algúns números nas nosas letras

21
ALGÚNS NÚMEROS NAS NOSAS LETRAS 2014-15 IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO Equipo de biblioteca Equipo de dinamización lingüística Departamento de lingua galega e literatura

Upload: ies-ribadeo

Post on 06-Apr-2016

248 views

Category:

Documents


0 download

DESCRIPTION

O mes de outubro é o mes das bibliotecas escolares, que este ano se celebra baixo o lema "Biblioteca escolar... matemático!!!". Desde o IES de Ribadeo Dionisio Gamallo querémonos unir á festa con esta escolma de textos.

TRANSCRIPT

Page 1: Algúns números nas nosas letras

ALGÚNS NÚMEROS NAS NOSAS LETRAS

2014-15

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

Equipo de biblioteca

Equipo de dinamización lingüística

Departamento de lingua galega e literatura

Page 2: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

2

Tense escrito moito sobre a relación entre os números e as letras, ou o que é o mesmo, sobre as matemáticas e a literatura, e pouco novo poderiamos achegar nós

desde un punto de vista teórico. Quen queira unha mínima base ó respecto, pode consultar algúns traballos na rede:

http://www.ehu.es/~mtwmastm/Paseo0607.pdf

https://www.uam.es/personal_pdi/ciencias/barcelo/historia/Matematicas%20y%20Literatura.pdf

http://elbustodepalas.blogspot.com.es/2010/06/cuando-las-matematicas-y-la-literatura.html

http://www.murciencia.com/UPLOAD/COMUNICACIONES/las_matematicas_en_la_literatura.pdf

Nós ofrecemos, simplemente, algúns fragmentos da nosa literatura nos que a presenza dos números ou as referencias matemáticas teñen certa importancia. Están

organizados por orde cronolóxica e cremos que hai bastante variedade, así que seguro que atopas algo que che guste.

Lembra que podes pedir na nosa biblioteca os libros ós que pertencen a maioría dos fragmentos.

Page 3: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

3

ANTONIO DE LA IGLESIA Reseña stórica (1861)

No século actual, ano de oito, levantouse a Galicia enteira pola Independencia contra os franceses, e coas vitorias de Santiago, Vigo, Lugo e a da Ponte de San Paio, conseguidas polos nosos labregos sen armas e sen instrución, burlándose dos dragóns dos mariscais Ney e Sul, e das súas baionetas, que trunfaron co raio de Napoleón en Marengo e en tantas batallas, os nosos unicamente, coas mocas, sachos, fouces, bisarmas, gadaños, legoñas, chuzos e canóns de pau, mal mantidos e peor vestidos, obrigaron o francés a fuxir desta terra, onde, se agardan un pouqueniño máis, non queda deles home vivo para contalo; eran sesenta e nove mil. Campaña gloriosa a de Galicia!; que só en cinco meses, sen máis recursos que os destes catro montes, fixo deixar acó mortos ou prisioneiros a corenta e sete mil franceses, moita parte da súa artillería, e a maior, dos roubos que no país houberan cometido.

Non contentos os galegos con escorrentar da súa terra tal comechura de inimigos, camiñan sobre deles a Castela para liberala tamén, e na acción de Tamames, outra vez Ney en compaña do Mariscal Marxén tivo que chorar novas perdas causadas polos galegos na xente que mandaban os tales mariscais.

Page 4: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

4

Así foron adiantando os galeguiños escaramonando o francés e axudando as demais provincias de España ata a batalla de San Marcial en que o xeneral inglés, o gran Wellington, na orde do exército do catro de setembro do ano de trece, falou dos galegos nestes termos:

“Guerreiros do mundo civilizado: aprendede a selo dos individuos do cuarto exército que teño a dita de mandar, cada soldado del merece con máis xusto motivo ca min o bastón que empuño. Todos somos testemuñas dun valor descoñecido ata o de agora; do terror, a morte, arrogancia, serenidade, de todo dispoñen ó seu antollo. Dúas divisións foron testemuña deste combate orixinal, para que leven os galegos unha gloria que non ten compañeira. Españoles! adicádevos todos a imitar os inimitables galegos, distinguidos sexan ata o fin dos séculos, por haber chegado o seu denodo a onde ninguén chegou. Nación española, premia o sangue vertido de tantos Cids. Dezaoito mil inimigos cunha numerosa artillería desapareceron coma o fume para que non vos ofendan xamais. Cuartel xeral de Lesaca, o catro de setembro de mil oito centos trece.

Vede agora o que é Galicia, o que foi deote: leal e sufrida na paz, tremenda e invencible na guerra; é a raza primitiva que aínda non finou.

Eran 69.000 franceses. Mataron ou prenderon 47.000. 18.000 desapareceron coma o fume. Eu non sei se ó autor se lle irían un pouco os números...

Page 5: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

5

LAMAS CARVAJAL, VALENTÍN

O catecismo do labrego

(1889)

Pódese acceder ó texto íntegro desde este enlace:

http://galsatia.files.wordpress.com/2007/03/catecismo_do_labrego_galego__marcos_da_portela__1889.pdf

[…]

AS OBRAS DE MISERICORDIA SON CATORCE

As sete espirituais e as sete corporais.

As espirituais son estas:

A primeira ensinar ao que non sabe librarse das gaiolas que a miúdo nos arman.

A segunda dar bos consellos aos que están pra caír.

A terceira corrixir aos que non ven por onde camiñan.

A cuarta perdoar as inxurias ata que un poida facer o seu xenio.

A quinta consolar as mulleres do que emigran pra as Américas.

A sexta sufrir con paciencia, namentres non haxa outro remedio, as fraquezas e malas ideas dos que mandan.

A sétima rogar a Deus polos nosos alcaldes defuntos.

Page 6: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

6

As corporais son estas:

A primeira visitar as bodegas dos veciños.

A segunda ensinarlle o camiño da taberna aos que teñen fame, e deixarse ir si convidan.

A terceira ensinarlle o camiño da fonte aos que teñen sede.

A cuarta redimirnos cando chegue o caso.

A quinta mandar ao xastre aos que non teñen cirigolas.

A sexta dar pousada ao peregrino se ten con que pagar.

A sétima levantar mortos.

[…]

Pasaron máis de cen anos, pero algunhas seguen estando de actualidade.

Page 7: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

7

CASTELAO

Cousas da vida

(1925)

Page 8: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

8

RAMÓN DE VALENZUELA

O Naranxo

(1974)

[…]

Calou e seguiu o mesmo paso. Imos os dous calados. Cando chegamos ó Pontillón inviteino cun aceno a que se sentara e sentámonos. Logo dixo:

-Ti xa sabes que eu son o home máis rico do mundo.

-Sei o que me dixeron, pero véxote sempre co mesmo pantalón, coa mesma chaqueta remendada, co mesmo pucho de hai dez anos. ¿Qué fas con tanta riqueza?

O Naranxo púxose a mirar para ningures un anaco de tempo. Un tempo que sobraba. Naquela hora da noite non importa o reloxo. Mainamente falou:

-Tanto o Banco da Coruña como o Pastor son meus. Teño dous trillóns de pesos en cada un…, xa ves, como se non tivera nada. Nos bancos non hai máis que números. ¿Ou pensas ti que andan de cote a contar os cartos? Se cadra alí non hai máis ca retratos de cartos. teño medo de lle ir pedir un día cartos e que non teñan máis que firmas de que os teñen, e se hai xente por alí arredor, poden perder a sona… e despois, se perden a sona, ¡cataplún!, alá se vai o banco. Un banco, que ten o creto

Page 9: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

9

do outro banco… e tamén se vai o outro banco e quedo sen eles.

-Xa falei o outro día cos xerentes –continuou medio enfadado-; os dous me dixeron que dos bancos terei todo canto precise, menos cartos, porque se lles quito os cartos, é coma se a un labrego lle quitan o arado e mais as sachas, que non pode rabuñar a terra cos dedos… e teñen razón. Sei que teñen razón, sei que teñen razón porque son boa xente. Nos dous bancos teño boa xente e non lles quero dar traballo.

-Tamén tes casas? –pregunteille.

-E casas ricas –contestoume-. Non vaias pensar que son calquera cousa. As casas de Lalín son todas miñas. Tamén son miñas as casas de Trasdeza e as do Ulla e as de Rodeiro… Teño dous trillóns de casas. Estouche falando das casas que vexo, porque as que non vexo non as conto. Para cousas que son e que non se ven teño dabondo cos bancos.

[…]

O Naranxo existiu de verdade.

Seica estaba tolo, pero era un visionario; entendía ben o funcionamento da banca.

Page 10: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

10

ANXO BARANGA e J.A.M.

Un pequeno favor e outras historias de humor perverso

(1987)

[…]

BASILIO (escéptico). Ah, si?

ANTÓN: Si, mira. Un día deume por erguerme cedo, figúrate se sería cedo que aínda non escurecera, e púxenme a ler Mundo Cristián, Mundo Feliz, unha revista de humor, como terás deducido polo nome. Á vista dun artigo encol da poboación no oriente ocorréuseme calcular que se no mundo somos catro mil millóns de habitantes seguramente a metade serán mulleres. Ben. Deses dous mil millóns de mulleres supoñamos que catrocentos andan entre os dezasete e os vinte e catro anos, non esquezas que a min a carne agrádame no seu punto, nin crúa nin pasada. Algunhas desas mulleres viven tan lonxe que nunca terei ocasión de coñecelas, o cal reduce as miñas posibilidades a… a uns dez millóns. Como polo meu rigoroso credo estético non gustarei de gran parte delas, o cal resulta perfectamente comprensible, e algunhas delas non gustarán de min, o cal resulta perfectamente incomprensible, quédome con dous millóns de mulleres. Dous millóns de mulleres encantadoras. Pois ben, estou preocupado porque non sei se me dará tempo de deitarme con todas elas.

Page 11: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

11

BASILIO: Home, de ditarte quizá, pero de mudar as sabas…

ANTÓN: Segundo os meus cálculos, se me aplicase ó choio durante os vindeiros trinta anos, e conxeturando a futura expansión demográfica, bastaría con que me deitase cada día con cento noventa e unha mulleres.

BASILIO: Cento noventa e unha. Oito por hora. Unha cada sete minutos e pico. Paréceme unha cifra razoable.

ANTÓN: Confésoche que as cento setenta primeiras de cada noite non me meten medo… Claro que as outras vinte e unha…

BASILIO: Imaxínoo. Se acaso procura descansar o vinte e nove de febreiro de cada ano bisesto para repores forzas.

ANTÓN: Unha rica idea. ben, agora escoitemos o teu problema.

BASILIO: Curiosamente, ten algo que ver co teu.

ANTÓN: E logo?

BASILIO: Mulleres.

ANTÓN: Cantas?

BASILIO: Unha.

ANTÓN: Irresponsable. Un problema con dous millóns de mulleres pódese resolver con paciencia. Pero un problema cunha soa muller é sempre moito problema.

BASILIO: Verás… Eu queríache pedir un favor.

ANTÓN: Pois con cento noventa e dúas non vou poder.

[…]

Podedes repasar estes números, a ver se as contas están ben botadas.

Page 12: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

12

MANUEL RIVAS

Ningún cisne (1989)

Mil Teño algo importante que dicir agora que vimos de despedirnos para sempre. Quérote. Crávame as unllas, pero has de saber que tamén fun sincero as outras mil veces.

Page 13: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

13

LOIS PEREIRO Poemas 1981-1991 (1992)

)

Seis Deste ceo invernal outros sinais para unha metamorfose regresiva pois xa rebule o lume en doce ollos e hai unha sombra seis onde eran cinco.

Page 14: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

14

JAUREGUÍZAR Fridom Sik (1995)

1080 gramos disque a dignidade non é tanxible, nin se pode ver, que non ten medidas. Calquera que estivese o pasado domingo e máis hoxe á saída da igrexa podería comparar e decatarse de que esta afirmación non é certa. hai unha semana agardei a que o cura rematase a súa perorata para que o pobo estivera diante do templo. -¡un home é un home e un gato e´un bicho! –gritei-. Soamente tiña a intención de chamar a atención daquela xente

todos miraban para min e saquei a man do peto da coreana e púxena de xeito que semellaba unha pistola e todos se botaron a rir. Non entenderon nada. Peor para eles. a espera fíxoseme longa, os dúas non daban pasado, pero necesitaba repetir a acción no mesmo sitio e á mesma hora porque calquera que contemplase unha e outra podía comprobar que tiña un grande rigor científico

Page 15: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

15

o desta mañá foi en serio. A dignidade pesa 1080 gramos –cos trece cartuchos dentro-, mide 197 milímetros de lonxitude, ten nove de calibre e é tanxible. E arrecende a nada que lle metas o nariz. o respecto e o medo son camiños paralelos e alí estaban aqueles ós que tanto divertín o outro día; sen distinción de clase, formación ou preferencia futbolística. Tanto o xefe da axencia de Extensión Agraria coma o Chischás, que gaña a vida co acordeón polas festas; tanto Ramiro, que ten perto de setenta vacas, coma Vilagrande, que non chega ás catro. ía movendo o brazo coa ferramenta ben agarrada e co ollo contra a mira vendo como fuxían monte arriba. Rin tanto que non fun quen de espetarlles que un home é un home.

Page 16: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

16

YOLANDA CASTAÑO

Edénica

(2000)

SEXAMOS sempre xuntos liñas paralelas.

Cómo se che dá tan ben almorzar miñas

astucias,

esmelgar do meu X.

Porque son a mellor, como dixeches,

aprovéitome con descaro da túa anatomía

esquelética

e que tragues trabas e que mordas cordas

e que lambas lamas,

se fai falla.

Pero aínda sigo querendo que sexamos paralelos,

xuntos

Pero aínda cada día recollo o teu antollo. Lingua nas inguas, dentes insistentes. Confundindo a nosa comunión coas túas medidas importantes. Esa suxa habitación onde ninguén é máis ca ti. porque o punto de contacto é o primeiro punto de diverxencia.

Page 17: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

17

ANTÓN RIVEIRO COELLO Casas baratas (2005)

Suspenso en matemáticas -Carme, iste rapaz éche o demo. ¡Manda carallo!

O meu pai non adoitaba xuramentar e foi para min unha novidade escoitar esa expresión maledicente mentres lle amosaba a mamá os tres billetes de mil.

-Será que il se dá a respectar. ¡Tíralle do aire!

Miroume cunha incrédula admiración e, logo de soltar as correspondentes trescentas pesetas, arreboloume outra pregunta xuramentada:

-¡Rabia te pele, rapaz! ¿Cómo carallo fixeches?

Encollín os ombreiros, gardei os caros no peto e non dixen nada. Tiña claro que o único que fixera era suspender as matemáticas. Ese foi o principal motivo da miña riqueza tan temperá. Endexamais volvín a ser tan rico coma a esa idade dos once anos.

Lembro esa cea cun pracer retroactivo porque, amais desa sensación adulta de achegar a miña parte á economía familiar, estaba o engadido de que o corpo non se resentía con ese novo traballo que, de primeiras, quería ser un castigo e virou nun negocio en toda regra.

Page 18: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

18

Todo comezou co remate do curso cando suspendín as matemáticas […]

Para saberdes como se poden gañar cartos suspendendo as Matemáticas, buscade o libro e lede toda a historia.

Page 19: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

19

MIGUEL ANXO MURADO

Escrito en cafeterías

2014

Escepticismo

Sempre pensei que as verdadeiras ciencias ocultas son as Matemáticas, a Física, a Bioloxía, a Química, ... Todas estas ciencias permanecen certamente ocultas para a maioría da xente, que só escoita falar delas cando a un español lle dan un premio raro ou cando un fillo seu suspende (ou unha filla, pero as fillas suspenden menos). As tripas da nosa cultura están expostas nos quioscos, e neles vese ben que o que chaman ocultismo non está oculto en absoluto. Todo o contrario: aí están a rebentar os feixes de revistas que nos revelan os secretos das pirámides, nos informan de que Cristo era un astronauta, de que o número “pi” é en realidade 666 ou de que o voto emigrante nas eleccións galegas é tan só unha das moitas formas en que os defuntos se comunican connosco.

[...]

Oda olímpica

Vexo estes días as Olimpíadas entregado á miña afección que é seguir os que quedan de últimos en todas as competicións. Cada

Page 20: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

20

quen ten as súas teimas, e eu alimento esta nunha páxina web dedicada a recoller os fracasos. É unha forma distinta de contemplar os xogos na que as estrelas non son Phelps, Isinbayeba ou Ulmer senón Kzaja, último nos 3.000 obstáculos, o mergullador Justin Wilcock ou a africana Maria Conjungo. É un palmarés diferente, pero non menos glorioso, porque se a gloria de ser o primeiro está na singularidade, logo, por lóxica, ser o último tamén debe comportar algunha forma de gloria.

Existe unha épica dos perdedores que merecería tamén a súa oda olímpica, aínda que non haxa ningún Píndaro para cantala. Unha oda quíxenlla escribir eu a aquel nadador ecuatoguineano, Eric Mussambani, alcumado a Anguía, que en Sidney 2000 tivo co corazón nun puño o público, non só porque chegou cando os outros estaban xa vestidos, senón tamén porque, non sabendo apenas nadar, a súa carreira foi un temerario desafío á morte e case afoga. Unha oda, ou un epinicio, escribiríalle tamén ó afgánWasiqi, que no maratón de Atlanta, de cento once corredores chegou de cento once, case dúas horas despois do cento

dez, cando os carpinteiros estaban xa a recoller os podios.

[...]

Page 21: Algúns números nas nosas letras

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

21

2014-15

IES DE RIBADEO DIONISIO GAMALLO

Equipo de biblioteca

Equipo de dinamización lingüística

Departamento de lingua galega e literatura