guía do practicum do master en profesorado da usc para o curso 2012-2013

10
1 GUÍA DO PRÁCTICUM Curso 2012-13 UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas

Upload: asesoria-de-innovacion-educativa

Post on 20-Mar-2016

234 views

Category:

Documents


9 download

DESCRIPTION

Guía do Practicum do Master en Profesorado da USC para o curso 2012-2013

TRANSCRIPT

Page 1: Guía do Practicum do Master en Profesorado da USC para o curso 2012-2013

1

GUÍA DO PRÁCTICUM

Curso 2012-13

UNIVERSIDADE DE SANTIAGO DE COMPOSTELA

Máster en Profesorado de Educación

Secundaria Obrigatoria e

Bacharelato, Formación Profesional

e Ensinanzas de Idiomas

Page 2: Guía do Practicum do Master en Profesorado da USC para o curso 2012-2013

2

1. INTRODUCIÓN

O Prácticum do Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas da Universidade de Santiago de Compostela está organizado en dous períodos:

a) O Prácticum I, de 4 créditos, orientado fundamentalmente a coñecer e interpretar a organización do centro educativo, os documentos en que se reflicte esa xestión, a relación do centro coa contorna e a implicación escolar dos distintos compoñentes que integran a comunidade educativa.

b) O Prácticum II, de 8 créditos, centrado máis directamente na especialidade de cada estudante e na adquisición de competencias para exercer como docente dunha materia / área / módulo determinado ou para desenvolver as tarefas de orientación educativa.

Todo o proceso de observación e intervención que se realice ao longo dos dous Prácticum debe ir acompañado dunha reflexión crítica e dunha interacción permanente cos titores/as para interpretar adecuadamente o que sucede no desenvolvemento desas tarefas.

Esta Guía recolle algunhas cuestións comúns ao Prácticum no seu conxunto (competencias, obxectivos, contidos, sistema de avaliación e participantes), e outras específicas de cada un (actividades, calendario, instrumento de avaliación e indicacións para a elaboración das memorias).

Cómpre ter en conta, en todo caso, que a Guía só ofrece un marco xeral de actuación para garantir unha homoxeneidade básica nos aspectos curriculares e nos criterios que deben rexer o desenvolvemento do Prácticum. As peculiaridades derivadas das distintas especialidades do Máster e das dinámicas singulares de cada centro educativo deben ser atendidas e concretadas no plan de actuación que elaboren cos estudantes os titores/as da universidade e de secundaria. 2. COMPETENCIAS

O Prácticum constitúe un compoñente central no plan de estudos e asume a función de servir de elemento vertebrador das distintas materias que configuran o currículum do Máster. A través del o alumnado terá ocasión de desenvolver, nun contexto institucional e laboral real, o coñecemento na acción e sobre a acción que precisa como futuro docente, ao mesmo tempo que lle debe servir como un espazo para a socialización profesional.

O carácter formativo do Prácticum xira arredor de dous eixos:

- Articular a teoría e a práctica, mediante a activación dos coñecementos adquiridos nas distintas materias do Máster para resolver situacións concretas.

- Reflexionar sobre a acción, interpretando, valorando e reformulando alternativas educativas para desenvolver de xeito crítico e consciente as súas capacidades profesionais.

Esta característica de transferencia, aplicación e reflexión sobre a formación recibida fai que o Prácticum contribúa á adquisición e desenvolvemento da maioría das competencias especificadas no título do Máster1, pero son específicas do mesmo as seguintes:

a) Adquirir experiencia na planificación, a docencia e a avaliación das materias correspondentes á especialización.

b) Acreditar un bo dominio da expresión oral e escrita na práctica docente.

c) Dominar as destrezas e habilidades sociais precisas para fomentar un clima que facilite a aprendizaxe e a convivencia.

1 http://www.usc.es/export/sites/default/gl/servizos/sxopra/propostas_master_09_10/P3241_PROFESORADO_ESO_BACHARELATO_FP_EI.pdf

Page 3: Guía do Practicum do Master en Profesorado da USC para o curso 2012-2013

3

d) Participar nas propostas de mellora nos distintos ámbitos de actuación a partir da reflexión baseada na práctica.

e) Para a formación profesional, coñecer a tipoloxía empresarial correspondente aos sectores produtivos e comprender os sistemas organizativos máis comúns nas empresas.

f) Respecto á orientación educativa, exercitarse na avaliación psicopedagóxica, o asesoramento a outros profesionais da educación, aos estudantes e ás familias. 3. OBXECTIVOS

No seu conxunto, o Prácticum oriéntase á adquisición dos seguintes obxectivos:

- Coñecer as características do centro educativo, así como a súa estrutura organizativa e funcional.

- Analizar o contexto socioeconómico e cultural no que se insire o centro, a súa relación con institucións ou entidades extraescolares e a súa implicación en dinámicas da contorna.

- Avanzar no coñecemento do alumnado mediante a observación, a análise e a interpretación dos seus comportamentos e actitudes.

- Observar e interpretar situacións que se producen na vida escolar, tanto desde a perspectiva de centro como desde a de aula ou especialidade.

- Aproximarse ás funcións e responsabilidades educativas tanto a nivel de centro como de área, módulo ou especialidade mediante a colaboración co titor/a/ nas súas funcións profesionais.

- Planificar, desenvolver e avaliar co asesoramento do titor/a un proceso de intervención educativa no ámbito da especialidade. 4. ORGANIZACIÓN

A organización do Prácticum implica unha colaboración estreita entre o centro universitario responsable do Máster e os centros de ensino secundario nos que deben realizar os estudantes este módulo formativo. Os aspectos básicos desta colaboración están regulados na Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 18 de abril de 2011 (DOG do 13 de maio)2, que establece, entre outras cousas, que “o Prácticum do Máster en Profesorado de Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato, Formación Profesional e Ensinanzas de Idiomas se desenvolverá en centros sostidos con fondos públicos en que se impartan todas ou algunha das ditas ensinanzas”.

Os centros e o profesorado interesado en participar como titores do Prácticum deben solicitalo e reunir uns requisitos fixados na mesma Orde para seren acreditados. A asignación de centro e titor/a efectúase dende a Coordinación do Máster atendendo á titulación dos estudantes, á localidade solicitada por eles e á dispoñibilidade de profesorado.

No desenvolvemento do Prácticum participan distintas figuras con funcións e responsabilidades específicas que cómpre articular para que este módulo formativo responda adecuadamente aos obxectivos propostos e contribúa de forma satisfactoria á consecución das competencias que leva asociadas. Estas figuras son o alumnado en prácticas, as persoas que exercen a coordinación e a titoría no centro de secundaria e a responsable da supervisión na universidade.

As funcións e obrigas de cada un son as seguintes:

2 http://www.xunta.es/dog/Publicados/2011/20110513/AnuncioC3F1-030511-842_gl.pdf

Page 4: Guía do Practicum do Master en Profesorado da USC para o curso 2012-2013

4

Alumnado:

A realización das tarefas formativas propias do Prácticum require a súa participación na vida do centro de secundaria no horario escolar da persoa encargada da súa titoría durante todo o período de prácticas. As responsabilidades concretas que debe asumir son:

- Cumprir os horarios e tarefas acordadas co profesorado que exerce a coordinación e a titoría no centro de prácticas.

- Participar na vida do centro e da área ou especialidade observando, colaborando e intervindo de acordo coas pautas facilitadas polo titor/a e o coordinador/a de prácticas.

- Respectar a normativa de convivencia e utilización do centro e os seus recursos.

- Manter a confidencialidade de datos relativos a persoas relacionadas co centro.

- Non utilizar materiais e recursos do centro sen a correspondente autorización

- Elaborar e entregar aos titores a memoria de prácticas nas datas fixadas.

Coordinador/a do centro de secundaria:

A figura do coordinador/a de centro é clave para garantir unha comunicación eficaz entre a universidade e os centros de secundaria e para facilitar un axeitado desenvolvemento das tarefas que teñen que realizar os estudantes durante as prácticas escolares. Son responsabilidades súas:

- Recibir o alumnado en prácticas e orientalo sobre a vida do centro.

- Distribuír os estudantes entre os titores da especialidade correspondente seguindo os criterios que se lle facilitan desde a coordinación do Máster.

- Concretar cos titores o calendario e o procedemento para desenvolver as actividades recollidas na Guía do Prácticum.

- Informar ao alumnado en prácticas sobre a organización do centro e sobre os proxectos educativos en que participa, e facilitarlle o acceso aos documentos que os regulan e ás persoas responsables dos mesmos.

- Servir de enlace co coordinador do Máster para resolver calquera incidencia que se produza e para remitir nos prazos establecidos a documentación requirida.

Titor/a do centro de secundaria

O titor/a do centro de secundaria é o mesmo para os dous Prácticum e debe guiar o proceso de aprendizaxe do estudante facilitándolle a oportunidade de observar, colaborar, planificar, intervir e reflexionar sobre a actividade escolar do centro e da especialidade correspondente, o que obriga a unha relación e cooperación estreita entre eles durante todo o período. Asume, en concreto, as responsabilidades de:

- Informar e asesorar ao alumnado que lle corresponda sobre o funcionamento do centro e os seus órganos de xestión.

- Favorecer a observación e a reflexión dos estudantes en prácticas sobre os aspectos máis relevantes da vida do centro e sobre as tarefas específicas da súa especialidade.

- Fomentar a participación e a colaboración do alumnado en prácticas en actividades tanto de centro como de aula.

- Orientar a planificación da proposta didáctica que deben elaborar e poñer en práctica os estudantes.

- Animar a reflexión do alumnado sobre a experiencia observada e protagonizada durante o período de prácticas.

Page 5: Guía do Practicum do Master en Profesorado da USC para o curso 2012-2013

5

- Avaliar ao alumnado cubrindo o informe preceptivo e entregarllo ao coordinador do centro no prazo establecido.

Titor/a da universidade

Esta figura está representada por dous docentes do Máster, un para cada Prácticum, que son os responsables de establecer desde a universidade as pautas específicas, atendendo á especialidade dos estudantes e tratando de vincular o Prácticum coas outras materias do Máster. Isto esixe unha relación fluída cos estudantes e cos titores de secundaria que se debe concretar en función das circunstancias, pero que contemplará obrigatoriamente o seguinte:

a) Realizar, polo menos, dúas reunións co alumnado en cada Prácticum: unha previa, para concretar o plan de traballo, e outra, ao rematar as prácticas, para avaliar conxuntamente o seu desenvolvemento.

b) Establecer a fórmula que mellor facilite a relación cos titores de secundaria, pero con dúas comunicacións mínimas en cada Prácticum: unha no comezo de cada período de prácticas para presentarse e ofrecer a súa colaboración, e outra ao rematar para informarse de posibles incidencias e recibir achegas de mellora.

En concreto, son funcións súas as seguintes:

- Concretar cos estudantes o plan de traballo recollido nesta Guía en función das súas especialidades.

- Axudar á integración de coñecementos e estratexias abordadas nos outros módulos do Máster, para facilitar a construción de competencias profesionais.

- Estimular a reflexión sobre a actuación docente/orientadora, en relación cos distintos modelos teóricos de referencia.

- Colaborar cos titores de secundaria para conseguir o mellor aproveitamento do Prácticum por parte dos estudantes.

- Resolver –ou trasladar á coordinación do Máster, se é o caso- calquera imprevisto ou incidencia que xurda durante o período de prácticas.

- Analizar e valorar as memorias do Prácticum elaboradas polos estudantes.

- Avaliar o desenvolvemento e os resultados do Prácticum en colaboración co titor do centro de secundaria.

- Resolver posibles reclamacións e formalizar nas actas as cualificacións definitivas.

5. CALENDARIO

O Prácticum I desenvólvese entre o 5 e o 16 de novembro de 2012. Os estudantes teñen de prazo para entregar a memoria de prácticas ao titor/a da universidade ata o 10 de decembro. Os coordinadores do Prácticum deben enviar os informes de avaliación dos titores do seu centro á coordinación do Máster antes do 14 de decembro3.

O Prácticum II esténdese entre o 2 de abril e o 3 de maio de 2013. A data límite para que os estudantes entreguen a memoria de prácticas ao titor/a da universidade é o 27 de maio. Os coordinadores do Prácticum enviarán os informes de avaliación dos titores do seu centro á coordinación do Máster antes do 3 de xuño.

As memorias dos dous Prácticum deben levar o Visto e Prace do titor/a de secundaria.

3 A documentación remitirase aos seguintes enderezos: - A do alumnado do campus de Santiago: Máster de Secundaria, Facultade de Ciencias da Educación, Campus Norte, Avda. Xoán XXIII, 15782 Santiago de Compostela. - A do alumnado do campus de Lugo: Máster de Secundaria, Facultade de Formación do Profesorado, Avda. Ramón Ferreiro, 27071 Lugo.

Page 6: Guía do Practicum do Master en Profesorado da USC para o curso 2012-2013

6

6. CONTIDOS E ACTIVIDADES

O Prácticum I e o Prácticum II teñen unha función complementaria na formación dos estudantes e céntranse en aprendizaxes en parte comúns e en parte diferenciadas:

a) O Prácticum I está orientado primariamente a analizar as características do centro educativo, da súa organización e xestión, do clima escolar e profesional, e do contexto sociocultural en que se insire. Como preparación para o Prácticum II, debe permitir tamén un achegamento ao ámbito específico da especialidade a través da observación das dinámicas de ensino-aprendizaxe na aula e/ou das actividades do departamento de orientación educativa.

b) O Prácticum II está centrado fundamentalmente na especialidade de cada estudante e na adquisición de competencias para exercer como docente dunha materia / área determinada ou para desenvolver as tarefas de orientación educativa. Complementariamente debe servir tamén para afondar na vida docente mediante a participación en tarefas colectivas de carácter curricular e extracurricular.

Contidos do Prácticum

Contidos do Prácticum I Contidos do Prácticum II

- O centro educativo: infraestruturas e recursos, órganos de goberno e xestión, departamentos, comisións, ensinanzas impartidas

- Organización da vida escolar e da docencia: PEC, PCC, PAT, Proxecto lingüístico de centro, Plan de convivencia, Plan lector…

- Actividades de innovación educativa: desenvolvemento de proxectos, participación en programas, redes, etc.

- O centro e a contorna: participación das familias, relacións coa administración local e con asociacións ou institucións externas ao centro.

- O departamento da especialidade: organización, funcións, actuacións específicas..

- O profesorado: clima relacional, tarefas docentes e de xestión…

- O alumnado: clima relacional, resposta a dinámicas de ensino-aprendizaxe...

- A aula como ámbito de interacción: distribución do espazo, agrupamentos, relación docente-discentes…

- O departamento da especialidade: configuración, funcións, recursos...

- A área, especialidade ou departamento na vida do centro e na formación dos estudantes.

- A programación docente da área ou especialidade / O plan de actividades do departamento de orientación.

- O profesorado: dinámicas e inquedanzas profesionais, concepción da materia, área ou especialidade.

- O alumnado: clima relacional, características ou problemáticas, resposta a dinámicas de ensino-aprendizaxe na materia, área ou módulo.

- A aula como ámbito de interacción: metodoloxías dominantes, recursos que se utilizan, relación docente-discentes…

- A planificación didáctica na área ou especialidade / a planificación de accións no departamento de orientación: criterios, fundamentos, aspectos a ter en conta.

- A intervención docente ou de orientación: desenvolvemento e aplicación da planificación, avaliación do proceso e dos resultados.

Os contidos do Prácticum I serán orientados complementariamente polas persoas responsables

da coordinación das prácticas e da titoría no centro de secundaria. Os do Prácticum II serán responsabilidade fundamentalmente do titor/a, aínda que coa coordinación necesaria a nivel de centro nas tarefas non específicas da especialidade

Como as especialidades do alumnado son moi diversas, estes contidos deben adaptarse ás peculiaridades de cada unha. Esta é unha tarefa que han de realizar as persoas titoras, tanto da universidade como de secundaria, nas indicacións específicas do plan de prácticas cos seus titorandos.

Page 7: Guía do Practicum do Master en Profesorado da USC para o curso 2012-2013

7

A continuación sinálanse os grandes bloques de actividades que deben servir para vehicular os ditos contidos cunha distribución horaria orientativa atendendo aos créditos ECTS de cada Prácticum.

Actividades e distribución horaria orientativa

Prácticum I Prácticum II

Actividades Horas Actividades Horas

Coñecemento da organización e da documentación do centro.

Observación e análise da vida do centro, do clima escolar, das actividades docentes ou do departamento de orientación, segundo corresponda, etc.

Participación noutras reunións ou actividades diversas do centro.

Análise e reflexión persoal sobre as prácticas desenvolvidas.

Elaboración da memoria

Preparación, seguimento e avaliación do Prácticum co titor/a e co coordinador/a de secundaria

Preparación, seguimento e avaliación do Prácticum co titor/a da universidade

25 25 10 10 20 5 5

Observación e análise do proceso de ensino-aprendizaxe na aula ou das actividades do departamento de Orientación.

Colaboración co titor/a en actividades propias da especialidade (docencia ou orientación)

Deseño e planificación da proposta didáctica ou de orientación.

Desenvolvemento da intervención didáctica ou de orientación.

Participación noutras actividades do centro ou departamento.

Análise e reflexión persoal sobre as prácticas desenvolvidas.

Elaboración da memoria

Preparación, seguimento e avaliación do Prácticum co titor/a e co coordinador/a de secundaria

Preparación, seguimento e avaliación do Prácticum co titor/a da universidade

20 25 35 25 20 20

35 10 10

Total 100 Total 200

7. SISTEMA DE AVALIACIÓN

A avaliación do Prácticum realizarase de maneira compartida polo titor do centro de secundaria e polo da universidade, ponderando a cualificación de cada un ao 50%. O titor da universidade será o responsable de facer públicas as cualificacións finais, fixar as datas de revisión das mesmas, atender as posibles reclamacións e cubrir e asinar as actas.

O titor de secundaria valorará os aspectos que se recollen no Informe de avaliación de cada un dos Prácticum emitindo a cualificación numérica resultante e engadindo os comentarios que considere. Dado que o alumno ten que cumprir cun horario semellante ao do seu titor durante todo o período de prácticas, calquera desvío significativo desta obriga debe ser penalizado na cualificación final. Se o incumprimento superase un terzo do horario, o alumno será considerado “non presentado”4.

O titor universitario fará a súa avaliación a partir das tarefas formativas realizadas nas sesións de traballo co alumnado e da revisión da memoria de prácticas. O formato, extensión e apartados que

4 Se houber unha causa xustificada que impida a asistencia regular ao centro durante o período establecido, o estudante afectado debe comunicalo coa máxima celeridade á coordinación do Máster para valorar a posibilidade de fórmulas alternativas.

Page 8: Guía do Practicum do Master en Profesorado da USC para o curso 2012-2013

8

debe recoller a memoria recóllense nun Anexo desta Guía. Para a súa valoración e cualificación débese atender ao tratamento que se fai dos aspectos que se citan a continuación:

Criterios para avaliar as memorias do Prácticum

Prácticum I Prácticum II

- Cumprimento das convencións formais propias dun traballo académico e dos requisitos indicados especificamente para a elaboración da Memoria.

- Textualización: corrección lingüística, claridade expositiva, organización e estrutura.

- Coñecemento documentado sobre o contexto de prácticas.

- Observación e análise do clima do centro e da aula / departamento de orientación, segundo proceda: amplitude e significatividade dos aspectos recollidos, madurez na súa interpretación, etc.

- Reflexión sobre as aprendizaxes desenvolvidas no Prácticum e análise da relación entre teoría e práctica.

- Cumprimento das convencións formais propias dun traballo académico e dos requisitos indicados especificamente para a elaboración da Memoria.

- Textualización: corrección lingüística, claridade expositiva, organización e estrutura.

- Observación da vida do centro e especificamente da práctica profesional na área ou especialidade: amplitude e significatividade dos aspectos recollidos, madurez na súa interpretación, etc.

- Deseño da proposta relacionada co departamento didáctico ou de orientación: xustificación, rigor na súa elaboración e atención aos distintos elementos ou compoñentes.

- Análise e valoración da posta en práctica: identificación de fortalezas e debilidades, posibles reformulacións, etc.

- Reflexión sobre as aprendizaxes desenvolvidas no Prácticum, análise da relación entre teoría e práctica, e autoavaliación das propias competencias profesionais.

Page 9: Guía do Practicum do Master en Profesorado da USC para o curso 2012-2013

9

INDICACIÓNS PARA A REDACCIÓN DA MEMORIA DO PRÁCTICUM I

NOTA PREVIA: A memoria debe ter índice, estar paxinada e ter unha extensión orientativa de 15-20 páx. Como documento académico que é, a memoria de prácticas debe aterse ás convencións de presentación e redacción que son propias deste tipo de textos. As indicacións que se dan a continuación só pretenden unha homoxeneización formal básica.

PORTADA. Incluirá os seguintes datos:

[Identificación da institución que organiza o Máster]

Universidade de Santiago de Compostela

Máster en Profesorado de Educación Secundaria

[Identificación do documento]

MEMORIA DO PRÁCTICUM 1

CURSO ACADÉMICO 2012-13

[Identificación do estudante e profesorado participante]

- Apelidos, nome e DNI do alumno/a

- Especialidade

- Titor/a da universidade

- Titor/a do centro de secundaria

- Centro e localidade de prácticas

NÚCLEOS OU APARTADOS DA MEMORIA5:

- Introdución explicativa do contexto de prácticas: centro, especialidade, niveis educativos, titor/a, tarefas realizadas, etc.

- O centro de prácticas: organización funcional, relacións do centro coa comunidade e coas familias, implicación en proxectos de innovación…

- Observación e análise do clima do centro a través dos distintos colectivos que forman a comunidade escolar.

- Observación e análise do funcionamento da aula ou do departamento de orientación (segundo a especialidade do estudante).

- Reflexión persoal sobre todos eses aspectos e análise da relación entre teoría e práctica.

- Conclusión valorativa da experiencia de prácticas e das achegas á súa formación como docente.

5 Non pretenden ser títulos de apartados. Débense entender como núcleos xenéricos de contidos dos que hai que dar conta, pero que o estudante pode titular e organizar internamente como considere. Os titores do centro de secundaria e da universidade poden dar instrucións máis detalladas.

Page 10: Guía do Practicum do Master en Profesorado da USC para o curso 2012-2013

10

INDICACIÓNS PARA A REDACCIÓN DA MEMORIA DO PRÁCTICUM II

A memoria debe ter índice, estar paxinada e ter unha extensión orientativa de 25-30 páxinas, podendo incluír, a maiores, anexos con materiais ou documentos que se consideren pertinentes. Formalmente, debe aterse ás convencións de presentación e redacción propias dun texto académico. As indicacións que seguen só pretenden unha homoxeneización formal básica.

PORTADA. Incluirá os seguintes datos:

[Identificación da institución que organiza o Máster]

Universidade de Santiago de Compostela

Máster en Profesorado de Educación Secundaria

[Identificación do documento]

MEMORIA DO PRÁCTICUM II

CURSO ACADÉMICO 2012-13

[Identificación do estudante e dos titores]

- Apelidos, nome e DNI do alumno/a

- Especialidade

- Titor/a da universidade

- Titor/a do centro de secundaria

- Centro e localidade de prácticas

NÚCLEOS OU APARTADOS DA MEMORIA6:

- Introdución explicativa do contexto de prácticas, con identificación dos aspectos que xustifican as actividades desenvolvidas durante o Prácticum.

- Descrición interpretativa da observación realizada, sexa do proceso didáctico na área, sexa das accións desenvolvidas polo departamento de orientación.

- Descrición e valoración das tarefas escolares realizadas en colaboración co titor/a do centro de secundaria.

- Planificación da proposta didáctica ou da acción de orientación educativa de acordo coa estrutura e pautas facilitadas polos titores correspondentes.

- Reflexión persoal sobre o desenvolvemento desas propostas e presentación argumentada de posibles reformulacións.

- Conclusión valorativa da experiencia de prácticas e das achegas á súa formación como docente.

6 Non pretenden ser títulos de apartados. Débense entender como núcleos xenéricos de contidos dos que hai que dar conta, pero que o estudante pode titular e organizar internamente como considere. Os titores do centro de secundaria e da facultade poden dar instrucións máis específicas.