanse por consideralo unha variante de amieiro. (V. Amendo ) O xentilicio é amoeirés, -sa.

Amoroce (lug. e parroq. de Celanova).-- Os veciños deste lugar -en contradición co Nomenclátor oficial- distinguen Amoroce, que é a parroquia, de Amorociña, que é unha aldea. Posiblemente sexa unha distinción moderna pois na documentación antiga os nomes que figuran son do tipo Villa Amerozi (934), "villa que vocitant Ameroz", Ameroz, Ameroci (1020), etc. E. Bascuas non dubida da orixe prerromana do topónimo pero pensa en distintas alternativas coma a dun nome de posesor (o que presenta diversas dificultades) ou outras varias das que mostra preferencia por unha explicación hidronímica como a dunha relación coa raíz *am- ("canle, leito do río, rego") ou, máis en concreto, co grego amara, "canle".

A Anagaza (Somoza, A Pobra de Trives).-- Castelanismo por "añagaza" ou arabismo polo árabe hispano al-naqqaza, "chamariz ou 'señuelo' para coller aves". Segundo Corominas non consta se o vocábulo árabe deu o español ou viceversa. En calquera caso non se coñece a xustificación obxectiva para que o lugar se chame así.

Ancado (Monte Redondo, Padrenda).-- Pode vir do grego ankon, "cóvado". Os dicionarios

galegos dan para 'anco', sinuosidade, cousa encurvada, ángulo, etc. E E. Bascuas cita a raíz indoeuropea *ank-, que deu o latín ancus "encorvado" e angulus, "ángulo". O terreo responde a todas estas consideracións xa que é, efectivamente, un monte agreste e accidentado, percorrido por un río ('Corga das Pereiras') sinuoso e retorcido.

Andelo (Graíces, A Peroxa).-- Quizais sexa unha variante dunha forma diminutiva amendelu, relacionada cos amieiros.

Andrade (Las, San Amaro).-- Antrotopónimo formado a partir de *(villa) Andreati, "(vila) de Andreas", nome grego. (Andreati é unha flexión vulgar fronte a forma culta que sería Andreae.)

Anduriñas (Chaodarcas, Pereiro de Aguiar).-- Palabra coñecida, pero da que é dificil saber a causa da súa aplicación como topónimo. A anduriña é o paxaro Hirundo rustica.

Anllo (lug. e parroq. de San Amaro║ Castrelo, San Cristovo de Cea).-- Pode vir de angulu, "ángulo", referido ó ángulo ou meandro dun río ou regato.

Ansamonde (O Lago, Maside).-- De *(villa) Ansamundi, [vila de] Ansamundus, nome xermánico.

Ansariz (Armental, A Peroxa).-- De *villa Ansarici, ou de Ansaricus, nome xermánico.

Page 10: aw- villa Abbatini - Canedo

Ansemil (lug. e parroq. de Celanova).-- Ven do nome suevo Ansemirus (Ansemiro), con xenitivo Ansemiri que é o que daría lugar ó topónimo actual despois de perder o i final e trocar o r por l.

As Antas (Lebozán, Beariz║O Regueiro, Boborás║O Regueiro, O Irixo).-- Refírense a mámoas ou outros monumentos megalíticos.

Os Antóns (Rabiño, Cortegada).-- Nome de familia. Ver o dito sobre o concello de "Os Blancos".

Anxá (Santa Baia de Berredo, A Bola).-- Antrotopónimo. Do nome xermánico Ansila.

Aquelcabo (Osmo, Cenlle).-- Composto formado polo demostrativo 'aquel' (eccum ille no lat. vulgar) e 'cabo' (lat. caput, "cabeza, extremo"). Aludiría ó extremo dunha vila ou dunha herdade. Hai 3 mais en Galicia. ║ N. Ares fai unha advertencia no sentido de que "aquel" puidera estar acochando algún antropónimo como, por exemplo, Aquilius, -i, co cal unha expresión como Aquili caput se traduciría por "cabo da de Aquiles", e dicir, "(herdade) á beira da de Aquiles".

Araúxo (parrroq. de Lobios) ║ San Paio de Araúxo (outra parroq. de Lobios) ║ Araúxo (parroq. de Maceda, tamén chamada Piúca) ║ Ribas de Araúxo (lug. da parroq. e Conc. de Lobios).-- Do prelatino arrugium, "regueiro" ("arroyo" en castelán).

Arboiro (Medos, San Xoán de Río).-- Dubidoso, pois tanto pode estar relacionado con “árbore” como co nome latino Arborius.

Arbor (Sobreira, Vilamarín).-- Para uns é un xenitivo do antropónimo latino Arborius. Para E. Bascuas é un hidrónimo prerromano baseado no tema arv-, da raíz indoeuropea *er-, moverse.

Arcas (A Mezquita, A Merca).-- Nomea un lugar con presenza de varias arcas ou dolmens. Estes, cubertos polas mámoas ou túmulos de terra, ao ser descubertos deixan ver unha caixa -a arca- cuberta por unha gran laxe -a anta-.

Arcos ( lug. e parroq. do Carballiño ║ lug. e parroq. de Vilamartín de Valdeorras ║ San Pedro de Rocas, Esgos ║ Piñeira de Arcos, Sandiás) ║ Os Arcos (Abruciños, Amoeiro).-- Uns arcos construtivos (posiblemente emerxentes dunhas ruínas) serviron de referencia espacial e acabaron dándolle nome ó lugar. ║ Non está de máis ter en conta o dito na entrada seguinte.

Arcucelos (Retorta, Laza).-- Para J. J. Moralejo, tanto este topónimo coma outros aparentemente relacionados con "arco", non veñen do lat. arcus senón dun preindoeuropeo arco ou arc, "defensa, protección". Podería referirse a cercas ou defensas, ben da poboación ou ben dos gandos. ║ Este nome é certamente complexo pola abundancia de posibilidades. Se pensamos no lat. podería ter relación con: arcus, -us, "arco" / arx, arcis, "fortaleza; defensa; cumio" / arca, -ae, "arca, tumba". A parte de todo isto este topónimo parece un diminutivo co sufixo -celos (formado desde o -cellus do lat. vulgar e este do clásico -culus).

Ardesende (Covas, San Cristovo de Cea).-- Nome de posesor. De *(villa) Ardesendi, "de Ardesindus", nome xermánico.

Page 11: aw- villa Abbatini - Canedo

O Areal (Sta. Cruz de Arrabaldo, Ourense) ║ Areas (Carracedo, A Peroxa ║ Areás (Armariz, Xunqueira de Ambía.-- Palabras comúns, derivadas do lat arena, "area". Son todos sitios areentos.

Arenteiriño (Barrán, Piñor ║ Oseira, San Cristovo de Cea).-- Ambos diminutivos de Arenteiro (V.), pero con distintas motivacións. No primeiro caso (o de Piñor) alude ó lugar de Arenteiro, do que ven sendo un barrio. No segundo fai alusión o río homófono que nace alí cerca e que ó paso polo lugar aínda é moi cativo.

Arenteiro (Barrán, Piñor).-- Lugar situado a escasos 500 m. do río Arenteiro. O nome provén de argentariu, un derivado de argentum, "prata". Isto fai supor que no pasado este lugar tivo algunha relación con ese metal precioso. Para outros autores é un hidrónimo formado sobre a raíz celta ar- e tería o significado de "auga corrente brillante". Igual que, por exemplo, Arnoia, Arnego, Arnado, etc. De non valer ningunha destas dúas opcións habería que pensar nun antrotopónimo procedente dun Argentarius, nome persoal romano.

Argas Vellas (San Silvestre de Argas, San Xoán de Río) ║ San Silvestre de Argas e Seoane de Argas (2 parroquias de San Xoán de Río).-- Poderían ser fitónimos derivados da herba chamada argana. Tamén poderían estar relacionados coa raíz indoeuropea *arg-, "Claro, brillante, branco".

Ariz (San Fagundo, San Cristovo de Cea).-- De *Villa Alarici, ou "Vila de Alaricus" (Alarico), nome visigodo.

A Armada (Lumeares, A Teixeira ║ Cartelle, Cartelle ║ Rabal, Celanova).-- Armada, participio do verbo armar, ten como substantivo diversas acepcións. Unha delas, que puidera encaixar aquí, é a de trampa para apresar ou capturar un animal, especialmente ó xabaril.

Armariz (lug. e parroq. de Nogueira de Ramuín ║ lug. e parroq. de Xunqueira de Ambía).-- Nome de posesor. Coma noutros casos similares a primeira referencia ou denominación sería "Vila/ casa/ propiedade/ finca /… de Armarico". Logo, a primeira parte da expresión foise perdendo e a segunda ("de Armarico"), dita, daquela, en latín, Armarici, evolucionou ó Armariz actual.

Armeá (Augas Santas, Allariz).-- Suponse que ten alteración errónea do acento e que debería ser "Armea", como hai na Coruña e Lugo. Neste caso habería que relacionalo cun antropónimo, Armenius ou Armenae.

Armental (parroq. de San Cibrao de Armental, A Peroxa ║ lug. da parroquia de San Salvador de Armental, tamén da Peroxa).-- Segundo P. Celdrán, armental é "relativo ó armento", sendo este en galego antigo un rabaño vacún. (Latín armentum.) Armental, polo tanto, designaría un lugar onde houbese ou se gardasen bois e vacas. En cambio Cabeza Quiles e outros autores, seguindo a Piel, derívano de *villa Armentarii, e dicir, “(vila de) Armentarius”. A base deste nome persoal atópase, así mesmo, no apelativo latino visto, armentum (gando bovino).

Armeses (parroq. de Maside).-- O mesmo que no caso de As Maus procede dun xentilicio de xente da terra de Asma (en Chantada, provincia de Lugo). Neste caso o xentilicio sería Asmeses, pero por disimilación trocou o s en r.

Page 12: aw- villa Abbatini - Canedo

Arnado (lug. e parroq. de Vilamartín de Valdeorras).-- Hidrónimo formado sobre a base prerromana *arna, posiblemente "leito de río". O lugar está situado nunha veiga encaixada entre o río Sil e o regueiro O Real. Hai outro Arnado en León que tamén está rodeado por dous ríos. En portugués e en galego (neste segundo o dicionario Estraviz) "arnado" (lat. arenatu) é un terreo estéril e areento, pero isto non parece ser o caso que tratamos. En Laxe (A Coruña) hai unha pequena praia con ese nome. Aí si que pode ter relación a palabra común.

Arnelas (Lebozán, Beariz).-- Arnela é unha palabra común para designar un tipo determinado de praia, pero aquí, evidentemente, non se trata diso; sen embargo hai que admitir que estamos ante un nome saído do mesmo étimo: o lat. arena, "area" ou *arenella, un hipotético derivado seu.

A Arnoia (parroq. e Conc. da Com. do Ribeiro).-- Toma o nome do río homónimo, sendo este un hidrónimo típico derivado do tema *arn ("corrente de auga") ou *arna, (raíz *er-, "moverse") coñecido noutros ríos europeos (Arno, en Italia, por exemplo) e, incluso, galegos (como o Arnego, afluente do Ulla). A "iniciativa" popular apúxolle artigo de xénero feminino ó topónimo en oposición ó río que é masculino. O xentilicio correspondente é arnoiao, -á.

Arnoia Seca (O Val, Gomesende).-- Lugar cerca do río Arnoia (non do Concello homónimo) que por algunha razón (¿un próximo leito seco que nalgunha época do ano emulaba ó Arnoia?) recibiu ese cualificativo.

Arnufe (Os Abeledos, Montederramo).-- Nome de posesor. De *(villa) Arnulfi, "de Arnulfus", nome xermánico.

Ponte de Arnuide, topónimo de orixe xermánica.

Arnuíde (lug. e parroq. de Vilar de Barrio).-- Nome de posesor. De *(villa) Arnuiti, "de Arnuitus", nome xermánico.

Arrabalde (Castromao, Celanova) ║ Arrabaldo (lug. e parroq. -Santa Cruz de Arrabaldo- de Ourense ║ San Lourenzo de Siabal, Paderne de Allariz).-- Do hispano-árabe al-rabad, "o suburbio".

Page 13: aw- villa Abbatini - Canedo

A Arrifana (Vilameá de Ramirás, Ramirás).-- Pénsase que este é un fitotopónimo procedente do árabe al-rayhan, "planta de olor, mirto". En Portugal hai varios lugares con este topónimo. [No Madoz figura como Arrufana.]

A Arrotea (Alcazar de Milmanda, Celanova) ║ A Arrotea de Abaixo e A Arrotea de Arriba (ambos da Encomenda, A Pobra de Trives).-- Arrotear é verbo galego. Significa cachar ou romper un terreo por primeira vez para convertelo en produtivo. E "arrotea" ven sendo a terra así conseguida.

Arruás (A Alberguería, Vilar de Barrio).-- Nada que ver co nome do mamífero delfínido coñecido como "arroaz". É un hidrónimo que E. Bascuas retrae a un orixinario *Arronales que presenta o tema hidronímico indoeuropeo Arr- (da raíz Er-, "moverse"), recurrente en toda Europa. Ó lado da aldea nace o chamado hoxe Regato Pendurado, afluente do Arnoia.

Arruxo (Bóveda de Amoeiro, Amoeiro).-- Palabra procedente do prelatino arrugium, "‘regueiro, arroio". (Como Araúxo)

Arzádegos (lug. e parroq. de Vilardevós).-- Procede de un *Artiaticos, xentilicio dos ribeiregos dalgún río *Arza (< *Artia, co mesmo prefixo Art- do que imos ver a continuación) ou alusivo ós campos e terras próximos a ese presunto río. (Hoxe lugar e parroquia están regados polo chamado Regueira da Fraga.)

Arzoá (Berrande, Vilardevós).-- Para E. Bascuas é un hidrónimo co precedente de *Artiŏwa, paralelo ó de Arzúa (A Coruña), ambos co valor hidronímico do tema Art-. ║ Para outros é un antrotopónimo. De (villa) *Artiolana ("de Artiolus") ou (villa) *Arquiolana ("de Arquius").

Asadur (lug. e parroq. de Maceda).-- Do latín villa Saturii, é dicir, Vila de Saturio (< Saturius). Na Idade Media coñecíase como Costa de Sadur.

Os Asneiros (A Corna, Piñor).-- A primeira impresión é a de que estamos ante un nome de oficio, o asneiro, e dicir, o que trata en asnos ou coida deles. Do lat. asinarius, ii. Pero… ¿cómo saber se non estaremos ante un nome anterior ó latín con posterior adaptación popular dunha palabra escura por outra con algún sentido? Porque o certo é que hai moitos hidrónimos con formas parecidas procedentes de vetustos *Aps-na ou *Aps-narium. (*Aps- é unha raíz coa idea de "auga, río".) Cerca do lugar flúe o río Asneiros, afluente do Arenteiro. É recorda Bascuas que hai tamén un río Asneiro, afluente do Deza, así como varios hidrónimos similares en Portugal: Río de Asnos, Vale de Asna, Vale de Asneiros, etc.

Áspera (Noalla, San Cibrao das Viñas ║ Oseira, San Cristovo de Cea) ║ Asperelo (Galez, Entrimo) ║ A Aspra (Aguis, Os Blancos).-- Probablemente do latín asper, -a, -um, ‘rugoso’, adxectivo que referido a un terreo serve para cualificalo como áspero, irregular, abrupto, accidentado.

As Maus (V. na letra M)

Astariz (lug. e parroq. de Castrelo de Miño).-- Nome de posesor. De *(villa) Astarici, "de Astaricus", nome xermánico.

Astrés (Vilar de Astrés, Ourense).-- Parecer derivar de Astraixi, xenitivo do nome xermánico dun posesor. O nome oficial desta aldea, próxima a Vilar (que o leva coma predicado), é

Page 14: aw- villa Abbatini - Canedo

así, pero ás veces figura As Tres ou, incluso, Lastrés. (Esta última forma é a que ven en P. Madoz.) En documentación antiga aparece como “Astrees”.

Astureses (lug. e parroq. de Boborás).-- Etnotopónimo derivado do xentilicio "asturense", de Asturias.

Atás (lug. e parroq. de Cualedro).-- Nome de posesor. De [*villa de] Attanem, acusativo do nome Atta. Figura como Atanes no 950.

Atás (Cualedro) en outro tempo foi "a vila de Attanem".

Ataínde (Leirado, Quintela de Leirado).-- Segundo P. A. Ferreira viría do xenitivo de Athanagildus (Athanagildi), nome xermánico que deu tamén Dadín, Ataide, Tahide, Thaim, Tainde, etc., pero segundo Piel, que tamén se decanta por un antropónimo, este sería de Atanitus (Ataniti) (documentado no 867).

Atrio (Redemuíños, Quintela de Leirado).-- Sinónimo de "adro". Atrio é a forma culta, herdeira directa do lat. atriu. (V. O Adro)

Augalevada (As Marabillas, Cartelle).-- Do sintagma latino aqua levata, "auga levada", refírese a unhas augas conducidas por un canle ata outro lugar. Para un muíño, regas ou outros mesteres. Topónimos idénticos son os de A Levada ou Regolevado.

Augas Santas (lug. e parroq. -Sta. Mariña de Augas Santas- de Allariz).-- Hidrónimo referido a unhas augas tidas por terapéuticas ou por milagrosas.

A Auguela (Cexo, Verea).-- Da familia semántica de "auga". Concretamente unha variante da palabra "augueira", que significa "canal de rego". A aldea está cruzada por unha obra deste tipo que tanto puidera ser a motivación toponímica como algo posterior.

Aúlfe (As Marabillas, Cartelle).-- Nome de posesor. De *(villa) Adulfi, "de Adulfus", nome xermánico.

Avia (segunda parte do nome de Carballeda de Avia e compoñente do de Ribadavia. É o nome do río.).-- Hidrónimo formado sobre un prerromano *awer, "auga, río" e este, previamente, coa raíz indoeuropea *akwa-, "auga".

Aviñoá (V. Viñoa)

Avión (lug., parroq. e Conc. da Com. do Ribeiro).-- É un hidrónimo, diminutivo de Avia (*aviolo > *avió > avión). O xentilicio dos seus habitantes é avionés, -sa.

Page 15: aw- villa Abbatini - Canedo

Azoreira (lug. da parroq. e Conc. de Padrenda).-- É un colectivo de azor, a ave de rapina Accipiter gentilis, e pode referirse a un lugar onde se gardan azores domesticados.

Azoreiros (Guillamil, Rairiz de Veiga).-- Relacionado (igual ca o anterior) co azor, pero neste caso seguramente se refire a xentes entendidas en domesticar tal ave para a caza.

… vendo una mia leira que ayo in termio de Açoreiros, á qual chaman da Carualla Viriña, assí como a eu teño a jur e a maao.Venda. 1259. Vida e fala dos devanceiros

Page 16: aw- villa Abbatini - Canedo

B

Baamonde (Coucierio, Paderne de Allariz).-- Procede da propiedade dun tal Badamundus (ou Badamondo) cuxa expresión concreta sería o xenitivo Badamundi.

Bacelo (lug. da parroq. e Conc. da Arnoia)║ O Bacelo (lug. da parroq. e Conc. de Punxín).-- Palabra coñecida que nun principio era o vástago de videira para orixinar cepa e que logo pasou a significar terreo con bacelos, ou sexa, viña nova. Lat. bacillu.

Bacurín (Bóveda de Amoeiro, Amoeiro).-- Antrotopónimo. De *villa Vacorini (de Vacorinus).

O Bagullo (As Seixadas, Cartelle).-- Fitónimo. A palabra común ten varias acepcións, a maioría relacionadas coas uvas.

Baínte (lug. da parroq. e Conc. de Vilamarín).-- Do sintagma ‘*villa Valentii’ (de Valentius, nome latino) ou de *villa Benedicti (de Benedictus, tamén latino, étimo do nome galego Bieito). No segundo caso estaría emparentado co tamén topónimo ourensán San Baínto.

BAIXA LIMIA (Comarca).-- Terras do sur da provincia (fronteirizas con Portugal) comprendidas nos concellos de Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños. Estes 5 municipios aglutinan 47 parroquias. A capitalidade reside en Bande, ten de superficie 530,3 km2 e a súa poboación suma 7.406 hab. (2015). Ten unha rica historia debido á súa condición de paso natural entre Galicia e Portugal. Predominan os restos prehistóricos e romanos. O nome da comarca alude ó río Limia (Ver), cuxo recorrido se corresponde co curso medio, pero que, dentro de Galicia, é o curso baixo. Realmente o baixo pertence a Portugal, territorio por onde continua e desemboca. O río entra na comarca a unha altitude de 600 m. e baixa ata os 250 que ten ó chegar á fronteira. As serras veciñas pasan dos 1.000 m. de altitude.

A Baiuca (O Río, Vilamarín).-- Transparente. Taberna, bodegón, tasca.

O Balcón (Osmo, Cenlle ║ Trasariz, Cenlle).-- Correspóndese cunha coñecida palabra do vocabulario común, pero non é fácil descubrir a súa aplicación. A palabra ven do italiano balcone, balcón, e en tempos pasados tivo diversas acepcións: Plataforma, parapeto, galería aberta, soportal, terrado, etc. Podería referirse a calquera destes elementos arquitectónicos ou quen sabe se, simplemente, a un lugar de observación.

Baldariz (lug. da parroq. e Conc. de Cartelle ║ lug. da parroq. e Conc. de Punxín).-- Nome de posesor. De *(villa) Baldarici, "de Baldaricus", nome xermánico.

Damos y aforamos a vos Gonçaluo de Bacorín, morador que sodes eno lugar de Bacorín, couto de San Miguel de Bóbeda, que …Foro. San Clodio de Avia - 1517

Page 17: aw- villa Abbatini - Canedo

Balde (lug. e parroq. de Carballeda de Avia).-- Nome de posesor. De *(villa) Baldi, "de Baldo", nome xermánico.

Baldemir (San Xes de Vilariño, Lobeira).-- Nome de posesor. De *(villa) Baldemiri, "de Baldemirus", nome xermánico.

Baldomar (lug. da parroq. e Conc. de Nogueira de Ramuín ║ Beacán, A Peroxa).-- Nome de posesor. De *(Villa) Baldemari (de Baldemarus, Baldomero). Nada que ver cun suposto ‘val do mar’.

Baldrei (Asadur, Maceda).-- Nome de posesor. De *(villa) Balderedi, "de Balderedus", nome xermánico.

Baldriz (lug. e parroq. de Cualedro).-- Nome de posesor. Documentado no 950 como Balderici o que indica un anterior *(villa) Balderici, e dicir, "de Baldericus", logo Balderico.

Balín (Sanguñedo, Verea).-- O Nomenclátor da Xunta localiza 5 lugares Valín en Lugo e un Balín en Ourense. Puideran ser todos o mesmo (a pesar da diferenza ortográfica): un diminutivo de valles, -is. Igual que 'valiño', por exemplo. É certo que nestas terras o sufixo diminutivo -ín non é habitual na fala común (como pode ser na zona oriental) pero si posible nun tempo, lugar ou circunstancias determinadas. A realidade xeográfica do lugar é a dun val pequeno, no sentido de pouco profundo. Curiosamente en moitos mapas o regato que forma o val está denominado 'Rego de Valín' (con 'v'). ║ Algún dos outros Valín puidera vir do antropónimo Valinus.

Baltamarón (Crespos, Padrenda).-- Hidrotopónimo. Debería de ser Valtamarón, composto de Val e Tamarón, sendo seguramente este o antigo nome dun dos dous ríos que alí se xuntan, o chamado hoxe río de Crespos e un regueiro sen nome afluente daquel. Recordando outros casos non tería nada de particular (aínda que isto é só unha especulación) que un fose Támara e o outro, o pequeno, Tamarón. Tam- é unha base hidronímica (presente en moitos nomes de ríos galegos) derivada da raíz indoeuropea *Ta-, "derreter, fluír".

Baltar (lug., parroq. e Conc. da Com. da Limia).-- Topónimo derivado dun nome xermánico de posesor, un tal Baltarius, a través do xenitivo Baltarii. Noutros casos a formación orixinal estivo construída co acusativo Baltarium, dando o resultado de Balteiro. (Ver) O seu xentilicio é baltarés, -sa. (Este topónimo Baltar repítese 20 veces en Galicia.)

Balteiro (O Pao, Gomesende ║ Santa Comba de Trevoedo, Maside).-- De Baltarium, acusativo de Baltarius. (Ver Baltar.)

O Banco (Abavides, Trasmiras).-- Este lugar é un barrio de Abavides do cal destaca como unha prominencia do terreo. Son unhas casas nunha protuberancia con suaves declives todo ó derredor. Esta forma puidera ser a motivación do nome sen descartar a posibilidade dun recordo anecdótico ou familiar dalgún concreto banco de sentar.

Bande (Vila, parroq., Conc. e cabeza da Com. da Baixa Limia).-- Nome de posesor. Orixinalmente sería *Villa Vanati, e dicir, Vila de Vanatus. O xentilicio é bandés, -sa.

Banga (parrroq. do Carballiño).-- Pode ser unha base celta, *banga, que ten algunha relación co acio de uvas. (Esa base cítaa Rivas Quintas a propósito da palabra 'bangalla/o.)

Bangueses (parroq. de Verea) ║ Bangueses de Arriba e Bangueses de Abaixo (lugs. de Bangueses, Verea).-- Etnotopónimo. Refírese a xente alí establecida vida da parroq. de Banga (O Carballiño).

Page 18: aw- villa Abbatini - Canedo

Baños: Baños de Molgas (vila e Conc. da Com. de Allariz-Maceda) ║ Baños (lug. e parroq. da Veiga) ║ Os Baños (lug. e parroq. de Bande ║ lug. de Río Caldo, Lobios).-- Todos aluden a unhas instalacións de baños (balneos, en lat. serodio) de augas termais, procedentes dos tempos romanos. ║ No caso de Baños de Molgas E. Rivas explícao coa posible expresión *balneos de Aquas Admollicas, "baños de augas amolecedoras" (admollicas > amolicas > amolgas.) Xentilicio, molgao, -a. (V. Molgas) ║ Baños de Molgas, Os Baños de Río Caldo e Os Baños (de Bande) correspóndense con históricas "mansións" (parada e "área de servizo") da vía romana XVIII, a de Braga a Astorga. As chamadas, respectivamente, Salientibus, Aquis Originis e Aquis Querquennis. A realidade das augas termais de Río Caldo tamén queda reflectida no nome do río e da parroquia.

O lugar de Os Baños de Río Caldo debe o nome a estes "balneos" romanos.

Barbadás (lug., parroq. e Conc. da Com. de Ourense).-- Puidera ser un xenitivo en –anis dun antropónimo, por exemplo, do nome latino Barbatus (*Barbatanis) sen descartar a posibilidade dun hidrónimo prerromano baseado na partícula *bar, "depresión, costa, desnivel". O xentilicio dos seus habitantes é barbadés, -sa.

Barbantes (lug. e parroq. de Punxín ║ O Río, Vilamarín) ║ A Barca [de Barbantes] ( lug. e parroq. de Cenlle).-- Tanto o Barbantes de Punxín coma o de Vilamarín están moi próximos ó río Barbantiño, o cal podería ter algo que ver. En canto ó terceiro compre dicir que se presta a moita e habitual confusión pois, cando construíron o ferrocarril Vigo-Ourense, puxeron alí unha estación e rotulárona co nome de Barbantes (o de Punxín) por ser a entidade de poboación daquela máis cercana. Ó redor foise formando un poboado e moita xente considerou que había que chamalo igual ca estación, cando ese lugar sempre fora A Barca (debido a un histórico paso de tal transporte). ║ A primeira sílaba do nome Barbantes pode ser a base celta *bar, "depresión, barronca, desnivel". A terminación -antes podería ter connotacións étnicas ou tribais, ou, polo menos, de "habitantes de…". ¿Podería ser Barbantes = "habitantes do bar (desnivel)"?

Barbaña (Ourense cidade).-- Este nome de río contén a partícula precéltica *bar, "depresión, costa, desnivel". Desde logo é un hidrónimo de orixe prerromana. Pero aparte deste uso

Page 19: aw- villa Abbatini - Canedo

hidronímico histórico serviu, ata hai uns anos, para denominar dous barrios da cidade situados na marxe esquerda do tal río: Barbaña de Riba (a actual rúa Antonio Puga, máis ou menos) e Barbaña de Abaixo (por Ponte Lebrona).

As Barbeitas (Toubes, A Peroxa).-- Parece transparente: terras nas que por un ou máis anos non se cultivan para que descansen. Lat. verbactum. Claro que se aparece alguén dicindo que vén da raíz precelta bar- / ber- co sufixo plural latino -eta (“lugar de moitos montículos”) non llo saberíamos contradicir.

A Barca [de Barbantes] ( lug. e parroq. de Cenlle).-- V. Barbantes.

Barcia (Quins, Melón ║ Reádigos, O Irixo).-- Proceden da base prerromana *barc ou *barg, portadora da idea de concavidade do terreo e relacionada coa forma ibar-ko amentada no parágrafo seguinte (O Barco de Valdeorras). Hoxe o normativo "varcia" é sinónimo de "varxa".

O Barco de Valdeorras (Vila e Conc. cabeza de Com.).-- Os topónimos "barco", xeralmente, non teñen nada que ver con embarcacións nin con navíos senón que son uns orónimos que designan depresións ou concavidades. Este, concretamente, nomea un lugar á beira do Sil cuxo val, de seu estreito, alí se abre e anchea. O nome é unha corrupción dun prerromano ibar-ko que significaba "val". Aínda hoxe, en vasco, "ibar" significa "val". O xentilicio máis usado é o xenérico valdeorrés, -sa. ║ Para o predicado ver Valdeorras.

Ao lonxe, no fondo dese "barco" formado por montañas, vislúmbrase O Barco De Valdeorras

O Barón (parroq. que ten 12 lugares no Carballiño e 2 en San Amaro ║ Seoane de Arcos, O Carballiño) ║ O Barón Pequeno (O Barón, O Carballiño).-- San Fiz de Barón (a veces escrito Varón) é unha parroquia que ten lugares nos Concellos do Carballiño e San Amaro. No primeiro deles está un lugar chamado O Barón Pequeno. Aparte diso hai outro Barón en outra parroq., na de Seoane de Arcos. Todos eles -parroquia e os dous lugares- están regados polo Regato do Barón, subafluente do Avia. Estes topónimos non se repiten nin en Ourense nin no resto de Galicia. Proceden do nome do río. A este E. Bascuas (que o escribe con 'v') relaciónao con hidrónimos da raíz *wer-, "auga, chuvia,

Page 20: aw- villa Abbatini - Canedo

río" (como Viros, Viriña, Veronza, etc.), pero co sufixo prerromano -ōn, presente en moitos hidrónimos, especialmente en cursos altos. (Como en Avia / Avión.) Curiosamente cando o Varón recibe as augas do Varille pasa a chamarse Regato dos Fondós. Iso quere dicir que este último tramo puido ter antes outro nome vinculado ó de Varón. ║ Nun escrito en latín do ano 1188, de San Clodio do Ribeiro, xa se fala dun "rivulo Baraoni". ║ Outros opinan que o topónimo podería vir do antropónimo Barus formado sobre a palabra latina baro, -onis, que significaba tanto "parvo" coma "home libre", pero que foi a orixe da palabra "barón", título de nobleza. E. Rivas constata a existencia de Barón como nome persoal. (V. seguinte)

Baroncelle (predicado do lugar de Santa Comba de Baroncelle, parroq. de Moialde, Conc. de Vilardevós).-- Segundo E. Rivas é un diminutivo latino (Baroncellus) do mome persoal Barón.

Baronzás (lug. da parroq. e Conc. de Xinzo de Limia).-- De *(villa) Baronzanis, "(vila) de Baronza". E. Rivas asociao ó tamén nome persoal xermánico Baro ou Waro (que tería o significado de waran, "protexer, gardar").

Barouta (San Clodio, Leiro).-- Segundo varios autores pódese pensar que este Barouta ten unha primeira parte relacionada co prerromano *bar, "depresión, costa, desnivel", e unha segunda (outa) que a cualifica de alta o que daría unha descripción de "val alto" (Val-outa) ou "pendente alta".

Barra: A Barra (lug. e parroq. de Coles) ║ As Barras (Carracedo,A Peroxa) ║ Barra de Miño (Santo Eusebio da Peroxa, Coles) ║ Barra da Cima (Graíces, A Peroxa) ║ Vilar da Barra (Ucelle, Coles).-- “Barra” no dicionario: banco de area no río ou no mar. É unha voz prerromana común a todas as linguas romances da península. Ten moitas acepcións pero tratándose de lugares achegados ó río ten que referirse a un banco de area. Tamén podería proceder da base celta *bar, "depresión, barronca, desnivel". Pola zona transcorre, e desemboca, o “río da Barra”. ║ O lugar de A Barra está cerca dese río ó que lle debe o nome, e non ó revés. Barra de Miño está entre o río da Barra e o Miño. Neste estaría "a barra". Vilar da Barra está a 4 Kms. do Miño e As Barras a uns 800 m., monte arriba, do mesmo río. Barra da Cima, xunto ó río Barra, a 700 m. de Barra de Miño e Barrasusá (V.) a 300 m. en liña recta, cara arriba, desde o río da Barra.

A Barraca (lug. da parroq. e Conc. de Celanova).-- Palabra do vocabulario común: cabana, choza, construción provisional.

Barracel (Guillamil, Rairiz de Veiga).-- Terreo de moito barro. Un de tantos derivados do prerromano *barr, "lama, bulleiro, arxila". Como 'barrizal' ou 'barral', o topónimo seguinte.

Barral (lug. e parroq. de Castrelo de Miño. Capitalidade do Conc. ║ lug. da parroq. e Conc. de Padrenda) ║ O Barral (Razamonde, Cenlle ║ Tamallancos, Vilamarín).-- Sitio de barro, como barreira, lamazal ou bulleiro.

Barrán (lug. e parroq. de Piñor ║ As Maus, Vilar de Barrio) ║ Barreal (Soutomel, A Bola ║ lug. da parroq. e Conc. de Lobios) ║ O Barreal (San Xurxo, San Xoán de Río) ║ A Barreira (Olás de Vilariño, A Merca ║ Alcázar de Milmanda, Celanova ║ Mudelos, O Carballiño) ║ As Barreiras (Poboeiros, Castro Caldelas ║ San Lourenzo de Fustáns, Gomesende).-- Topónimos dos que no dicir de Moralejo Laso son "de origen remoto y problemático". Tal

Page 21: aw- villa Abbatini - Canedo

cousa é debida ás dúas etimoloxías posibles, ambas prerromanas: barro, "barro, lama, arxila" ou barrum, "barreira, estacada".

Barrasusá (Vilarrubín, Peroxa).-- "Barra de arriba". A segunda parte, -susá, é un derivado popular do lat. sursum, ‘arriba’. (V. Barra)

Barreal / A Barreira / As Barreiras.- Ver Barrán.

Barreiros (As Chás, Maceda ║ Vilariño, O Pereiro de Aguiar ║ lug. da parroq. e Conc. de Padrenda ║ A Corna, Piñor ║ Rante, San Cibrao ║ Santa María de Cexo, Verea) ║ Os Barreiros (Amoroce, Celanova).-- Do prerromano *barro, ‘barro, lama, fango’. Pode ser o lugar (tamén chamado ‘barreira’) de onde se saca o barro (arxila) ou referirse ós artesáns que o traballan (os oleiros). Debemos advertir que o último dos mencionados puidera non ter relación con ese grupo léxico e si tratarse dun apelativo familiar, dado que Barreiros tamén é apelido.

Barrela (Toubes, Peroxa).-- Barrela é o mesmo que barreira (sitio de barro). Con todo pódese pensar que –visto que hai varias ‘Barra’ no contorno- esta ben podería ser un diminutivo, unha ‘Barra pequena’. ║ Tamén se lle chama 'Barrela' a un taboado elevado -feito nunha bodega ou nunha cociña- para gardar cousas.

A Barriada (lugares de Castromarigo e Corexido, parroquias da Veiga).-- Palabra común: barrio.

Barrio (Pardavedra, A Bola ║ Parderrubias, A Merca ║ Carracedo, A Peroxa ║ lug. e parroq. de A Pobra de Trives ║ Bóveda de Amoeiro, Amoeiro ║ O Ribeiro, Bande ║ lugs. de Ansemil e Bobadela, parroqs. de Celanova ║ Cados, Muíños ║ Untes, Ourense ║ lugs. de Navío e Salamonde, parroqs. ambas de San Amaro) ║ O Barrio (Cristosende, A Teixeira ║ Bar­xés, Muíños ║ Cantoña, Paderne de Allariz ║ Soutomaior, Taboadela ║ Lobaces, Trasmi­ras ║ lug. da parroq. e Conc. de Vilamarín ║ lug. da parroq. e Conc. de Vilar de Santos ║ lug. da parroq. e Conc. de Xunqueira de Espadanedo) ║ Barrio da Eirexa (Mormentelos, Vilariño de Conso) ║ Barrio da Liberdade (Alongos, Toén) ║ Barrio de Abaixo (Meda, A Veiga) ║ Barrio de Abaixo e Barrio de Arriba (lugs. da parroq. e Conc. de Trasmiras) ║ Barrio de Cima, Barrio do Fondo e Barrio do Pacio (Lamalonga, A Veiga) ║ O Barrio de Abaixo e O Barrio de Arriba (Pinza, Viana do Bolo) ║ O Barrio de Cascallá (lug. e parroq.de Rubiá).-- Do árabe barri, "aforas". Documentado en baixo latín do s. IX como barrium, "lugarexo, dependencia doutra poboación máis grande".

Barro (Brués, Boborás ║ Madarnás, O Carballiño ║ Loureiro e San Cosmede de Cusanca, am­bos no Irixo) ║ Barroso (lug. e parroq. de Avión).-- Sabemos que é o barro, pero se quixé­semos precisar máis habería que preguntarse se se trata de arxila, o barro dos oleiros, ou de lama, o bulleiro. ║ Barroso tamén podería ser o xentilicio dalgún outro lugar chamado Barro. ║ Asemade non se pode desbotar a idea de que algún sexa unha consecuencia do antropónimo celta Baro.

O Barrocal (San Cosmede de Cusanca, O Irixo) ║ Barrocás (Ourense cidade).-- ‘Barrocal’ é palabra do galego antigo (de orixe prerromana) co significado de penedo ou rocha redonda. Barrocás é o seu plural.

Barroso (lug. e parroq. de Avión).-- V. Barro.

Page 22: aw- villa Abbatini - Canedo

Barxa (lug. e parroq. da Gudiña ║ lug. e parroq. de Celanova ║ San Martiño, O Bolo) ║ A Bar­xa (Piñor, Barbadás ║ Crespos, Padrenda) ║ As Barxas (Cudeiro, Ourense) ║ Barxa­cova (lug. e parroq. de Parada de Sil) ║ Ponte Barxas (lug. e parroq.de Padrenda).-- Derivación de barsa, palabra de orixe prerromana que podería ter o significado de "balsa, concavidade". Nalgúns lugares foi sinónimo de ‘barca’, que ten a mesma forma interior. Cabeza Quiles di que “Barxa e Barxas son topónimos asociados a cuncas ou valgadas fluviais”. ║ É un topónimo moi estendido (84 en Galicia coas variantes). Aparenta ser un topónimo transparente debido á palabra homófona ‘varxa’ que segundo o dicionario é “Te­rreo chan e fértil situado nas marxes dun río que é frecuentemente anegado por este”.

Barxela (Vilardecás, Maceda ║ Santa María de Mones, Petín) ║ A Barxela (A Carballeira, No­gueira de Ramuín) ║ Barxelas (Cudeiro, Ourense - onde se distingue de As Barxas sito na mesma parroquia e relativamente cerca - ║ Vilela, Punxín) ║ A Barxiña (Barxa, Cela­nova).-- Son todos diminutivos de Barxa.

Barxés (parroq. de Muíños).-- Podería ser o xentilicio dalgún dos varios lugares chamados Barxa ou Barxas. Ou adxectivar así a alguén procedente dunha varxa (na acepción de terreo xunto ó río), palabra común que estaría nunha función de pre-topónimo. É un apelido moi antigo seguramente formado sobre 'barxa'.

Barzamedelle (lug. do Concello de Leiro que administrativamente pode considerarse coma dous lugares distintos pois unha parte pertence á parroquia do propio Leiro e outra á de Bieite).-- Segundo J. M. Piel é un composto de "barcia" e "Metelli". O primeiro (< *Barcena) é o actual "varcia", sinónimo de"varxa" ou "veiga" e o segundo, o xenitivo de Metellus, un nome histórico. É dicir, "Varxa de Metellus". (O paso de -elli [eli] a -elle, con palatización do "l(l)" e troco de i por e, non é un fenómeno estándar, pero si bastante frecuente.)

Bascois (lug. da parroq. e Conc. de Carballeda de Valdeorras ).-- De primeira impresión parece un topónimo de orixe étnica referido a un colectivo vascón, tendo en conta que no dialecto galego oriental o plural de vascón é "vascois". Sen embargo tamén hai a posibilidade de que proceda de Velasconis, xenitivo do nome Velascus (Velasco). A base deste nome persoal é a palabra vasca bela, "corvo", e o afixo -sk- forma adxectivos tamén nesa lingua, de forma que "velasco" -como apelativo- sería "corveira" en vasco. Por outro lado, nalgunhas partes usouse a variante Vasco (en vez de Velasco). Con todo isto quero dicir que ese paralelismo entre o antropónimo e o xentilicio volve confusa a orixe do topónimo.

Batallás (Astureses, Boborás ║ Madarnás, O Carballiño).-- Estes dous lugares, próximos á provincia de Pontevedra, puideron ser un destino de xentes vidas de A Batalla, senllos lugares de A Estrada e As Neves.

A Batoca (Brués, Boborás ║ Golpellás, Paderne de Allariz).-- A palabra "batoca" (igual que a máis coñecida "batoco") alude a un terreo ou camiño lamacento e pantanoso.

O Batán (Tioira, Maceda).-- Este lugar está á beira do río Tioira e o topónimo suxire que alí houbo un batán que lle deu nome. Batán é ese aparello (xeralmente movido por auga) con mazos de madeira para bater tecidos en fabricación. En Galicia hai 28 nomes de lugar que levan este topónimo.

Page 23: aw- villa Abbatini - Canedo

A Batundeira (Velle, Ourense).-- Neste lugar na Idade Media estaba establecida a chamada, precisamente, Encomenda da Batundeira, unha especie de centro administrativo para Galicia da Orde Militar de Alcántara. Está documentada dende 1238, nunha Bula Papal. Daquelas xa tiña ese nome pero non sabemos se o nome llo puxeron (por algunha razón) ó constituír a Encomenda ou se xa o tiña de antes. Segundo E. Rivas ´batundeira´, s.f., significa “Altercado ruidoso, porfía a voces”, pero probablemente está restrinxido á zona por el estudada. Outra palabra que podería ter relación é “batear”, sinónimo de “bautizar” (do lat. baptizare). Tampouco non me estrañaría que fose unha palabra de formación onomatopeica e que tivese que ver con bater (lat. battuere), tunda (soba, malleira) ou con batán (o aparello, sinónimo de folón, visto no topónimo anterior) o cal, por certo, facía gran ruído, unha "batundeira", e soía estar á beira dun río, coma neste caso. Está á beira do Miño.

Baxín (Campo, O Irixo).-- Antrotopónimo. De *(villa) Bagini, "(vila) de Baginus".

Beacán (parroq. da Peroxa, con 8 lugares: Airoá de Beacán, O Outeiro de Beacán e 6 aldeas máis).

Beade (lug., parroq. e Conc. da Com. do Ribeiro ║ Redemuíños, Quintela de Leirado ).-- Nome de posesor. Designa á propiedade de alguén de tempos medievais chamado Benenatus ou Beatus. Por ex.: *villa Benenati > Beati > Beade ou *villa Beati > Beati > Beade. Xentilicio: beadés, -sa.

Beariz (lug., parroq. e Conc. da Com. do Carballiño ║ parroq. de San Amaro).-- Dun suposto *villa Viarici, (vila de) Viaricus. Xentilicio: bearizao, -á.

A Beirada (Cantoña, Paderne de Allariz).-- A voz "beirada" é o mesmo que 'beiral', borde, lado, ou, tamén, banda arredor dun eido. E. Rivas di que está relacionada con correntes de auga. De baria, "marxe de río", precelt. *bar-, auga. O lugar está á beira do río Cerdeiriño, afluente do Barbaña.

Beiro (lug. e parroq. de Ourense ║ parroq. de Carballeda de Avia con dous lugares: Beiro de Abaixo e Beiro de Arriba) ║ O Castro de Beiro (lug. e parroq. de Ourense).-- É moi tentador pensar que este topónimo ten a mesma orixe ca ‘beira’ como tamén o ten ‘beirada’, ‘beiral’ ou ‘beirado’. Partindo dun vocábulo celta formouse en baixo latín ‘baria’ e ‘barea’, sempre co significado de ‘marxe, beira, bordo’, precedente das palabras amentadas. O Beiro de Ourense, en tempos, era unha zona máis grande ca actual parroquia. Polo pronto a contigua parroquia do Castro polo oeste leva o predicado de Beiro e, asemade, a tamén contigua polo leste, a parroquia de Vilar formouse en 1893 con territorio que formaba parte de Beiro. Agora ben, dáse a circunstancia de que todo ese territorio continuado resulta ser o final da meseta (Os Chaos de Amoeiro) onde está asentado. Forma coma un balcón sobre o val do Miño (e Ourense capital) que está 300 m. máis abaixo. Ou sexa que de algunha maneira é unha beira, a beira das terras altas. ║ Con todo o máis probable é que o nome sexa un antrotopónimo formado a partir de Barius, Berius, Valerius,… Hai un Casbeiro en Bóveda (Lugo) e outro en Monção (Portugal) que son interpretados como "Casa de Barius". En Aveiro (Portugal) hai un Beire, documentado en 989 como "Villa Barius". (Barius > *Bairus > Beiro)

Et mando ao dito moesteyro a mía sesta parte do casar d ' Astrees, a que dizen do Outeyro, sacada ende a herdade que ei de fora de Santa Vaia de Beyro que lle tiro ende.Testamento. 1302. Vida e fala dos devanceiros

Page 24: aw- villa Abbatini - Canedo

Belecón (Nieva, Avión).-- Ó dicir de J. Caridad ven de Bellacanus, unha forma posesiva para o nome primitivo Beliaco.

Os Beleiros (Santa Cruz de Arrabaldo, Ourense).-- Beleiro é un apelido oriúndo da provincia de Pontevedra. O asentamento dunha familia así coñecida podería ser a orixe do topónimo. Tal apelido podería ser unha aférese de 'abeleiro', outro nome da 'abeleira'. (O vigués Rafael Beleiro foi o colonizador da Patagonia arxentina.)║ No Dic. da Lingua Portuguesa pode lerse: “Veleiro: criado que fazia os recados fora do convento” . Podería ser outra procedencia do apelido.

Belesar (San Miguel de Melias, Coles).-- Nome de posesor. De villa Belisarii (de Belisarius).

O Bellao (Cudeiro, Ourense).-- Pola terminación podería ser un xentilicio. Algo así como, por exemplo, ‘natural de Belle’. ║ En portugués velhão é un aumentativo de “velho” (vello).

Belmonte (Pazos de San Clodio, San Cibrao).-- Á primeira vista parece fácil: do lat. bellum montem, "belo monte" ou "monte belo", pero resulta dubidoso, sobre todo se o topónimo ten un certo tempo. Non é fácil imaxinar ós labregos de, por exemplo, a Idade Media, como seres sensibles capaces de manexar conceptos de beleza. Ese ‘bel’ ben podería ser a raíz celta bel- coa idea de brillante ou claro (¿cuarzo?, ¿caliza?). E tamén hai a posibilidade dun mons Beleni, "monte de Beleno", deidade solar celta Bel / Beleno, que leva, precisamente, esa raíz.

Belvís (Cabanelas, O Carballiño).-- Nome resultante de bellu visu, "bela vista". (Poden aplicarse as prevencións do epígrafe anterior.)

Bembibre (lug. e parroq. de Viana do Bolo. Hai outras dúas parroquias co mesmo nome, unha na Coruña e outra en Lugo ademais da coñecida vila de El Bierzo).-- Xeralmente se di que procede da forma latina bene vivere, "ben vivir", e que é de supoñer que llo puxeron á posta con fins propiciatorios ou propagandísticos. E. Rivas rexéitao e di que se trata dun hidronímico por partida dobre, que é un (A)VenBiber, formado con aven, "río", e biber, tamén "río".

Bemposta (Seixalbo, Ourense) ║ A Bemposta (Osoño, Vilardevós).-- Do lat. Bene positam. Ben feita, ben construída, ben posta.

Berán (lug. e parroq. de Leiro).-- Pode que este topónimo estea relacionado co nome da deusa Venera (Venus), ben por proceder dalgún antropónimo derivado dese nome, como poden ser o nome Veranis ou os sobrenomes Varianus, Veranus ou Verianus, ou ben por una relación máis directa co culto á deusa como o reflictiría a palabra formada polo seu nome máis a desinencia -anis, indicativa de adscrición ou pertenencia. Esta palabra sería *Veneranis, "lugar dedicado a Venera".

Berdelle (Mirallos, Peroxa).-- De villa Bertelli, de Bertellus, nome xermánico.

Beresmo (parroq. e Conc. de Avión).-- Segundo J. M. Piel este nome "reflecte inconfundivelmente o de Verissimus", nome confinado ó N.O. da península e relacionado con São Veríssimo (en galego San Breixo), mártir en Lisboa no 303 ou 304. É un cognome formado a partir do superlativo de verus, "verdadeiro". ║ Outra opinión: Topónimo prerromano, escrito na época medieval como Verosma, que contén a partícula superlativa *uper (> Ver- ) máis a base *sam-, "altura", o que comportaría a idea de "supremo, moi elevado."

Page 25: aw- villa Abbatini - Canedo

Bergaza (Albán, Coles) ║ Bergazos (Xuvencos, Boborás) ║ Vergazas (O Val, Gomesende).-- A opinión máis estendida é que proceden da raíz protoindoeuropea *brig, "montaña", tendo en conta que no ámbito galego *brig- soe dar berg-. Sen embargo Nicandro Ares supón que é un nome feminino que vén do xentilicio *Virgatius (procedente do cognomen Virgatus, documentado). A diferenza entre "B" e "V" pode ser irrelevante se temos en conta que hai un actual Bergazos en Lalín que aparece escrito Vergazos nun documento do 968. Tamén hai quen considera que o sufixo -aceus denota unha presenza de material construtivo e, en consecuencia, os tres mencionados poden referirse a construccións (chabola, alpendre, corte, etc.) feita ou recuberta de varas (lat. virga) ou vimbios (trenzados).

A Bergueira (Trasalba, Amoeiro).-- A mesma raíz do primeiro parágrafo do anterior, aplicada a elevacións de terreo, a protoindoeuropea *brig / *berg (montaña) + o sufixo latino –arius = ‘lugar de moitas montañas’.

Berrande (lug. e parroq. de Vilardevós).-- J. M. Piel recoñece neste topónimo o xenitivo de Venerandus. (Venerandi > *Venrandi > Verrande). Polo contrario, N. Ares, seguindo a Carpentier, recorda que a forma "berra", que está en varios topónimos, aparece citada nun ara votiva escrita en lat. e atopada en 1929 cerca dos restos dun mosteiro do Concello de Paradela (Lugo). O significado da palabra non foi identificado, pero podería ser o de "campo con mato".

Berredo (lug. e parroq. da Bola).-- Pódese dicir o mesmo do anterior, pero habería que engadir a posibilidade alternativa dunha relación coa planta berro, que por certo é unha voz prerromana.

Bertamil (Lobás, O Carballiño).-- Dun (*villa) Bertamiri, é dicir, "de Bertamirus", nome xermánico.

Bertelo (Viñoás, Nogueira).-- De *(vila de) Bertello, de Bertellus, nome xermánico. A mesma orixe de Berdelle, pero alí era un sintagma latino e este, romance,

Besteiros (O Souto, Peroxa).-- Nun documento do mosteiro de Oseira de 1248 cítase unha propiedade sita “in terra (Bal)estariis”: Sitio onde vivían fabricantes de béstas. Pero besteiro tamén pode ser o soldado armado dela ou o tratante en bestas (animais), se ben neste último caso o ‘e’ é pechado mentres o das béstas-armas é aberto. Cumpriría coñecer a pronuncia primitiva.

Betán (lug. e parroq. de Baños de Molgas).-- Antrotopónimo relacionado co nome romano Bitto ou Bitilo ou o celta Betanus.

Page 26: aw- villa Abbatini - Canedo

A aldea de Betán conserva disimulado o nome do primeiro propietario aínda que non o podamos precisar.

Betar (Oseira, San Cristovo de Cea).-- Antrotopónimo provinte do nome Betarius ou Victerius (derivados do antropónimo celta Beto).

Bexe (As Cabanas, San Xoán de Río).-- Topónimo enigmático que foi tratado por Piel e Schulze. Para o primeiro sería unha "Vila de Avidius", o cal daría "Vilavexe" e este, á súa vez, Bexe. Para o segundo é unha forma dun xentilicio Besius, Bessius ou Vegius.

Biduedo (Sto. Estevo de Ribas de Sil, Nogueira de Ramuín ║ Pereda, San Cristovo de Cea).-- Bosque de ‘bidos’ ou ‘bidueiros’. Do céltico *betu > lat. betulu, co sufixo abundancial –edo.

Bidueira (lug. e parroq. de Manzaneda).-- É o feminino de Bidueiro. Seguramente cun valor colectivo.

O Bidueiro (Sande, Cartelle).-- Nome da árbore Betula pubescens. Tamén chamado bido. En portugués, bétula ou vidoeiro e en castelán, abedul.

Bieite (lug. e parroq. de Leiro).-- Alude ao nome de Benedictus. Seguramente a través dun *(villa) Benedicti. A mesma orixe ca o antropónimo actual Bieito.

Biobra (lug. e parroq. de Rubiá).-- É un antrotopónimo celta aínda que por haber distintas alternativas non se poida precisar os nomes exactos. Podería vir dun Vino-vera no que o primeiro elemento sería unha variación do nome Vindius e o segundo un paso de Venera > Vera, "branco, brillante, arroio". (Vino-vera, a través do latín, chegaría ó romance con perda do "n" intervocálico e síncopa do "e".)

Os Blancos (lug., parroq. e Conc. da Com. da Limia. Hai outro lugar así chamado na Prov. da Coruña e outro na de Pontevedra).-- Quizais sexa un fenómeno típico de Galicia debido ás mínimas dimensións dalgúns núcleos de poboación. Tanto que ás veces un pequeno

Page 27: aw- villa Abbatini - Canedo

casarío pode, ou puido, estar ocupado exclusivamente por unha familia. Desa forma non ten nada de estraño que ese casarío se coñecese (nun principio) polo apelido desa familia. É parecido ós topónimos formados por un xentilicio, pero a unha escala máis pequena. Así temos Os Blancos, que hoxe é todo un Municipio, pero no que o núcleo inicial foi un grupo de casas ocupadas por unha familia apelidada Blanco. Casos similares serían os de "Os Antóns", "Os Cuquexos", "Os Domínguez", "Os Fernández", "Os Gómez", "Os Vázquez" e "Os Vilares". Pode que, incluso, haxa máis, pero hai palabras que ó ser a un tempo tanto apelativos coma apelidos non resulta fácil diferencialas. Referímonos, por exemplo, a "Os Asneiros, "Os Beleiros", "Os Facheiros", "Os Formigos, "Os Lameiros", "Os Montes", etc. Os xentilicios dos naturais deste concello son os de blanqués, -sa ou blanquense.

Boado (lug. e parroq. de Xinzo de Limia).-- Segundo Nicandro Ares -seguindo a Du Cange- este topónimo -e outros similares- estaría relacionado coa bovata terrae, unha medida agraria equivalente á extensión de terra arada por un boi.

Boazo (parroq. da Teixeira).-- De Bubatio, antropónimo celta.

Bobadela (San Miguel de Canedo, Ourense ║ parroq. de Celanova) ║ Bobadela a Pinta (lug. e parroq. de Xunqueira de Ambía).-- Do latín bovatella, "lugar por onde pasa a boiada [fato de bois]". É o mesmo étimo que o de Bobadilla.

Boborás (lug. e Conc. da Com. do Carballiño. A parroq. chámase Xuvencos -Sta. María-).-- Fitotopónimo. Provén da planta chamada "abóbora" (lat. apopore), unha especie de cabaza. Unha plantación de abóboras sería un aboboral e o plural deste, aboborás. Co tempo sufriu aférese do primeiro "a". G. Navaza cita varios textos antigos nos que figuran, no século XIII, os nomes de Aboberanes e de Boberaens. O nome dos seus habitantes é boborao, -rá, ou boborés, -sa.

Boedes (Lobás, O Carballiño) ║ Boeiros (Santa Marta de Moreiras, O Pereiro de Aguiar).-- Da voz céltica *bod, "auga, charco, fonte". Tamén poderían ser derivados colectivos da planta chamada buda en latín, a "espadana".

Boimorto (lug. e parroq. de Vilamarín).-- Non ten nada que ver cun ‘boi’ senón cun terreo pedregoso. É unha tautoloxía pois tanto ‘boi’ coma ‘mor’ significaban ‘pedra’ en distintas linguas prerromanas (quizais unha céltica e outra precéltica). A etimoloxía popular completaría o nome na forma que o coñecemos hoxe.

A Bola (lug. da parroq. de Santa Baia de Berredo e Conc. da Terra de Celanova).-- Moi cerca da aldea da Bola hai unha gran pedra redonda de granito, hoxe bastante deteriorada, que lle deu o nome a esa aldea e logo a todo o Concello, o cal ten a capitalidade no lugar de Campo de Veiga, parroq. de Veiga. É o mesmo étimo do topónimo seguinte. Os xentilicios tamén coinciden: bolés, bolesa.

Page 28: aw- villa Abbatini - Canedo

A "bóla" que da nome á aldea da Bola e ó Concello do mesmo nome.

O Bolo (lug., parroq. e Conc. da Com. de Valdeorras).-- Alude a un cabezo ou elevación pequena. Pode corresponderse con Volobriga ou Bolobriga, capital dos nemetanos (citada por Ptolomeo) e da que di E. Bascuas "que, aunque no identificada, suele situarse en esta zona y es sin duda la misma palabra". Ese nome sería totalmente celta cunha primeira parte, boll-, "altura, prominencia", -que se conserva- e a coñecida briga, "cidade ou altura fortificada". Xentilicio: bolés, -sa. [Continúa...]

O Bolo (Garabás, Maside ).-- Igual que no caso anterior alude a un cabezo ou elevación pequena. Foi a capitalidade do Couto do Bolo de Senda. O nome procede do celta boll-, "altura, prominencia", pero quizais sexa unha copia do aplicado a unha cercana gran pena con petroglifos.

Vista de O Bolo (Valdeorras), ó redor da súa torre e na cima dunha prominencia.

Page 29: aw- villa Abbatini - Canedo

Boncomezo ( Gustei, Coles).-- Transparente, "bo comezo". Nome que aparenta ser asignado á posta, coma propiciatorio. Xa aparece nun documento de 1292 do mosteiro de Oseira.

Borraxas (Feás, Boborás) ║ Borraxos (Viñoás, Nogueira).-- Poden estar relacionados tanto coa planta borraxa (V. o seguinte) como con borrea ou borrela (mato que se queima despois da roza).

A Borraxeira (Tras Hospital, Ourense).-- Topónimo complexo. Pode ser unha plantación de borraxas (Borrago officinales. Portugués, borragem. Castelán, borraja). Podería haber confluencia con outras familias léxicas, como a de borralla (cinza) ou a de borrén (mato que se queima despois das rozas). Borraxeira é tamén unha néboa espesa e baixa.

Borraxos (V. Borraxas)

A Borrén (Navea, A Pobra de Trives).-- Esta é unha pequena aldea situada xunto a unha cerrada curva do río Navea pouco antes da súa desembocadura no Bibei. Hoxe a perspectiva é enganosa pola influenza do encoro de Montefurado, pero -dada a configuración do terreo- pódese ver que seguramente sexan unhas terras de aluvión o que leva a pensar que ese feito estea relacionado co nome. Esa borrén sería o mesmo que uns borreiros, é dicir, un terreo de sedimentos. Son derivados de borra, "pouso, sedimento", palabra de orixe prerromana. Un borreiro é un lugar onde se depositan as borras ou -como define o Dic. Estraviz- un "lugar onde se juntam as borras". Borrén pode ser o mesmo.

Borruga (Cesuris, Manzaneda).-- A palabra común borruga é, o mesmo que burra ou borreca, un sinónimo de verruga, 'ampola'. Segundo o Dicionario Etimolóxico de E. Rivas tén unha base gala *burro, "inchazo, morea". Pode referirse a unha pedra ou penedo que sobresae dun terreo, ben por recordar matafóricamente a unha verruga do corpo, ben porque o étimo, produtivo, dese un dobre resultado.

Borulfe (lug. da parroq. e Conc. de Vilamarín).-- De *villa Berulfi, de Berulfus, nome xermánico.

Boulla (Oseira, San Cristovo de Cea).-- Boulla é un nó ou excrecencia nas árbores (normativo actual, broulla), pero tamén podería ser unha variante de boullón (burbulla, cachón).

Bousés (lug. e parroq. de Oímbra).-- Podería ser un antrotopónimo debido ó nome galo Bussianus. ║ Tamén puidera ser un derivado da milenaria palabra 'balsa', precedente de bouza e similares.

Bouteiro (Sagra, O Carballiño).-- De *(villa) Baltario, "(vila) de Baltarius". (O mesmo étimo que Baltar.)

Bouza (Pexeiros, Viana do Bolo) ║ A Bouza (Vilar de Astrés, Ourense ║ lug. e parroq. de Beariz ║ lug. e parroq. de Cartelle ║ Macendo, Castrelo de Miño) ║ Bouzas (lug. e parroq. de Baños de Molgas ║ A Manchica, A Merca ║San Paio de Arauxo, Lobios║ As Chás, Maceda ║ lugs. de Garabás e do Lago, Maside ║Sacardebois, Parada do Sil ║ Boimorto, Vilamarín)║ As Bouzas (San Mamede de Urrós, Allariz ║ Macendo, Castrelo de Miño) ║ O Bouzo (Garabelos do Bouzo, Baltar).-- A palabra "bouza" (e a afín "bouzo"), probablemente prerromana, procede de balsa > bausa > bousa e aínda que se considera unha palabra viva do galego común a verdade é que hoxe presenta, segundo os territorios, diferenzas ou vacilacións semánticas. Segundo os dicionarios pode ser un terreo a monte, un lugar inculto e con mato, un bosque cerrado con árbores e mato, etc.

Page 30: aw- villa Abbatini - Canedo

Segundo o P. Sarmiento é un lugar cercado onde pacen os bois. Pero non sabemos cal sería o seu valor no momento histórico en que a palabra se materializou nos topónimos. ¿Non será que primeiro eran uns pasteiros (uns cercados para os bois), coidados e curiosos, e logo, co paso do tempo, moitos deles quedaron desleixados e polo abandono se foron convertendo en bosques con mato o que non impediu que se lle seguise chamando igual?

Bouza Longa (Mirallos, A Peroxa) ║ Bouzas Vedras (O Souto, A Peroxa) ║ Bouzas do Fondo (Melias, O Pereiro de Aguiar) ║ Bouzachás (Velle, Ourense) ║ Bouzadrago (A Pereira, Entrimo).-- Compostos de “bouza”. En canto os distintos determinantes que se usan para particularizar os nomes sinalados son tamén claros. O de ‘Vedras’ responde ó adxectivo latino vetera, en galego antigo ‘vedra’ e no actual, ‘vetusta, moi vella’. Bouzachás é o plural de ‘bouza’ co determinante de chás (Bouzas-chás) aínda que estea suprimido ese ‘s’ interior. Puido formarse o plural despois do composto ‘Bouza-chá’.

Bouzadrago (A Pereira, Entrimo).-- É unha resolución do sintagma "bouza-do-agro" con metátese da parte final ("-drago" por "do-agro"). Por outra parte hai un Río Agro, afluente do Limia, que pasa como a 1 km. do lugar.

O Bouzo (Garabelos do Bouzo, Baltar).-- Ver Bouza.

Bóveda (lug.e parroq.de Vilar de Barrio) ║ Bóveda de Amoeiro (lug. e parroq. de Amoeiro).-- As veces uns simples elementos construtivos, posiblemente ruínas ou restos, poderían servir de motivación toponímica. É o caso de Bóveda (lat. volvita). Pero hai quen aduce que aparte desa significación arquitectónica podería ter algunha outra ben distinta relacionada con lat. bos, bovis, "boi". Parece ser que na documentación do mosteiro de Celanova aparece no ano 1004 o Bóveda de Amoeiro como "Bovata", forma similar a outra (Bovada) que se repite posteriormente aludindo ó mosteiro feminino cisterciense alí existente.

Bozqueimado (Casteligo, Chandrexa de Queixa).-- Podería ser "Bouzo Queimado" ou "Busto Queimado".

A Brandela (A Graña, Xunqueira de Ambía).-- É un diminutivo en -ela de "branda" significando esta palabra un lugar no monte onde pace o gando no verán. É palabra prerromana.

Brandín (Betán, Baños de Molgas).-- Antrotopónimo. Posiblemente do nome celta Brandinus.

A Brea (Navío, San Amaro).-- Derivado do lat. vereda (aínda que sexa cun "b" non etimolóxico). (V. Verea)

Breixoeira (Sabucedo, Porqueira).-- Terreo rico en breixos, arbusto (Erica scoparia) de madeira moi dura, sinónimo de "uz". (En galego normativo diríase "breixeira")

Bréixome de Abaixo e Bréixome de Arriba (Parada de Outeiro, Vilar de Santos).-- Parece un antropónimo derivado de Verissimus, nome latino de persoa. Breixome e Breixo (forma hipocorística) son adaptacións ó galego do nome Verísimo. (O nome Verissimus estaba formado polo superlativo de verus, "verdadeiro".)

Bresmaus (lug. e parroq. de Sarreaus).-- Segundo J. M. Piel é un xentilicio, "xente orixinaria de Beresmo" (Ver). O sufixo -aus (noutras partes -ans ou -anos) é o mesmo que aparece en

Page 31: aw- villa Abbatini - Canedo

Sarreaus, nome do Concello.

Briñidelo (San Paio de Arauxo, Lobios).-- Colectivo e diminutivo derivado do abruño (ameixa brava), o froito do abruñeiro (Prunus spinosa).

A Bubela (Mudelos, O Carballiño).-- Por algunha razón alude a este vistoso paxaro, Upupa epops, poupa en portugués e abubilla en castelán.

A Bugalleira de Abaixo e A Bugalleira de Arriba (Dadín, O Irixo).-- Remite á bugalla do carballo (o carrabouxo), aínda que hai que ter en conta que é palabra que nalgúns lugares pode servir para designar outras especies vexetais.

Buíñas (O Pao, Gomesende).-- Antrotopónimo procedente do nome Boninus, -a, posiblemente celta.

A Burata (Palmés, Ourense).-- "Burata" en termos toponímicos supón unha depresión grande. Unha cova real ou metafórica referíndose ó terreo. (A palabra 'burato' é celta.)

A Buratiña (Castromao, Celanova).-- O mesmo ca o anterior, pero en diminutivo.

O Burgo (lug. e parroq. de Castro Caldelas ║ lug. e parroq. de Celanova ║ Bóveda, Amoeiro ║ Palmés, Ourense).-- Burg é unha palabra xermánica que pasou ó latín coa forma burgus e significado, entre outros, de "cidade pequena" ou "lugar fortificado". A partir de aí formáronse eses topónimos. ║ O Burgo de Castro Caldelas correspóndese coa histórica Praesidio, unha "mansio" (estación, diríamos hoxe) da romana Vía XVIII.

O Burguete (Parada de Amoeiro, Amoeiro).-- Parece un diminutivo de Burgo

Buscalque (A Illa, Lobios).-- Palabra composta de Busto (apocopado) e un segundo elemento non identificado. (Ver Bustos)

Bustavalle (Zorelle, Maceda).-- É forma composta de "busto" e lat. vallis, "val", o que daría Bustaval pero unha castelanización precoz cambiou ao actual Bustavalle (E. Rivas).

Bustelo (Covas, San Cristovo de Cea ║Traseirexa, Vilardevós ║ Abeleda, Xunqueira de Ambía)║ Bustelos (A Medorra, Montederramo)║ Busteliño (Sobradelo, Xunqueira de Ambía).-- Bustelo e Bustelos (en singular e en plural) son diminutivos de Bustos (equivalentes ó Bustillo castelán) e Busteliño é un segundo diminutivo, forma que se impuxo despois de século XIII para distinguilo do outro Bustelo do mesmo concello.

Bustos (O Souto, A Peroxa).-- O topónimo Busto e os seus derivados (presente en todo o N.O. da península incluído o N. de Portugal) foi moi estudado por distintos tratadistas con resultados aproximados, pero distintos. O seu significado é de terreo destinado a pastos, se ben algúns precisan que se trata dunha "facenda de monte dedicada á cría de gando" (unha típica explotación gandeira da Alta Idade Media mantida a medias entre un dono e uns servos coidadores), mentres que outros simplemente o asimilan a pasto, pasteiro, braña, bouza, etc. En canto á súa etimoloxía, a pesar da coincidencia en sinalar como tal a voz bustum, hai discrepancias sobre a orixe desta. Para uns viría do verbo burere, "queimar" (de feito bustum era en Roma o lugar onde se queimaban os cadáveres) e para outros, de bos, bovis, "boi". A primeira destas dúas teorías baséase no costume antigo de queimar monte para facer pastos. No caso da segunda sería a mesma orixe ca da palabra común "bosta". Ademais estaría relacionada ou condicionada polo étimo de "bouza".

Page 32: aw- villa Abbatini - Canedo

Tamén hai quen considera que é prelatina, céltica, e que, pola súa orixe indoeuropea, presenta similitudes coas latinas mencionadas.

Buxán (lug. e parroq. do Bolo ║ lug. da parroq. e Conc. de Bande).-- Antrotopónimo. Parece vir de [*villa] Busiani. e dicir, [*vila] de Busianus.

Buzacos (Freixo, Celanova).-- O P. Sarmiento falando das aves de rapina menciona, entre outras, "el buzaco, en gallego," que, polo que di, ven sendo o miñato común tamén coñecido como buxato ou bexato. É unha rapaz da familia Accipitrodae, a Buteo buteo, coñecida en castelán como busardo ratonero e en portugués como bujato ou bejato.