infórmate nÚmero 143 3º trimestre 2016 a fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de...

16
Infórmate a Fondo NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 Autorízase a reprodución e divulgación desta folla informativa www.fondogalego.org Intercambio en Mozambique para promover a igualdade 2 Vacacións con Traballo, “inesquecibles e motivadoras” 6 Nova Alianza Europea de Redes Locais de Cooperación 4 Entrevista con Marga Figueroa, vogal do Fondo Galego 8 FONDO DE ARMARIO 11 OS PROXECTOS EN TERREO: A recuperación dun concello ecuatoriano 13 A OLLADA EXTERNA: Entrevista con David Amor: “No humor, a mesma temática pode resultar insultante ou converterse nunha denuncia” 14

Upload: letuong

Post on 06-May-2018

222 views

Category:

Documents


3 download

TRANSCRIPT

Page 1: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

Infórmatea Fondo

NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016Autorízase a reprodución e divulgación desta folla informativa

www.fondogalego.org

Intercambio en Mozambique para promover a igualdade

2

Vacacións con Traballo, “inesquecibles e motivadoras”

6

Nova Alianza Europea de Redes Locais de Cooperación

4

Entrevista con Marga Figueroa, vogal do Fondo Galego

8

FONDO DE ARMARIO11

OS PROXECTOS EN TERREO:A recuperación dun concello ecuatoriano

13

A OLLADA EXTERNA:

Entrevista con David Amor:

“No humor, a mesma temática pode resultar insultante ou converterse nunha denuncia”

14

Page 2: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

> Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 2 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

ACTUALIDADE DO FONDO Intercambio en Mozambique para promover as políticas de igualdade

Concelleiras de catro muni-cipios socios Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade des-prazáronse durante unha semana a Mozambique para compartir a súa experiencia en equidade de xénero coas edís e alcaldesas que conforman a Rede de Mulleres Au-tarcas do país lusófono (RMAM). As concelleiras de Igualdade de Lugo, Moaña e San Sadurniño, e mais a edil de Cultura do Concello de Verín, participaron no encontro estatal organizado en Maputo po-las súas homólogas africanas.

Ana G. Abelleira, María Ortega, Ana B. Gundín e Emilia Somoza expuxeron tanto a súa experien-cia persoal como as claves dos plans municipais de igualdade.

As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas específicos como a escolarización das nenas, a atención sanitaria das embarazadas, a poligamia ou os casamentos prematuros.

No entanto, as políticas iniciaron o seu percorrido visitando o munici-pio de Mandlakaze da man da súa alcaldesa e presidenta da RMAM, María Helena Correia, quen xa vi-sitara varios concellos galegos. Alí

A delegación visitou o municipio de Mandlakaze da man da súa alcaldesa, María Helena Correia.

As políticas avaliaron positivamente o desenvolvemento do proxecto coa Fundação Encontro.

1

Page 3: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

> Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 3 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

tiveron a oportunidade de trocar impresións non só cos membros da Corporación, que expresaron as súas dificultades para ofrecer os servizos de saúde, educación, arranxo de estradas ou abaste-cemento de auga, senón tamén con emprendedoras locais ou con mulleres cabeza de familia, unha realidade habitual no país lusófo-no que adoita levar ás mulleres e á súa descendencia a unha situa-ción vulnerable.

As concelleiras galegas tamén se desprazaron ao distrito de Boane para coñecer o centro de acollida de menores da Casa do Gaiato e supervisar de primeira man o proxecto financiado polo Fon-do Galego á Fundação Encontro, que permitiu incrementar de xei-to notable as consultas pre e post parto. Alí entrevistáronse coas activistas que ían porta por porta en cada aldea para concienciar as nais da importancia de levar un control médico.

Segundo a concelleira moañesa María Ortega, “é impresionante o traballo que entidades coma esta

están a facer con poucos recursos económicos, o seu labor coas dife-rentes comunidades é indispensa-ble para este país”. “O arduo labor de persoas cooperantes e volunta-rias e das organizacións locais per-mitiume ver, comprender e sentir a pertinencia da cooperación ao desenvolvemento para seguir loi-tando a prol da igualdade de opor-tunidades, co fin último de acadar

a xustiza social”, complementaba a lucense Ana G. Abelleira.

A representante de San Sadurni-ño, Ana B. Gundín, amosou pola súa banda “a satisfacción de com-probar que a pequena aportación que os concellos fan ao Fondo Ga-lego serve para poñer en marcha proxectos que contribúen a me-llorar a vida de moitas persoas”,

“aínda que tamén me queda a es-piña de ver o moito que falta por avanzar no eido da igualdade, tan-to de xénero coma entre estratos sociais”, engadía. Emilia Somoza, a edil de Verín, declarouse asema-de “esperanzada ao ver que tanta xente está disposta a un gran cambio a favor da humanidade en todos os sentidos, e practica-mente a cambio de nada”.

A intervención das concelleiras galegas espertou o interese das súas homólogas mozambicanas.

1

Page 4: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>ACTUALIDADE DO FONDO O Fondo Galego únese á Alianza Europea de Redes Locais de Cooperación Internacional

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de unirse á Alianza Europea de Redes Locais de Cooperación Internacional can-da outras oito entidades integra-das por municipios de distintas co-munidades autónomas e de Italia, Holanda, Portugal e outros países lusófonos. O obxectivo é desen-volver estratexias comúns para contribuír á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) fixados pola ONU para loitar contra a pobreza e as desigualdades.

Fomentar a aprendizaxe mutua entre as distintas redes munici-palistas dedicadas á cooperación a través do intercambio de expe-

riencias, mellorar a articulación entre elas e fomentar a creación doutras, así como dialogar coa Comisión Europea e outros orga-nismos internacionais para imple-mentar iniciativas comúns a prol dos ODS, son algúns dos obxecti-vos da nova alianza constituída en Lisboa.

Alén do Fondo Galego, forman par-te o Fondo Andaluz de Municipios para la Solidaridad Internacional, o Fondo Extremeño Local de Coo-peración al Desarrollo, o Fondo de Entidades Locais para a Coopera-ción Descentralizada (Umbria), o Fondo Provincial Milanés para a Cooperación Internacional, a Fe-

deración Italiana das Redes Terri-toriais para o Desenvolvemento, o Consello Nacional para Parcerías das Cidades entre Países Baixos e Nicaragua (LBSNN), a Rede Inter-municipal de Cooperação para o Desenvolvimento, e a União das Cidades Capitais de Língua Portu-guesa.

Os socios do proxecto europeo Redes para o Desenvolvemento déronse cita en Lisboa.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 4 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

2

Page 5: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>A vicepresidenta do Fondo Galego e concelleira en Redondela, Teresa París, foi a encargada de asinar o acordo no marco do Seminario In-ternacional “Autoridades locais rumbo a 2030: diálogos para o desenvolvemento”, ao que asis-tiu en novembro canda o media-dor intercultural do Concello de Ames, Leonardo Pena, e persoal da Secretaría Técnica. O Fondo Galego foi convidado a presentar as súas boas prácticas en materia de comunicación para o desenvol-vemento, que espertaron especial interese entre participantes de Es-tremadura, Italia e Alemaña.

Representantes da Comisión Eu-ropea, do Programa de Desenvol-vemento das Nacións Unidas, de gobernos nacionais e locais, das ONGD, do mundo académico e do sector privado déronse cita na ca-pital lusa. O evento encadrábase na segunda fase do proxecto eu-ropeo Redes para o Desenvolve-mento, centrada na promoción da educación para a cidadanía global, onde o Fondo Galego participa canda o Instituto Marquês de Va-lle Flôr, os municipios tamén por-

tugueses de Loures e O Seixal, a ONGD alemá Fine+p e a fundación holandesa LBSNN. Dentro des-te proxecto xa se organizara un foro internacional en Pontevedra e o Fondo Galego tamén actuara como referente na promoción das redes de cooperación descentrali-zada durante a primeira fase.

Oito entidades de distintos países integradas por municipios impulsan a nova Alianza.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 5 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

2

Page 6: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>ACTUALIDADE DO FONDO Vacacións con Traballo, unha experiencia “inesquecible e motivadora”

Tres técnicas e un técnico dos concellos de Ames, Bergondo e Ourense colaboraron durante un mes en Mozambique e Cabo Ver-de con parceiros do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que estas administra-cións locais son socias.

Malena Rodríguez, directora do Centro de Información á Muller ourensán, traballou durante o mes de setembro coa Asociación Nacional de Municipios (ANAMM) no fortalecemento da Rede Mo-zambicana de Mulleres Autarcas, á que axudou na organización do encontro nacional no que tamén participaron concelleiras galegas. “Derrubar fronteiras, vencer os propios límites... Eis a clave para

a construción da equidade de xé-nero desde a cooperación e a so-lidariedade”, comenta a voluntaria sobre a súa estadía.

Tamén a Mozambique viaxou Mó-nica Mourín, traballadora social do Concello de Bergondo, neste caso para colaborar coa Fundação Encontro na súa área de acción social, que presta atención a me-nores vulnerables e maiores. Ade-mais, aproveitou para supervisar o proxecto a prol da saúde infantil e materna financiado polo Fondo Galego. Para a técnica municipal, foi “unha experiencia inesquecible e motivadora, unha experiencia que remove o enfoque da vida”.

A mediados de outubro partiron para Cabo Verde os técnicos de Turismo Sonia Moure, do Conce-llo de Ames, e Ramón Burdeos, do Concello de Ourense, este últi-mo tamén especialista en desen-volvemento local. Alí achegaron ideas para o impulso do turismo comunitario, tarefa que os levou a percorrer varias illas da man da Asociación Nacional de Muni-cipios Caboverdianos. Segundo a

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 6 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

Ramón Burdeos e Sonia Moure, visitando cos parceiros un dos valiosos enclaves naturais de Cabo Verde.

3

Page 7: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>amiense, foi “unha oportunidade para medrar a nivel profesional, e moi especialmente a nivel per-soal; unha das vivencias máis gra-tificantes e enriquecedoras que se poden ter”. Tamén o compañeiro ourensán se queda “co trato das xentes, co intercambio de expe-riencias e co coñecemento de pri-meira man da realidade africana”.

As e os participantes nas Vaca-cións con Traballo, que contan con financiamento autonómico, ache-garon asesoramento técnico nos países empobrecidos aos que se desprazaron. No entanto, o pro-grama ten sobre todo unha fina-lidade de sensibilización, xa que as e os profesionais entran en con-tacto con novas culturas, toman conciencia das desigualdades e se

converten en axentes da transfor-mación social cara actitudes soli-darias. O seu día a día compárteno a través do blog https://vacacions-contraballo.wordpress.com, men-tres que á volta toman parte en diferentes actividades de difusión. Con esta edición, son xa corenta as técnicas e técnicos munici-pais e provinciais que viaxaron a países do Sur en once anos.

O goberno local de Oleiros recibiu a unha delegación caboverdiana na inauguración da exposición de Rober Amado.

Mónica Mourín, facendo seguemento a unha familia de Changalane canda a súa compañeira Luisa e a activista Inés.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 7 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

3

Page 8: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>ACTUALIDADE DO FONDO Marga Figueroa, vogal do Fondo Galego: “A cooperación internacional impulsada polo Concello ten o apoio da veciñanza”

Marga Figueroa é edil de Participa-ción Cidadá, Cooperación e Recur-sos Humanos en Oleiros, concello pioneiro na promoción da so-lidariedade internacional e un dos fundadores do Fondo Galego de Cooperación, onde ocupou a presidencia durante catorce anos na figura de Alfredo Novoa. Hoxe a concelleira é a representante na Comisión Executiva da asociación, desde onde segue a defender o dereitos humanos universais.

Oleiros é un dos concellos fun-dadores do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, que lles moveu a ese impulso hai case vinte anos?

É un feito que no mundo se man-teñen situacións de explotación, de usurpación de dereitos huma-nos, de guerra, de pobreza extre-ma, diante dos cales, nós, non po-diamos permanecer impasibles. Oleiros é ademais un lugar con acceso á cultura e á información e reaccionamos con compromiso para tentar, na medida das nosas posibilidades, sumar forzas e ar-tellar actuacións en comunidades nas que un pouco de solidarie-dade significa moito. Era e segue a ser un deber e un exercicio de coherencia co noso ideario.

Hai 25 anos había unha falta to-tal de implicación en materia de cooperación internacional das ad-

Marga Figueroa, concelleira de Participación Cidadá, Cooperación e Recursos Humanos en Oleiros e vogal do Fondo Galego.

“No mundo mantéñense situacións de inxustiza diante das que nós non podiamos permanecer impasibles”

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 8 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

4

Page 9: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>ministracións, tanto estatal como autonómica, que se limitaban a favorecer a determinadas grandes ONG e que vían na cooperación un xeito de facer negocio, porque os gobernos estaban mediatizados polas directrices internacionais daqueles que organizaban confli-tos en países de África e Latinoa-mérica, ignorando as necesidades máis básicas do pobo. Por exem-plo, Vacacións en Paz naceu por-que non había unha política clara cara o Sáhara; todo o contrario, desde o goberno se favorecían os intereses de Marrocos. Así, duran-te un congreso da Federación Es-pañola de Municipios e Provincias,

no ano 91, o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, xunto con outros catro concellos de España, propón que se cree unha comisión de cooperación internacional den-tro da FEMP. Grazas á defensa que se fixo desa proposta conséguese

que se abran as portas para a súa futura creación.

Vostede está á fronte da Con-cellería de Cooperación Inter-nacional, unha das poucas que leva ese nome nas administra-cións locais galegas. Que tipo de accións impulsan?

Alén desta participación activa no Fondo Galego, levamos a cabo distintos foros e actividades para promover a denuncia de situa-cións de violencia, desigualdade, marxinación, perigo ou calquera situación de inxustiza no mundo. Desenvolvemos con autonomía o noso propio plan de cooperación, ata onde é factible, para materia-lizar proxectos no exterior, aten-dendo ao seu impacto e necesi-dade, implementados a través de ONG, con institucións ou ben directamente cos destinatarios fi-nais, como é o caso das partidas destinadas a Solidariedade Gale-ga, a Alcaldía de Ciudad Delgado en El Salvador ou a comunidade relixiosa das Madres Mercedarias no Congo, Nicaragua, etc. É unha gran satisfacción comprobar o im-

pacto inmenso que teñen na vida de semellantes, na súa saúde, no seu acceso a educación, na posta en marcha da reinserción fronte a violencia.

No Concello gostan de visibili-zar os proxectos e parceiros que apoian nos países empobreci-

dos, que acollida teñen estas iniciativas entre a veciñanza?

Noutros lugares do estado sabe-mos que moitos concellos retira-ron os fondos destinados á coo-peración internacional porque lle parecía que era politicamente incorrecto “axudar aos de fóra mentres aquí hai xente pasando fame”. Pero no noso Concello o certo é que as e os oleireses son persoas cun alto grao de concien-cia social e solidaria. A nosa deci-sión de levar a cabo iniciativas de

“En Oleiros reaccionamos con compromiso para actuar en comunidades nas que un pouco de solidariedade significa moito”

“É unha gran satisfacción comprobar o impacto inmenso que os proxectos de cooperación teñen na vida de semellantes”

Marga Figueroa participa activamente nas xuntanzas e actividades do Fondo Galego de Cooperación.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 9 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

4

Page 10: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>cooperación internacional para dar continuidade a proxectos vi-tais para que poida consolidarse o progreso de pequenas sociedades que están a superar situacións de extrema necesidade é respaldada pola maioría da veciñanza, como así o veñen manifestando no noso día a día, na concorrencia a actos

nos que interveñen cooperantes e, desde logo, nas urnas.

Cal foi o encontro ou a visita do Sur que máis lle impactou?

Este último encontro que tivemos con Maria José Castro, a directora executiva da Fundação Encontro, que nos facilitou o coñecer direc-tamente o importante proxecto de saúde infantil e materna que se está desenvolvendo en Mozam-bique e no que participamos den-de o Fondo Galego. O mesmo se

pode dicir respecto ás visitas ao noso Concello de Tomás Minero, alcalde de Ciudad Delgado en El Salvador, ou de Rebeca Cervantes, misioneira en distintos lugares de África e America.

Tamén adoitan vincular as ac-tividades de sensibilización aos centros educativos, é importan-te que a escola se implique na concienciación fronte as des-igualdades no eido global?

O goberno central eliminou a Edu-cación para a Cidadanía do currí-culum escolar cando, porén, na sociedade se están a reproducir males preocupantes para o fu-turo do noso modelo: violencia machista, consumo de drogas, corrupción, guerras... De fondo, unha ola de insensibilidade ali-mentada pola instalación nunha realidade virtual a cabalo do abu-so dos novos aparellos e xeitos de “comunicarse”. Desde o concello de Oleiros traballamos conxunta-mente cos centros de ensino, en colaboración tamén coas ANPAS, promovendo a presenza continua e transversal dun dos valores máis

importantes dos que se ten que nutrir unha sociedade. A solida-riedade, a ubicación nunha aldea global na que todo nos importa e todo nos compete, son ideas fun-damentais que inculcamos aos nosos rapaces e rapazas na esco-las, nas bibliotecas, nos progra-mas culturais e de lecer…

Cal é a súa opinión sobre o De-creto de Acción Exterior da Xun-ta?

O novo Decreto de Acción Exterior da Xunta de Galicia, amais de limi-tar as competencias municipais en materia de cooperación para o desenvolvemento, é unha inxe-rencia inadmisible na sensibilida-de e na capacidade dos concellos para decidir as súas políticas de cooperación internacional.

O goberno local de Oleiros recibiu a unha delegación caboverdiana na inauguración da exposición de Rober Amado.

“A ubicación nunha aldea global na que todo nos compete, son ideas fundamentais que inculcamos á rapazada”

“O Decreto de Acción Exterior da Xunta é unha inxerencia inadmisible na capacidade dos concellos para decidir as súas políticas de cooperación”

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 10 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

4

Page 11: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>

Ponteareas e Cabana apúntanse á cooperación

Oito concellos formalizaron a súa entrada no Fondo Galego ao longo de 2016. Os últimos en facelo foron Cabana de Bergantiños e Pontea-reas, que en base á súa poboación van aboar unha cota anual de 420 e 1.734 euros, respectivamente. As achegas invístense tanto en accións de cooperación internacional como en actividades de sensibili-zación en Galicia, xa que os concellos socios teñen acceso a actividades coma contacontos, exposicións ou concertos para promover a defen-sa dos dereitos humanos. Tanto o alcalde pontareán, Xosé Represas, coma o concelleiro de Servizos Sociais, Manuel Troncoso, destacaron que esta adhesión se encadra nas actuacións municipais que teñen como denominador común a igualdade e a solidariedade. Represas apuntou que “o Concello volve sumarse a este tipo de iniciativas” e que “a aposta polas políticas sociais que demostra o Goberno munici-pal amplíase coa nosa integración no Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade”, engadiu.

Rematan os obradoiros ‘Tecendo polo cambio’

Os obradoiros ‘Tecendo polo cambio’ clausuráronse en Pontecesures cun acto de “yarn bombing” no que as participantes colocaron en varias árbores da vila a peza que calcetaron colectivamente para lembrar a pertinencia do coidado ambiental en calquera parte do mundo. Trá-tase dunha actividade de sensibilización fronte as desigualdades, cofi-nanciada pola Xunta de Galicia, que ten como obxectivo achegar ao eido rural e a veciñanza de todas as idades a defensa dos dereitos huma-nos, ao tempo que se recoñece o traballo feminino a través dunha ta-refa compartida por mulleres de todos os tempos e culturas. Logo de estrearse en Lousame, o obradoiro pasou tamén polo Concello de Vilar de Santos, onde se adornou a fonte da Praza do Concello para sinalar a importancia do acceso á auga tanto na nosa contorna coma nos países empobrecidos, onde o Fondo Galego ten promovido diversos proxectos para instalar auga corrente, saneamento ou cuartos de baño.

FONDO DE ARMARIO

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 11 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

*

Page 12: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>

A fotografía como ferramenta transformadora

Preto de 300 mozas e mozos achegáronse á fotografía como ferramenta de transformación social nos obradoiros impartidos polo fotoxornalista Felipe Carnotto en dez concellos socios do Fondo Galego de Coopera-ción e Solidariedade. A actividade de sensibilización pasou ao longo dos últimos catro meses por Xove, Redondela, Teo, Cuntis, Lugo, Lousame, Mugardos, Burela, Fene e A Guarda. Nas sesións, que incluíron prácti-cas nas que o alumnado tirou as súas propias fotografías co teléfono móbil, visionouse ademais o traballo realizado por Carnotto na ruta das persoas refuxiadas e tamén en Nicaragua, país ao que viaxou para visibilizar os proxectos do Fondo Galego tras gañar o certame Imaxes con Fondo II. A actividade acompañou a exposición “Imaxes con Fondo”, conformada por 19 obras que concorreron na primeira convocatoria do certame, e cuxo obxectivo é promover a reflexión, o pensamento crítico e un cambio de actitude dentro da nosa sociedade, por medio da pala-bra e a imaxe.

Máis de 800 persoas nos contos da Tropa

A Tropa de Trapo levou cos seus contos valores como a liberdade, o respecto e a igualdade a dez concellos socios do Fondo Galego de Cooperación. A entidade priorizou este ano as zonas rurais e desde o mes de xuño máis de 800 persoas gozaron das actuacións en Vilasan-tar, Castrelo de Miño, Laxe, San Sadurniño, Boiro, Pontedeume, Ponte-vedra, Ourense, Moeche e A Pobra do Caramiñal. Aínda que a activida-de se adaptou ao público proposto por cada concello, a iniciativa ía nun principio dirixida ás persoas adultas, que adoitan ter menos acceso aos espectáculos de contacontos e á educación en valores. Deste xeito, na maioría dos concellos se representaron os “Contos coas mans abertas”, dentro do Plan de Sensibilización do Fondo Galego, que conta co apoio da Xunta de Galicia. Cunha narración áxil, música en directo e boas doses de humor, as historias levadas a escena tiñan como obxectivo sensibilizar sobre a solidariedade, o traballo colaborativo, o empodera-mento das mulleres, etc.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 12 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

*

Page 13: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>OS PROXECTOS EN TERREO: Contribuíndo á recuperación dun Concello ecuatoriano tras o terremoto

O terremoto de 7,8 graos que deixou 673 per-soas mortas en Ecuador é unha das principais catástrofes rexistradas no ano que remata. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade contribuíu a paliar as súas consecuencias cofi-nanciando a reposición dos sistemas informá-ticos do Concello de Jama, a segunda cidade máis afectada polo sismo, a pouco máis de 50 km do seu epicentro.

Faleceron 27 veciñas e veciños, dun total de 23.250, e o 85% dos edificios quedaron in-utilizables. Entre eles, a propia Casa Consisto-rial, onde urxía ademais recuperar os sistemas informáticos. Estes resultan esenciais para o bo funcionamento dunha institución clave para minguar os efectos do desastre e impul-sar a recuperación da zona e das súas xentes. O Fondo Galego achegou 8.000 euros para a súa adquisición, instalación e configuración e o Fons Català de Cooperació al Desenvolupa-ment contribuíu con 2.000 euros. A responsa-ble de América Latina nesta entidade, Victòria

Planas, visitará en 2017 diversos concellos ga-legos para dar conta da actuación, que avaliou sobre o terreo.

O propio Concello de Jama puxo 16.382 euros para levala a cabo e tamén colaborou a Aso-ciación Latinoamericana para a Integración

dos Inmigrantes (ALII), que foi a encargada de mercar os equipos e asegurarse de que chega-ran ao goberno local nas condicións axeitadas. Trátase dunha entidade catalá promovida por migrantes latinos, entre os que hai moitos do Ecuador, de xeito que a intervención inclúe así unha compoñente de codesenvolvemento.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 13 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

As dependencias do Concello de Jama reinstaláronse provisionalmente en carpas e casetas de obra.

*

Page 14: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>A OLLADA EXTERNA

David Amor: “No humor, a mesma temática pode resultar insultante ou converterse nunha denuncia” @DavidAmorTv

Pouca xente sabe que, antes de “machacarse” no entretido ximna-sio do ‘Gym Tony’, David Amor foi xogador de balonmán, disciplina que compatibilizaba cos estudos de INEF. Da man da actriz María Castro adentrouse no mundo do espectáculo apuntándose a unha axencia de modelos. Monolo-guista, actor, presentador... o seu rostro é hoxe coñecido na peque-na pantalla e sobre as táboas do teatro, pero a fama non lle impide seguir colaborando con múltiples causas solidarias ao longo do ano.

Antes de centrarte na túa ca-rreira como actor e humorista eras ante todo xogador de ba-lonmán, que valores che trans-mitiu este deporte?

O traballo en equipo, a constan-cia, a solidariedade... son moitos. O deporte é marabilloso.

Tes participado en accións so-lidarias a prol dos refuxiados, Síndrome de Down, loita contra a pobreza... Cal é a causa coa que te sentes máis identificado?

Pois unha que estou a facer agora e que ten moita menos repercu-sión pero para min é a máis gra-tificante. Son unhas charlas moti-vacionais que dou para rapaces de instituto.

Como persoa pública, sentes a responsabilidade de implicarte neste tipo de loitas?

Penso que é bo devolver tantas cousas boas que recibimos. Pero non é mellor persoa que o fai, nin peor o que decide non participar. É unha opción moi persoal.

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 14 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

O humorista David Amor.

“O deporte é marabilloso, transmitiume valores coma o traballo en equipo, a constancia, a solidariedade...”

“É bo devolver tantas cousas boas que recibimos implicándonos en loitas sociais, pero é unha opción moi persoal”

*

Page 15: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>Tense criticado que personaxes de series humorísticas e mesmo os contidos de determinados monólogos contribúen a repro-ducir estereotipos de xénero, etnias, nacionalidades, etc. É algo que tes en conta?

Todo depende como se faga. A mesma temática pode ser insul-tante, e abordada doutro xeito ata pode ser unha denuncia, con humor, pero denuncia. E están a falar do mesmo.

Es o guionista dos teus propios monólogos, de onde sacas as ideas?

De onde podo! (risas). Un pouco de todo: dende vivencias, esaxe-rándoas un pouco, ata cousas que simplemente me fan gracia.

Agora que te vemos máis en se-ries e en grandes teatros, non botas de menos o contacto di-recto co público dos monólogos nos bares?

Son épocas, de feito de vez en can-do aínda me dou algún “capricho”. Cada lugar ten o seu aquel.

Manteste moi activo nas redes sociais, é unha vía máis para darlle saída á túa creatividade?

Pois si, ademais aí fago o que eu quero... Esa liberdade é fantástica, e por desgraza moi difícil de ter.

Presentácheste a Míster Galicia e gañaches o título de Míster Simpatía, está o aspecto físico sobrevalorado na nosa socieda-de?

Máis que sobrevalorado, mal enfo-cado. Coido que a beleza é algo bo. A todos nos gusta unha paisaxe bo-nita, construcións que nos impre-sionen... pero coa beleza das per-soas o discurso enrarécese. Creo que a beleza é algo a valorar, e que todos deberiamos tentar vernos o mellor posible a nós mesmos, sen que isto sirva como escusa para a exclusión, mofa ou trauma se un non chega aos cánones que preva-lezan nese momento.

En que novos proxectos andas embarcado?

Pois nunha chea de cousas! Un es-pecial de nadal para a Televisión de Galicia, onde darei as badala-das tamén. En xaneiro retomamos ‘Gym Tony’ en Madrid, e moitas ac-tuacións por España adiante... Así que ben!

Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade [ 15 ] N o F o n d o f u n c i o n a a s o l i d a r i e d a d e

INFÓ

RMAT

E A

FON

DO

: 14

· w

ww

.fond

ogal

ego.

org

“Se un non acada os cánones establecidos, iso non debería ser motivo para a exclusión, mofa ou trauma”

O monologuista xogou ao balonmán en diversos equipos galegos.

O actor durante unha das múltiples galas solidarias nas que participa.

*

Page 16: Infórmate NÚMERO 143 3º TRIMESTRE 2016 a Fondo ... persoal como as claves dos plans municipais de igualdade. As edís mozambicanas alertaron, á súa vez, sobre algúns problemas

>IN

FÓRM

ATE

A FO

ND

O :

143º

·

ww

w.fo

ndog

aleg

o.or

g

SOCIOS DO FONDO GALEGO Concellos: A Coruña, A Estrada, A Guarda, A Laracha, A Pobra de Trives, A Pobra do Caramiñal, Abegondo, Allariz, Ames, Arteixo, As Pontes, Barro, Bergondo, Betanzos, Boiro, Brión, Burela, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Caldas de Reis, Cambados, Cambre, Carballo, Cartelle, Castrelo de Miño, Castroverde, Cedeira, Corcubión, Covelo, Culleredo, Cuntis, Dumbría, Fene, Ferrol, Fornelos de Montes, Gondomar, Laxe, Lousame, Lugo, Malpica de Bergantiños, Manzaneda, Moaña, Moeche, Mondoñedo, Monforte, Moraña, Mugardos, Narón, Nigrán, Noia, O Barco, O Irixo, O Porriño, O Valadouro, Oímbra, Oleiros, Ourense, Outes, Poio, Ponteareas, Pontecesures, Pontedeume, Pontevedra, Porto do Son, Ramirás, Redondela, Rianxo, Ribeira, Riotorto, Rodeiro, Sada, San Cibrao das Viñas, Sandiás, Santiago de Compostela, San Sadurniño, Sarria, Silleda, Soutomaior, Teo, Tomiño, Triacastela, Valga, Verea, Verín, Vilagarcía de Arousa, Vilar de Santos, Vilardevós, Vilasantar, Viveiro, Xove Deputacións: A Coruña, Lugo.

INFÓRMATEa FONDO

Edita: Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade Redacción e Administración: Centro Cívico Sur, Rúa Luís Braille, 40 36003 PontevedraTel/Fax: 986 84 34 36 / 698 14 45 36 Internet: http://www.fondogalego.org email: [email protected] Depósito Legal: VG-473-2007Autorízase a reprodución e divulgación desta folla informativa